Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O río Ferreiroa

As súas cristalinas augas foron quen de mover rodicios de case dez muíños de unha ou dúas moas, e o de Peizás está en bo estado

Ponte cercana ao muíño de Peizás, unha das poucas útiles. // A.U.

O río Ferreiroa baixa dende os cumios do monte Farelo cara a Aián, pasando de esgallo a carón das casas da aldea na procura da Pontepedriña acariñando docemente as chousas de Lamas e as de Buxán.

Vai incrementando pouco a pouco o caudal grazas á xenerosidade dos moitos regos e regueiros como o de Picolongo, xa nas terras de Trascastro e Val de Trabancas, onde aínda quedan restos de varios pequenos muíños, e que xustifican e explican os porqués do traslado da feira primixenia que se celebraba ao pé do Farelo mesmo, máis arriba, as terras secas e menos barrentas e enlamadas do chan de Aian. Feira da que co tempo resultou a vila de Agolada, actual, e os seus pendellos.

Continuando a beira do río, polos prados as veces de concentración, mais alá de A Pedriña, o Ferreiroa mestura as súas frías augas, cas do rego de Ventosa, que mana da fonte de Laxe e vai polo fondo, as veces case que perdido na espesura dos Bidueiros, e Ameneiros dos prados de Laxe e de Quintela, baixo a atenta mirada cargadas de soños e recordos, dos carballeiras veciñas, polas que se perden vellas congostras cara a nada, e cruza a estrada pasando de largo de novo diante de dous vellos muíños que sen dubida viviron tempos mellores, deixándoos perdidos nos seus recordos, e hoxe refuxio de mouchos e niño tranquilo e ideal para aves rapaces como os falcóns e aguias que pasan veloces por riba das nosas cabezas, sen darnos apenas tempo a admirar o seu maxestuoso vo silencioso.

Percorre esta zona dos muíños e preto da Ponte de Pau - por certo hoxe desaparecida- volve a incrementar o seu caudal coas augas que baixan dende a aldea de Bidueiros, rego que ven baixando sen intermitencias dende as fontes de Agolada e Bidueiros, por riba e por baixo da terra, e que explica a posible orixe da toponimia do nome co que se coñece a Vila; Agolada, Aqualatam (Augalevada).

O río continua o seu paso impertérrito ao tempo dando asilo ás solitarias troitas, que se agochan éntrelas pedras e remuíños que forma a auga en pequenos torrentes caprichosas e fervenzas que van aumentando o seu caudal docemente, despois de despedirse da historia agochada baixo as pedras míticas da Anta dos Muiños e chega un pouco mais abaixo e logo de botar unha ollada as ruínas e muros onde se enredan as silvas doutro vella reliquia de muíño, ao lugar coñecido como a Balsiña, no que en tempos aínda podíase contemplar "os pasos", como os que existen en moitos outros grandes e pequenos ríos do noso país, pedras nas que pisar para ir saltando de unha a outra e badear as augas, hoxe practicamente desaparecidos e que servía para cruzar dende as Casas da Costa ata o muíño de Sarandeses. Río abaixo pasas pola zona de As Virtudes e a súa ponte e chega aos prados de Ferreiroa deixando dun lado as casas de A Costa e no outro as de Ferreiroa.

Daquí toma o seu nome, Ferreiroa, de ferro, o que se explica pola industria de onde os romanos obtiñan e lavaban o mineral de ferro no seu tempo.Ferrería da que non queda senón as escorias nos arredores proba palpable do que foi lugar.

Moi preto, á sombra case do campanario da igrexa de orixe románico, da que aínda quedan algúns vestixios, do mesmo nome o río volvese a cruzar coa chamada pontella da Anduriña. Aquí o curso do río inicia un descenso rápido, e as augas corren como alma que leva o demo na procura do señor dos ríos o Arnego co que se mestura en aperta cálida e definitiva no lugar de Peizás.

Todo o redor do río é bravura enxebre ás veces selvática e vida que latexa incontenible nos escasos oito quilómetros de curso, no que aínda se poden apreciar e admirar varios fermosísimos muíños, expoñente claro do que fora a antiga construción popular da pedra, nos canteiros e o seu mundo de granito e mazo de ferro e da importancia, económica e social que para a xente tiveron estes muíños, da que dan conta tanto as cantigas, como lendas e contos que na memoria colectiva, tanto oral como na escrita do noso pobo aínda perdura.

As cristalinas augas do Ferreiroa antano foron quen de mover rodicios de case que dez muíños de unha ou dúas moas, das que aínda quedan restos nalgúns casos, ruínas e muros noutros, e algúns como o de Peizas, en bo estado de conservación e uso, xa que ata fai ben pouco tempo estaba en uso.

Os muíños caen esquecidos por todos, agás o de Peizás, as pontellas tamén, os muros xa tan so marcan pasado, historia e saudado dun tempo que non foi nin peor nin mellor, tan so diferente e na que a xente deixou as súas pegadas, as súas ledicias, os seus sen sabores tristuras e amarguras, a vida que vendemos e que resulta cruel esquecer . A auga corre xa sen vida, son moi escasas as troitas que de cando en vez escapan ao acercarnos a ribeira baixo as sombras dos bidueiros e tampouco ninguén aproveita os canles e regos trazados para o regadío dos prados. Triste realidade destes grises tempos, nos que tan so importa a rentabilidade medible en termos económicos, para nada a historia nin a tradición.

Arredor deste río o entorno invita ao paseo, á meditación, ao coñecemento, na compaña do silencio en conversa doce e fácil contigo mesmo ao único que non és quen de enganar. Agora que a xente está a reclamar insistentemente os roteiros de sendeirismo entre congostras e corredoiras, aquí temos unha, repleta de beleza e de atractivos paisaxísticos, etnográficos, históricos e arqueolóxicos. Faría falla limpar camiños, as marxes do río, dos que fai anos se ocupaban de manter limpos os pescadores, cortar silvas, toxos e xestas, amos e señores do entorno poñer uns sinais, de madeira e marcar a ruta convenientemente para que ninguén se perda. O demais xa está aí para todos nós dende hai moitos anos e anos.

Muiñeira

Por certo que como curiosidade contarei a historia que fai anos escoitei o gaiteiro e veciño de Agolada, xa que aquí naceu, aínda que como tantos outros tivera que cambiar as chairas polas augas do mar, Raúl Galego. Este home compuxo unha muiñeira que leva por título Muíño de Peizás, e que anos despois a gaiteira Susana Seivane incorporou nun dos seus discos como homenaxe e recordo do seu pai, que fora aparcero neste mesmo muíño durante anos, un dos que aínda se conservan en mellor estado.

Compartir el artículo

stats