XVII Matanza Tradicional do Porco · O proceso

Soutolongo celebra o seu San Martiño por San Antón

Centos de persoas asisten á recreación da matanza do porco, duns cen quilos de peso

18.01.2016 | 09:04
Soutolongo celebra o seu San Martiño por San Antón

Polo San Martiño, mata o teu porquiño di o refrán, en referencia ao mes (novembro) no que tradicionalmente comezaba a temporada de matanzas no rural galego. Mais os costumes foron evolucionando e hoxendía son maioría os sacrificios que teñen lugar nos meses seguintes, sobre todo coincidindo coas pontes festivas de decembro e xaneiro. Queda aínda inverno e frío suficiente nestas latitudes para que a carne colla ben o sal e non se bote a perder. Así que pódese dicir que Soutolongo viveu onte, día de San Antón -paradoxalmente-, o seu particular San Martiño, iso si, á antiga usanza.

Contra as once da mañá facía a súa aparición no campo da festa o protagonista, moi ao seu pesar, da xornada de exaltación etnográfica que se viveu onte en Soutolongo: Un porco duns cen quilogramos de peso, criado na casa de Lucita (Soutolongo de Abaixo) e alí mesmo sacrificado atendendo aos requisitos da normativa de benestar animal. Unha indisposición de última hora obrigou a cambiar de matachín. Non faltaron os axudantes, que en número de media ducia puxeron o seu gran de area en todo o proceso desta XVII Matanza Tradicional do Porco, dentro dos actos da XLVIII Feira do Cocido de Lalín.

Unhas táboas colocadas sobre o chan do campo da festa serviron de altar para proceder ao chamuscado do porco. Fentos e carqueixas -hoxe sustituidos por gas propano ou butano na maioría das casas galegas- fixeron a combustión necesaria para eliminar as serdas. Ata o alcalde lalinense, Rafael Cuiña, se armou dun coitelo cego para botar unha simbólica man no raspado dos restos de pelo e pel que ía soltando o animal ao calor do lume, tarefa para a que se empregan tamén as mesmas carqueixas. "Para min non é nada raro, porque o vin moitas veces de pequeno na casa de meus avós", lembraba un Cuiña que se define como "alcalde rural, cada vez máis". Canda el estiveron varios concelleiros do seu goberno. A comitiva política completaríase máis tarde coa chegada do seu predecesor e actual líder da oposición, José Crespo, acompañado do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, e dúas edís.

Con coitelo afiado e pulso firme, o matachín exerce de cirurxán e extrae a papada -barbada na xerga local- para acceder logo ás entrañas do porco. "Coidado, non vaia romper o unto", dille un axudante. O experto vaino separando da carne para arrancalo nunha soa peza e salgalo para logo aduviar cocidos e outros platos. Vacía entón as tripas nun pano branco sobre un carro forrado de palla. Tres mulleres encárganse -como era e, tristemente, a miudo segue a ser no noso rural- dunha das tarefas máis "ingratas", a de esgogar e, sobre todo, lavar as tripas nas xélidas augas dun regato próximo. Servirán para facer os aprezados chourizos ao estilo caseiro. As outras vísceras -riles, fígado, alegrías e corazón- son depositadas en potas tapadas. Non vaia ser o gato! Aínda que o certo é que nin gato nin can se viu onte polo campo da festa de Soutolongo, como ben lembraba un concelleiro: "Bótase en falta o can que anda sempre ao redor nas casas para dar conta do que vai caendo".

A graxa das mans do matachín da unha primeira idea das calidades do porco. "Non ten pinta de ser moi touciñento", alega un dos presentes. A confirmación definitiva chegará coa apertura da canal unha vez pendurado -neste caso na póla dunha nogueira- para deixar enfriar a carne con vistas ao espece do día seguinte. Iso sería o normal, mais o proceso levouse a cabo de inmediato e as distintas pezas foron trasladadas a un conxelador para seren degustadas máis adiante nunha xuntanza veciñal. Carlos Vilas, de Vigo, cree que isto desvirtúa unha recreación da que é asiduo e suxire ter un segundo porco xa sacrificado de véspera para o despece en condicións, "como fixeran en Donramiro ou Losón".

GALERÍA| Los oficios tradicionales reviven en Soutolongo por un día

Presaxiados por un cheiro que todo o invadía, non tardaron en aparecer entre as ducias de persoas que xa se amorean no campo da festa bandexas repletas de panceta e chourizos asados para ledicia dos paladares presentes, manxares que formarían parte da degustación coa que remataría a festa. Os grolos de caña, branca ou de herbas, quentaban de cando en vez as gorxas dos homes encargados da preparación do porco nunha fría mañá de inverno. Da música encargábase o grupo de gaitas e baile Os Trasnos de Doade, aos que se sumaría logo o incombustible Eduardo Meijomence co seu inseparable acordeón.

A veciñanza de Soutolongo volcouse na celebración, ataviada con roupas propias de comezos do século XX, incluida a presentadora, Amelia Ferreiroa, que contou coa colaboración do cronista lalinense Daniel González Alén para ir relatando o proceso da matanza. Outras veciñas fixeron filloas ou encargáronse de manter acesa a lareira, sobre a que penduraba un caldeiro de cinc coa sempre socorrida auga quente. Entre as pedras do mesmo cobertizo, o visitante podía contemplar unha pequena escolma de oficios tradicionais: A mesa de labor do zapateiro Eloy Fernández, que aprendera de seu pai; o banco de carpinteiro de Manuel Iglesias; ou a mesa de costureira de Esperanza González, "toda a vida" dedicada á decoración textil en Lalín. Tamén se puideron ver outros obxectos, como os utensilios para crabuñar gadañas.

Pero un dos actos máis concorridos da mañá foi o que tivo lugar ao calor da vella escola masculina, pois a segregación de antano mandaba as nenas a outro inmoble. Sentados en vellos pupitres que aínda conservan o tinteiro na parte superior dianteira e rodeados de títulos como Biblioteca clásica ou El mundo de los niños, oito raparigos atendían as explicacións do mestre Antonio Presas nunha clase de aritmética. A simulación, en torno á resolución dun problema, gozou do aplauso da concorrencia, incluido o conselleiro de Educación. Presas dedicouna ao vello mestre Manuel González Rodríguez O Cancelo, "un home de ideas avanzadas que fixo moito pola parroquia nos tempos escuros da ditadura, unha época moi dura na que tivo moitos problemas e, aínda así, foi sempre unha persoa exemplar".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine