Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A memoria dos 'cacharelos'

A figura, que toma o nome do barrio da Cacharela, xurdiu en 2008 nunha charla entre amigos como "un espírito protector da festa que enfariña á xente que non vai disfrazada"

Un grupo de 'cacharelos" rodean ao encargado de bautizar a novos membros en 2015. // Bernabé/Luismy

A paternidade dos cacharelos temos que atribuila a varios lalinenses, entre os que está Alberto Granja, do que partiu no seu momento a idea, como un paso máis cara a recuperación do espírito do Entroido de crítica e chirigota, rachando co oficialismo do Concello, dos tradicionais concursos de máscaras, baile e premios aos disfraces. Alberto ven sendo o artífice da lenda, os cantares de cego e o lume, da imaxe do Santo Torrisco, que se leva en procesión máis como escarnio e burla que outra cousa e a súa concreción, contido e forma, xunto coa idea do Vermú de Señoritas, do que falaremos noutra ocasión, e o enterro do Santo Torrisco que xa dende o ano 1986 se coordenaba dende a Asociación Cultural O Naranxo e os Viravolta, de Anxo Basterra, o mestre dos monicreques e o teatro de Barriga Verde é culpable da súa implantación en Lalín.

Os cacharelos van ataviados cun traxe adornado con cintas de cores moi vistoso e floreado e unha máscara de madeira, e, como noutras citas do Entroido galego, exercen de animadores do encontro. Normalmente son sete -este ano agárdanse novos "bautizos"- os veciños que, ataviados deste xeito, saen as rúas, dende o vello barrio da Cacharela, portando pólas de toxos nas súas mans, que usan para protexerse e incomodar á xente que non está disfrazada. O mesmo fan pouco despois con arcilla mollada e con foles polos que sae fariña, coa que branquear os espectadores. O seu obxectivo, ademais de disfrutar coa festa pagana, pasa por conseguir cos veciños participen do Entroido, unha cita que se retomou con forza hai xa máis de dez anos tratando de espertar o sentido e gusto polo Entroido en Lalín, do mesmo xeito que na Bandeira ou Merza, ou Vila de Cruces fan xa coa figura dos Xenerais da Ulla, moito máis arraigada na historia e consolidada ano a ano.

É unha festa aberta a todo o mundo, no que se pretende o disfraz, o cambio de identidade e dar solta os gustos, modos e actitudes máis irreverentes na loita de don Carnal e dona Coáresma, ademais, se comparte un agradable momento de irmandade e veciñanza dando conta dos saborosos postres tradicionais que os veciños do lugar preparan, así como da música que soa sen parar toda a tarde-noite animando a festa.

O nome, cacharelos, fai referencia ao propio barrio da Cacharela, que lembra o lume e as fogueiras (como as de San Xoán). A idea xurdiu alá polo 2008 no transcurso dunha charla doce entre amigos tomando uns grolos no bar Casa do Antón, berce do grupo musical A Banda do Antón, da que forman parte Alberto Granja, un dos promotores fundamentais dos cacharelos, xunto con Moncho González, Celso Fernández Sanmartín ou Luchi Iglesias, entre outros. Foi aquela noite cando se acordou facer algo pensando en reunir aos veciños co gallo do Entroido. "Recordando como anos atrás na Cacharela se celebraba o San Xoán con todos os veciños, e era algo moi fermoso, como con pouca cousa nos xuntabamos para facer festa, nenos e maiores", recorda Tito González, un dos promotores, na orixe, desta figura hoxe consolidada do Entroido lalinense.

"Foi entón cando nos demos conta de que queríamos facer algo parecido -conta Moncho González- e, como tampouco había unha grande oferta carnavalesca no pobo, decidimos facelo o domingo de Entroido". Lembra que "ese primeiro ano, en 2008, chovía arreo. Aínda así, xuntámonos en torno a unha mesa chea de postres que elaboraran os veciños, con música para amenizar o ambiente e foi alí cando xurdiu a figura do cacharelo, aínda que por aquel entón foran uns simples sacos de arpillera que nos cubrían o corpo e a cabeza". "A misión do cacharelo é simplemente enfariñar á xente que non vai disfrazada. É como un espírito protector do Entroido, así foi como o consideramos e como quedou definido inicialmente, so quedaba darlle forma nos vindeiros anos", aclaranos Celso. "Aínda non entendemos como hai xente que se arrisca a non vir disfrazada ás rúas da Cacharela de Lalín, pero, por outra banda, é de agradecer, así os cacharelos, ano a ano, seguirán tendo traballo no enfariñado dos curiosos", matiza Alberto.

O traxe

Ao finalizar aquela primeira edición, optouse pola posibilidade de crear un personaxe característico que identificase o Entroido da Cacharela. O traxe do cacharelo componse dunha funda cuberta de estreitas cintas de cor vermella, laranxa, negra e amarela, aínda que predomina a cor vermella e laranxa. Estas cintas representan o lume, xa que a palabra cacharela significa: Lume moi grande, xeralmente ao aire libre. A máscara evoca unha creación do desaparecido artista Laxeiro. Está feita a medida e é de cartón pedra. É cadrada e leva uns cornos auténticos de vaca, abertos cara aos lados. Cubrindo o pelo van uns farrapos de cor beixe, marrón, amarelo esvaecido. O que máis chama a atención é o ramallo de toxo que levan na man e co que intentan darlle aos que non levan disfraz. Arredor da cintura, uns cencerros ou chocas axudan a animar o ambiente. Mentres corren, as chocas que levan na cintura provocan un estridente barullo, anunciando a súa chegada. E ollo, estade atentos! Perseguen a todo aquel que vaia sen disfrazar para pegarlle co ramallo de toxos ou botarlle fariña enriba.

É moi emocionante ver un traxe de cacharelo entre pantallas, cigarróns ou peliqueiros, e como pouco a pouco foise facendo cun lugar nos entroidos máis enxebres do país. "Decidímonos por facer o que podemos considerar coma unha especie de multihomenaxe", apunta Moncho González en relación á confección do traxe: A máscara está sacada da obra O Mascarón, que Laxeiro pintou en 1934, unha recreación que foi posible grazas a Luchi Iglesias; a roupa, un aceno ás cacharelas de San Xoán, que dan nome ao barrio, con cores que simulan as chamas do lume; e unha última homenaxe ao carnaval propiamente dito.

De feito, á marxe do Entroido, o cacharelo, como espírito que vén do lume e que o domina, ten outra cita importante, o San Xoán, sendo os encargados de prender a chama da cacharela na noite máis curta do ano, tal como aclara Moncho. Outro aspecto característico deste personaxe é que ofrece un espectáculo non só visual, polas cores rechamantes e a máscara, senón tamén un espectáculo de son, do barullo que saen das chocas que levan na súa cintura. É un personaxe para ver, escoitar e sentir.

Enterro da sardiña

O cacharelo nace como unha figura irreal que tan só pode estar presente aquí, nestas rúas do noso barrio, polo que unicamente anda pola Cacharela. Só hai un momento en que sae do barrio: É no enterro da sardiña para acender o lume que queima o meco o mércores de cinza. Pódese considerar un agradecemento á Asociación O Naranxo -organizadora da queima do meco- por axudar aos veciños da Cacharela a darlle forma a esta figura.

A participación dos veciños é o que fai posible esta celebración. Cada ano, un mes antes do carnaval, a xente xa se vai ofrecendo pola rúa para facer as sobremesas. "Xúntanse máis dunha ducia de postres diferentes, poñéndose á venda pratos repletos de doces, un diñeiro que nos serve para financiar o carnaval do seguinte ano, xunto coa venda de rifas en Nadal", detallan.

En canto á organización, empeza sempre o luns de Entroido, ao día seguinte da cita, "cando nos xuntamos para valorar que tal saiu todo e ver as cousas que se poderían mellorar, sempre é mellor facelo en quente -prosegue Moncho-. Logo, a partir do mes de outubro, empezamos a quedar unha vez case todas as semanas para preparar todo". Un par de meses antes únese Luchi Iglesias para coordenar os xogos que propoñerá ese día.

"Todos nós coincidimos en pensar que o Entroido é algo máis que concursos e premios: É espectáculo, imaxinación, troula e desvergoña, non coñezo a ninguén que non lle gusten estas datas. O único que recordo escoitar é aquilo de 'a min gústame o Entroido pero non hai onde ir ou que facer'. Nós propoñemos algo, sen dúbida algunha, novidoso", lembra Moncho. "Cada ano estamos abertos a facer algo novedoso para que a xente se divirta e participe, desinhibido, da festa, poñendo a música, a cor e o calor mesmo que chova", insisten, ao tempo que son benvidas suxerencias e ideas.

(A miña gratitude a Alberto Granja, Celso Fernández Sanmartín e Moncho González, alma mater dos cacharelos que me facilitaron xenerosamente a información para este artigo).

Compartir el artículo

stats