Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlota Salgado: "Os maiores non actuamos con naturalidade á hora de crear"

"A tecnoloxía aínda está lonxe de suplantar o ocio no rural"

Carlota Salgado pinta na sede do Alimighocha Rosa en Vila de Cruces. // Bernabé/Javier Lalín

Alimighocha Rosa é unha empresa de animación sociocultural que comezou a funcionar hai tres anos nun local do casco urbano de Vila de Cruces. A súa promotora, Carlota Salgado, procede do mundo da música e está formada en Belas Artes. Combina a súa docencia de clases de flauta traveseira en Santiago cos obradoiros que organiza para nenos e adolescentes.

-¿Por qué escolleu este nome para a súa empresa?

-Porque as limigochas, ou lesmas, están moi asociadas ao clima húmido de Vila de Cruces. E co de rosa quería facer un cruce de ideas, dárlle un toque de cor.

-¿Tén programación estable ao longo do ano?

-Así é. Por unha banda, facemos sesións colectivas de seis ou sete nenos, para impartirlles aulas de fotografía, pintura ou estampa. Despois tamén preparo sesións individuais. Agora mesmo estamos traballando cunha ducia de nenos todas as semanas, mentres que os adolescentes e pre-adolescentes acoden cando llelo pide a inspiración.

-¿Tén pensado organizar obradoiros para a xente adulta?

-Gustaríame moito, pero é difícil chegar á xente maior, porque os adultos temos demasiadas cousas na cabeza que nos impiden actuar con naturalidade á hora de crear. Por exemplo, eu estou en contra de que nas clases de pintura que se imparten para mulleres rurais só se lles ensine a pintar bodegóns e flores, que ademais é algo rancio, cando estas mulleres poderían aportar moito máis. E hai que pensar que estas mulleres de aldea son as gardiás dos nosos costumes e da nosa maneira de pensar.

-¿Cambiou moito a forma de divertirse dun neno de hai 20 anos en comparación coa dun neno da actualidade? ¿Qué papel xogan as novas tecnoloxías?

-Eu penso que aos nenos aínda lles gusta disfrutar nos talleres de creación, e creo que a tecnoloxía aínda non penetrou tanto no rural como para suplantar as formas tradicionais de ocio. O que se trata é de educar a estes nenos nun uso responsable da tecnoloxía. Por exemplo, eu aos meus alumnos sempre lles poño deberes voluntarios e anímoos a que busquen información en google. Os nenos aínda están moi conectados con iso de recortar, pegar e 'guarrear' coas cores, mentres que os pais sempre son máis reacios a iso das manchas. E volvemos ao que dicía antes dos adultos, que temos nesta vida todo moi programado, como moito metido en caixóns. Por eso, eu ás veces nos talleres que organizo propóñolles aos nenos que se desmadren coa pintura durante 15 minutos, e isto forma parte da natureza da expresión de cada un. Os nenos pequenos teñen moitísima creatividade, e hai que darlle todas as pautas para que poidan sacala á luz.

Compartir el artículo

stats