Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vida e milagres do Santo Torrisco

O 'patrón dos torresmos' que preside a procesión sacrílega do sábado naceu en 1988 da man da asociación O Naranxo

Coplas do 'Ano de Chascomús' (1989), unhas das primeiras creadas.

Lalín, o mesmo que todo o país, vive e goza cada vez máis dun Entroido que durante anos, nos tempos grises da represión e ditadura, tentouse eliminar con absurdas prohibicións e mesmo multas administrativas para os que desobedeceron a necedade dos nosos mandamases. Festa de raíces ben profanas, que nace do pobo mesmo e se perde na noite dos tempos, que ano a ano se vai consolidando nas nosas rúas e gañando adeptos e que aquí ten unhas connotacións propias: Os Cacharelos e o Santo Torrisco e o Vermú de Señoritas.

Neste segundo artigo de hoxe ímonos ocupar da historia do santo máis milagreiro de Lalín, que a temos que buscar na propia orixe da Asociación Cultural O Naranxo, xa que dende o principio o Entroido foi unha das súas actividades estrelas: "Teimamos por facer un Entroido baseado na tradición popular galega, artellado de xeito participativo e desenvolvido na rúa; recuperando a transgresión do normal, e azuzando a crítica e a sátira dos día a día de Lalín", cóntanos Alberto Granja.

Dende 1985 ata 1988 os actos do Entroido do Naranxo eran:

-Sábado, foliada polos bares.

-Domingo, Día dos Cegos. Tratábase de recuperar a tradición dos cantares de cegos que antes andaban polas feiras e romarías cantando o que acontecera na comarca ou crimes espantosos con mortos a esgalla. "Membros do Naranxo vestiámonos de cegos e cantabamos polas rúas e bares un cantar resumo do que aconteceu na vila, e un crime inventado, que normalmente facía referencia ao motivo ou personaxe que se queima no remate do Entroido -relata tamén Granja-. As coplas repartíanse entre os presentes e solicitábase a vontade, que era destinada a pagar os viños e financiar o enterro da Sardiña e a queima do Entroido".

-Mércores: Xuízo e queima do Entroido. Organizábase unha procesión que percorría a vila; abrindo a procesión un membro da Benemérita seguido polo motivo a queimar; no percorrido pedíaselle aos veciños das casas por onde pasa a procesión que saíran a chorar o Entroido; chegados ao lugar da queima facíase un xuízo con avogados defensores, fiscal e testemuñas e, se e o Entroido era condenado, queimábase.

No ano 1988 introducen como variante nos actos festivos un santo para sacar en procesión. Acordouse nomealo Santo Torrisco de Siracusa, "o santo patrón dos torresmos". Os actos íanse complementar coa participación dos hostaleiros de bares e tabernas implicados no Entroido, aos que se lles pediu que ese día deran torresmos de tapa para honrar o santo na súa procesión polos establecementos.

Cóntanos de novo Alberto Granja que foi Anxo Basterra (Viravolta, Barriga Verde, o mago dos monicreques), o que se puxo a traballar e fixo un santo cunhas zapatillas vellas, unha cabeza de boneco coa cara de anxo, unha tea facendo o corpo e uns guantes a modo de mans, colocoulle unha espada, e na punta da espada púxolle un torresmo; tamén fixo o transportín para poder levalo en procesión e unhas estampiñas para repartir polas rúas.

A procesión do Santo Torrisco saíra pois por primeira vez aquel ano, a partires do que ía nacer a súa lenda de "santo milagreiro" despois de que o intento de que ardera no lume o mércores resultara todo un acontecemento. Foi alí, na Praza da Igrexa, diante de todos cando un dos asistentes, membro da asociación e chamado Paniagua, colleu a imaxe do santo e guindouna ao lume; milagrosamente, o santo quedou enriba da pira sen arder, polo que Paniagua insistiu en coller a imaxe e volvela colocar no lume; desta volta as lapas fixeron o seu traballo e o santo comezara a arder, mais, de súpeto, a imaxe caeu no chan e apagouse entre os berros dos asistentes de "milagre, milagre!". Á terceira din que vai a vencida, así que o Paniagua tomou de novo o santo e mandoulle unha boa viaxe ao medio das lapas, que desta volta si que deran conta del.

Haxiografía

Así foi que na honra deste santo milagroso e para sempre se decidira sacalo en procesión cada ano, tal e como se vén facendo, e venerar a súa imaxe como o santo patrón do Naranxo. Para darlle contido e cabida no noso santoral -cóntanos Granja- tivemos que facer unha lenda da súa vida e milagres que, co nome de Santo Torrisco de Siracusa, deu na seguinte haxiografía:

"Naceu Santo Torrisco en Catasós e viviu no século II na cidade de Siracusa. No ano 192 d.C., durante unha terrible ola de fame que ameazaba con deixar a cidade sen poboadores, Torrisco descubriu nunha alacena un anaco de touciño, do que, cortando finiño mediante a técnica aprendida do comerciante Ibensus Heladerum, conseguiu sacar torresmos para tódolos habitantes, o que a historia chama 'a milagre dos torresmos'. Martirizado e queimado en Lalín polo Cónsul Panem Accuae, foi elevado ós altares co nome de Santo Torrisco de Siracusa polo Papa Angelicus Basterrae no ano 1989".

Na súa honra en demanda de favores e milagres elévase polos fieis e beatos a seguinte oración de todos coñecida: Dame un torresmo / Santo Torrisco Bendito, / non mo des cru, / mellor dámo frito. / Ai, Santo Torrisquiño! / Ai, Santo Torriscazo! / Ai, que favorciño / fixécheslle ó meu bazo! / Santo Torrisco bendito / dame un torresmiño / damo moi, moi grande / mellor que pequeniño. O seu santoral é Sábado de Entroido. E as indulxencias: "Liberación do pecado do fornicio se é recitada con fe antes do acto".

Anos máis tarde, en 1992, a devoción e o fervor popular levounos a nomealo como santo patrón dos músicos da terra que abren a peregrinaxe de taberna en taberna levando as andas co santo nas costas, santa procesión coa que da inicio o Entroido. Guiados polos sons das súas gaitas e unha música máis ou menos sacrílega, como frautistas de Hamelin que nos feitizan, a diversión destes días de Entroido lalinense da comezo o Sábado Santo, no que sae da taberna A Tasca, O Descendemento do Santo Torrisco, e vai á Taberna da Praza, dende onde se sae en animosa romaría de coplas de cegos, músicas, pregarias, contos e lendas nunha noite interminable de farra polas rúas da vila que veu nacer o santo dos santos e que o deu encumbrado no máis alto do santoral.

(A miña gratitude pola información pormenorizada e anécdotas das que me deu conta Alberto Granja, tanto para comprender o Entroido de Lalín, como os actos que teñen lugar durante o mesmo).

Compartir el artículo

stats