Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Estrada, berce de xente nobre

Hai ducados, marquesados e condados ligados a pazos deste concello como o de Oca ou o de Guimarei

Membros da Casa Ducal de Medinaceli, dona del Pazo de Oca, ostentan moitos títulos. // Ricardo Grobas

Volve estar de actualidade o caso que motivou a revocación do ducado de Palma. Porén algúns de nós non sabemos que o ducado é a categoría máis importante dentro dos títulos nobiliarios, superior ao marquesado e este ao condado.

Xa na configuración das coroas dos escudos podemos ver as distintas categorías, xa que a a coroa de duque está composta por un cerco de metal precioso e pedrería decorada con oito floróns en forma de follas de apio, a coroa de marqués de igual xeito pero decorada con catro floróns e catro ramos, compostos por tres perlas cada un, mentres que a coroa de conde está decorada con dezaoito puntas rematadas nos seus vértices con perlas.

Ligados ao Concello de A Estrada hai diversos ducados, marquesados e condados, por exemplo, podemos falar do ducado de Segorbe, que ostenta Ignacio Medina e Fernández de Córdoba, presidente da Casa Ducal de Medinaceli, a quen pertence o Pazo de Oca. Ademais el e a súa familia son posuidores doutros moitos títulos como son o de marqués de Camarasa e o de Parga, ou o de conde de Ribadavia, Ricla, Toreno e Castroxeriz, que foron agregando ao longo dos tempos.

En efecto, o Pazo de Oca foi levantado a comezos do século XVIII por Andrés Gayoso e a súa esposa Constanza Arias Ozores, que herdou os títulos de condesa de Amarante e marquesa de San Miguel das Penas.

Pero tamén temos o marquesado de Guimarei, que foi outorgado a un membro da familia Mosquera, dona da Torre de Guimarei. Esta familia tamén atinxiu outros títulos como o marquesado de Aranda, condado de Maceda e outros.

Diversos membros da Casa Grande dos Bermúdez de Castro en Figueroa grazas a seus matrimonios enlazaron cos marqueses de Guad-el-Jelú, de Almina e mesmo co fillo dos marqueses de Montesacro.

En Santa Mariña de Ribeira esta a Casa da Condesa, onde viviu o conde de Pallares.

Dono do Pazo de Preguecido en Aguións foi José María Bermúdez Acevedo, que casou en 1831 coa III condesa de Ximonde Jacoba Cisneros Puga e Ulloa. Pero como José María morreu sen sucesión o Pazo de Preguecido pasou á súa irmá María del Socorro que casou en 1844 co ex-deputado en Cortes José Varela Cadaval, que en 1875 foi nomeado I Conde de Ramirás.

Por outra banda, outras casas aínda que sen título directo emparentaron con membros da nobreza, como son:

-Ramón María de Silva Morales da casa de Silva en Arnois casou coa segunda filla do conde Priegue.

-O Pazo de Valiñas en Callobre foi levantado por Baltasar Ribera e a súa segunda muller, Teresa Fernández de Deza Mondragón, que era sobriña do I marqués de Ribadulla.

-Da casa de Os Muros (Parada) era Francisca Leira, avoa por un lado de María Gaspara Bazán Leira, que casou con Antonio Julián Zarate e Murga, sendo marqueses de Montesacro, e por outra de Luísa Bazán Leira, avoa da condesa Emilia Pardo Bazán.

Pero o título máis importante é ser veciño de A Estrada pois grazas a iso podemos convivir coa xente máis nobre, que leva a súa grandeza no corazón.

Compartir el artículo

stats