Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Fervenza da Grifa

A desembocadura do regato da Laxe no río Asneiro prodúcese a través dunha cascada múltiple nunha paraxe de postal situada entre as parroquias de Bendoiro e Cristimil

As fervenzas do Toxa en Pazos, Escuadro e Grava, no municipio de Silleda, teñen réplicas no municipio de Lalín. Sen chegar ao tamaño das de Trasdeza nin en altura nin caudal, merecen ser coñecidas e postas en valor. Das fervenzas lalinenses, a maior de todas elas quizais sexa a que atopamos no río da Laxe, que chimpa a súas augas en fervenza enriba do Asneiro entre Bendoiro e Cristimil na paraxe coñecida polos veciños coma A Grifa. Temos localizadas outras fervenzas de menor tamaño en terras de Vilatuxe e Prado, neste municipio de Lalín, e algunhas máis noutros da comarca ás que en calquera intre habemos dedicar unha reportaxe.

Moi poucos coñecen a fermosa paraxe de ribeira onde se localiza esta fervenza da Grifa. Só algúns troiteiros arriscados se achegan alí na busca dos prezados peixes de río. Aquí chegamos nós vai para catro anos, seguindo o curso do Asneiro na procura dos grandes muíños de Donsión, Bendoiro e Cristimil. Repetimos diante desta fervenza aquela sensación de cando chegamos por primeira vez á Fervenza do Toxa, en Pazos, nun lonxano día da primavera do 1972. A agora famosa fervenza de Trasdeza ficaba alí dende sempre, pero esquecida e só algúns paisanos se achegaban moi de cando en cando a que hoxe é un dos recursos máis visitados da nosa comarca.

O regato da Laxe que ten as súas fontes nas terras de Sello, aló co nome de Rego dos Mosqueiros, forma naquela parroquia lalinense unha ampla lagoa nas antigas telleiras -un paraxe que merecía unha posta en valor-, movendo en tempos varios muíños dunha moa por Santiso e Bendoiro, onde troca o nome polo da Laxe, lugar que atravesa ás veces asolagando a pontella e o vello camiño de peregrinación a Compostela. Entre prados e carballeiras e por debaixo das pontes e modernos viadutos da estrada N-525, o TAV e o do ferrocarril, vai facendo de lindeiro entre as parroquias de Bendoiro e Donsión para desembocar no río Asneiro, chimpándose dende uns 25 metros de altura para formar unha fermosa fervenza que ofrece a súa mellor versión cando as chuvias provocan enchentes. Por se a estampa non xustificara a visita a esta paraxe de ribeira, pódese ollar pouco abaixo o muíño de herdeiros dos de Cristimil, que milagrosamente perdura enmarcado entre a espesa vexetación que o fan case inaccesible, coa súa tosta que salvan as augas do Asneiro que por aquí corren ceibes coma os nenos ao saír da escola buscando fundise coas do Deza abaixo de Quintá, en Cristimil.

Para chegar a este entorno de ribeira cómpre tomar un camiño que arrinca abaixo do lugar de Cristimil e ofrece fermosas vistas das parroquias de Donsión e Bendoiro, que agora preside un enorme viaduto do tren de alta velocidade. Supoñemos que en adiante comezará a coñecerse e mesmo ser visitada esta "Fervenza da Grifa". Iso si, case suplicamos que non se estrague o entorno con novas pistas, miradoiros e mesmo "grellas" para o churrasco, como xa se ten feito noutros fermosos recantos desta comarca de Deza.

Compartir el artículo

stats