Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soutolongo, aldea singular (III)

Terra de "homes de estado"

Francisco Gil de Taboada, virrei de Perú, e Pedro Agar y Bustillo, rexente de España en 1810-1812, son dous dos seus fillos ilustres

O Pazo de Des, de estilo neoclásico, foi o centro dun dos señoríos máis importantes de Deza. // A.P.

Durante estes séculos o campesiñado de Soutolongo viuse sometido a múltiples imposicións, que podemos clasificar en dous grupos: As obrigas que lles correspondían ao estamento privilexiado que residía na parroquia e as que lle viñan impostas por outros estamentos externos que tiñan dominio xurisdiccional aquí. Entre os primeiros figuraban a Encomenda de Beade e os catro señoríos establecidos na parroquia e, entre os segundos, o Conde de Lemos, o Cabildo de Santiago e varios mosteiros (Oseira, Aciveiro, Carboeiro e Antealtares). Algúns investigadores da comarca (Francisco Rubia e César Gómez) calificaron a Soutolongo como a "terra dos señoríos".

O Catastro de Ensenada (1752) describe, ao longo das 40 preguntas do interrogatorio, a situación da parroquia con bastante precisión. A sociedade campesiña era, na súa inmensa maioría, analfabeta e a cultura estaba reducida, en gran parte, aos ideais da clase dirixente, sendo o cristianismo a base fundamental da mesma. En Soutolongo chegaron a contabilizarse a un tempo oito cregos: Eirexe (párroco-prior), Des, Vilar, O Pazo, Soutolongo de Abaixo e Viñoa, onde chegou a haber tres xuntos. Existían capelas en case todas as aldeas: Viñoa, Des, Castro de Arriba, Lodeiro e o templo parroquial en Eirexe.

O contraste nas formas de vida entre os "privilexiados" e os "non privilexiados" era notorio nos costumes, nos hábitos, nas formas de vestir e nas relacións sociais. Os nobres ocupaban un lugar de privilexio en todos os actos relixiosos e sociais e das súas filas saían os "homes de estado", caso de Frei Francisco Gil de Taboada, virrei de Perú e alto cargo cos reis Carlos IV e Fernando VII, ou Pedro Agar y Bustillo, que foi rexente de España durante a invasión francesa, en 1810-1812.

Durante o século XIX tiveron lugar unha serie de acontecementos, pero non se coñecen datos concretos do que ten sucedido, con exactitude, en Soutolongo. As desamortizacións (Mendizábal e Madoz) afectaron ás propiedades da igrexa e conlevaron a desaparición da maioría dos mosteiros e da Encomenda de Beade. En Soutolongo as propiedades da igrexa quedaron a salvo ao enganar á Administración mediante unha falsa compra dos seus bens. O último prior de Soutolongo era natural da casa de Mouriscade e durante o seu exercicio tivo lugar a incorporación desta parroquia ao obispado de Lugo en 1884. Ao ano seguinte (1885) ten lugar a primeira visita pastoral do prelado lucense. En 1891 celébrase o "arranxo parroquial", previsto no Concordato de 1851, entre España (Isabel II) e a Santa Sé (Pío XII). O arciprestrado de Deza pasa a ter 48 parroquias e San Paio de Lodeiro deixa de ser anexo de San Xoán de Vilanova, pasando a depender, definitivamente, de Soutolongo.

Os cambios administrativos prodúcense na época de Javier de Burgos, ministro de Fomento, quen realiza a división provincial de España en 1833. O Reino de Galicia pasa de sete a catro provincias e a zona de Soutolongo incorpórase á provincia de Pontevedra, aínda que no mapa eclesiástico continúe integrada á diócese de Lugo.

No último tercio deste século comeza a activarse a emigración a unha América independizada, agás Cuba, e esta parroquia vese afectada polo ciclo migratorio que se dirixe, en especial, cara a Arxentina e Uruguai. A mediados de século tivo lugar unha emigración estacional para participar na seitura en terras da Submeseta Sur, en Toledo: "Saían das súas casas cunha petada de pan e zocos novos e voltaban ao cabo de dous meses negros como o chamizo. Aquel traballo non valía para calquera".

As guerras

Os cambios socieconómicos que se estiveran orixinando durante o século decimonónico seguiron o seu proceso durante o século XX pero sucederon outros acontecementos que fixeron cambiar a súa evolución. Os feitos históricos máis importantes foron: A repercusión das cinco guerras, os cambios na propiedade agraria, a modificacón e mellora das comunicacións, a chegada da electricidade, os ciclos migratorios, o éxodo rural, o cambio de modelo agrario e os conflictos parroquiais.

A Guerra Colonial de 1898 ou Guerra de Cuba apenas afectou á parroquia, a non ser pola presenza dalgún excombatinte.

A I GM tivo unha repercusión indirecta, por causa da gripe española de 1818, ao rexistrarse sobremortalidade na parroquia.

A Guerra Colonial de África ou Guerra de Marrocos (1909-1923) notouse no reclutamento de soldados, porque varios veciños tiveron que prestar servizo militar en Marrocos, ao non se poderen librar por falta de recursos económicos para redimirse. Era a guerra dos pobres, a guerra feita con soldados reclutados nas "provincias agrarias" de España.

