O dramaturgo vigués Marcos Abalde Covelo foi o gañador da quinta edición do premio de teatro Varela Buxán pola súa obra Oito epitafios por Troia. O xurado acordou por unanimidade conceder este galardón a esta reflexión sobre a sociedade contemporánea entre as sete pezas teatrais presentadas a concurso. Santiago Cortegoso, Ana María Carreira e Xosé Lueiro, con Henrique Vázquez en calidade de secretario, foron os encargados de tomar unha decisión que non resultou doada por culpa do alto nivel dalgunha das obras.

Para xustificar a súa decisión, o xurado valorou a "sólida reflexión sobre a sociedade contemporánea, articulada a través da actualización de personaxes e situacións da tradición clásica, nomeadamente As Crónicas Troianas". Ademais, destacou a capacidade de Abalde "para construír un universo opresivo e apocalíptico, a partir de diálogos precisos e dinámicos postos en boca de personaxes que viven nunha situación límite marcada pola traxedia". Outro dos factores que pesaron á hora de elexir o gañador do concurso foi a potencialidade que ten a proposta dramática de cara á súa posible posta en escena futura.

Cortegoso, presidente do xurado, recordou que, a pesar da súa xuventude -ten soamente 33 ano- Abalde non é un descoñecido dentro do mundo do teatro galego, xa que acumula varios premios importantes polo seu traballo. En 2008, o dramaturgo vigués gañou o IV premio Josep Robrenyó coa obra experimental Canibalismo. No ano 2011 obtivo a vixésima edición do Premio Álvaro Cunqueiro a textos teatrais, coa peza nomeada A cegueira. En 2012 gañou o premio Marqués de Bradomín de textos dramáticos que outorga o Instituto da Xuventude con Xudite e o Premio da Bienal de Teatro Romaría Vikinga de Catoira, por A saga de Iacobsland. Xa no 2014 obtivo o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, por Oenach.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura do Concello da Estrada, Juan Constenla, agradeceu o traballo do xurado, no que se atopaban dous gañadores deste premio en edicións anteriores, Cortegoso e Carreira. O edil destacou a progresiva consolidación dun premio que xa cumpre cinco anos e que busca axudar ao teatro galego. A obra gañadora será agora publicada co patrocinio da Fundación Cultural da Estrada. O responsable da área de Cultura agarda sen embargo que poida cumprir co seu fin último, que é poñerse no escenario.

A idea do departamento de Cultura é que este galardón poida ser entregado a Abalde nun acto que tería lugar antes de fin de mes de decembro no Teatro Principal. Nese acto tamén se presentaría xa editado o libro que resultou premiado na cuarta edición do Varela Buxán.