A figura de Rosalía de Castro estivo onte moi presente en boa parte dos concellos e centros educativos da comarca. Moitos foron os que quixeron recordar á escritora na data do seu 179º aniversario, escollida como Día de Rosalía, pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, colectivo que ademais fixo extensivo o convite ós municipios galegos para que se sumaran a esta celebración.

Na zona, os actos sucederénse ó longo da xornada e na sua maioría contaron coa lectura de fragmentos das obras máis representativas da escritora de Padrón. Tampouco faltou o acompañamento musical en gran parte destas homenaxes poéticas. Rodeiro apostou por celebrar os actos xa de mañá, pasadas as 11.15 horas, e converteuse así nun dos primeiros puntos en acoller esta celebración. Un acto no que tiveron especial representatividade os escolares que se encargaron da lectura dos textos e que conclui coa interpretación da vocalista e veciña Begoña Lorenzo.

Pouco máis tarde foi turno para a capital dezá. Neste caso os actos tiveron lugar no Parque de Loriga que acolle un monolito en recordo da autora. Unha ofrenda floral e a lectura de textos por parte do alumnado do IES Laxeiro centrou o tributo. A nota musical veu da man do gaiteiro Plácido Rozas. O acto contou coa presenza do rexidor, Rafael Cuiña, que anunciou que o Concello promoverá iniciativas para poñer en valor a figura da "nai da cultura galega". Ademais, a pegada da escritora tamén quedou impresa na vila coa colocación de poemas e textos en distintos puntos.

Xa pola tarde, Silleda tomou o relevo coa celebración de sendos obradoiros de chapas e de creación dun libro sobre a escritora. En Trasdeza os actos continuarían á tardiña no Centro Cultural Vista Alegre de A Bandeira coa lectura interpretativa a cargo da artista Cristina Collazo. Un espazo no que tamén se estreou o poema de Diego Rodríguez adicado á poetisa. A impronta da autora quedou fixada cos carteis repartidos polas dependencias municipais.

En Vila de Cruces os actos concentráronse a media tarde. O xornalista Manuel Núñez Fiúza e o mestre Xosé Carlos Carracedo encargáronse da lectura de textos e estiveron acompañados da música de Sabrina Salgado Leal. Xunto cos actos institucionesias os centros educativos acolleron homenaxes á escritora.