A Guerra Civil tivo resultados moi adversos, tanto pola morte de veciños na fronte, como polos efectos da represión durante a ditadura. Os dous exemplos máis significativos foron a condena do exalcalde republicano Manuel Ferreiro, veciño de Lodeiro, e a interminable persecución que tivo que sufrir Marcelino García, de Vilar. Outros, culpados de ser "roxos" foron condenados ao lazareto da Illa de San Simón ou tiveron que aportar probas da súa inocencia, como o mestre Manuel González, alias O Cancelo.

A II GM non tivo repercusións directas na parroquia, pero si o bloqueo económico internacional contra a dictadura española. Durante a posguerra Soutolongo sufriu os efectos típicos deste período, como a recollida obrigatoria de alimentos básicos (requisa), para os soldados que permanecían en filas. Ante a escaseza recurriuse ao racionamento, que se levou á practica mediante a "cartilla". A reacción foi o estraperlo, mediante o que chegaban produtos elaborados fóra do país (tabaco, café, pedras de afiar, cintos, roupa, navallas, etc.), e o aumento da capacidade de autoabastecemento. Durante o período autárquico intensificouse o policultivo agrícola, favorecido polo minifundismo, aumentou o número de artesáns e as feiras reactívaronse. En case todas as casas se incrementou o número de árbores froiteiras. Ao rematar o bloqueo económico, pronto se recibiu a axuda americana (Plan Marshall), que nesta parroquia se reduciu á chegada de leite en po e queixo.

A persecución ideolóxica do período franquista tamén lle afectou á parroquia mediante "purgas" realizadas pola Garda Civil. A súa presenza era constante, porque se desprazaban continuamente entre o cuartel de Lalín e o destacamento dos Carballiños (Vilatuxe).

A propiedade agraria

Durante o mandato de Primo de Rivera tivo lugar a abolición do "rexime foral" (1926), ante a necesidade de incrementar os ingresos por contribucións, e isto afecta aos señoríos, que empezan a perder peso, non só polos cambios lexislativos, senón tamén por causa do aburguesamento da clase nobiliaria. A maior parte dos señores vivían nas cidades e controlaban as terras por medio de maiordomos. Mesmamente os foros que se pagaban terminaban en destinos incertos. Nos anos 1926-27 procedeuse á apertura dunha nova vía de comunicación, a estrada que une Lalín con Pontevedra. Esta vía facilita as comunicacións con Vigo, porto de embarque dos emigrantes cara América. Na década de 1950 cambiouse o firme desta estrada, pasando do macadam ao aglomerado, e construíronse dúas pontes: A denominada Pontenova, sobre o río Asneiro e a da estación do tren, por encima da vía.

A chegada da luz

No ano 1919-20 construiuse a central hidroeléctrica do Castro, aproveitando o caudal do río Asneiro, na aldea de Vilar, pero a chegada da electricidade á parroquia non se produciría ata que se trazou a liña de alta tensión que viña desde Dorna, atravesando a Serra do Candán. Na década dos anos 60 todas as aldeas tiñan luz eléctrica, cunha tensión de 110 voltios e, trala construción da subestación de Lalín, conectada á Central de Belesar, na seguinte década, esa potencia subiría ata os 220 voltios. A verdadeira mellora na electrificación da parroquia non se produciría ata os anos 90, co plan MEGA.

Durante o primeiro tercio do século XX houbo unha forte emigración a Latinoamérica: Cuba, Arxentina e Brasil. Pronto apareceron, nos países de destino, as sociedades de emigrantes, que contribuiron, mediante a aportación de fondos económicos, á construción de escolas, como a de Vistalegre, inaugurada en 1926. Na década dos 50 ten lugar outro ciclo migratorio a América, dirixido basicamente a Arxentina, Venezuela e Brasil. E nos 60 comeza a emigración aos países europeos: Andorra, Francia, Reino Unido e Suiza. Coa crise do petróleo, en 1973, decae de forma case repentina.

O éxodo rural cara as cidades ten lugar entre 1960-1975, dirixíndose a localidades galegas ou de outras comunidades: Barcelona, Madrid, Bilbao, Pamplona, San Sebastián, Avilés, Baleares. Ao se paralizar a demanda de man de obra nas cidades máis industrializadas de España e iniciarse o proceso de deslocalización da industria, moitos veciños buscan traballo na vila de Lalín, producíndose un "movemento pendular" de ida e volta.

A agricultura tradicional de autosubsistencia non sofre cambios na parroquia ata a década de 1960, cando un veciño do Monte (novo núcleo de poboación que se forma timidamente no Alto de Viloira) participa nun proxecto de mellora da produtividade dos prados galegos, impulsado pola Universidade de Santiago a traveso da Fundación Alfonso Martín Escudero. Nos 70 comeza a mecanización da parroquia coa introdución dos tractores, deixando ás vacas do país sen utilidade. Isto dá lugar a un cambio radical na agricultura, que avanza, rapidamente, cara un modelo produtivista, en base á produción láctea trala introdución de vacas suizas e holandesas (frisonas).

Compartir el artículo

stats