-Como se sente despois de gañar esta quinta edición do Varela Buxán?

-Contento. É un recoñecemento e iso sempre axuda a manter a moral.

-O xurado destacou que, a pesar da súa xuventude, xa ten varios premios que o apoian.

-Si, felizmente déronse as circunstancias para ir sementando e recollendo. Isto é algo que me gusta e, polo que parece, non se me dá mal.

-Leva moito tempo escribindo pezas teatrais?

-Debe facer un dez anos que escribo. Dende os 23 máis ou menos. Era algo que me gustaba e que me satisfacía intelectual e esteticamente. Foi cando estaba na universidade. Nese momento abríuseme un mundo novo ante min. Foi importante un obradoiro ao que asistín que impartía Roberto Salgueiro, un dramaturgo moi recoñecido. A partir de aí comecei a escribir. Logo viñeron os premios, que sempre son algo que axuda ás xeracións novas. Todo o que se apoie é bo.

-Unha cousa é un premio e outra diferente conseguir poñer a súa obra sobre un escenario.

-Ese si que sería un bo premio. De momento é bo que se publique para difundir a obra. Logo, se alguén se anima a montala, xenial.

-Como definiría vostede a súa obra?

-É un texto duro, no que se fala da guerra e de Troia como metáfora da guerra. Hai guerras non só entre os exércitos, senón tamén dentro das propias casas. As relacións familiares vanse deturpando cada vez máis ata converter as casas en auténticos campos de batalla entre xeracións. Todo iso preséntase no contexto dun futuro próximo no que hai unha guerra silenciosa contra nós, contra o pobo humilde e traballador e contra a terra. Nese estado de guerra e de abolición da democracia estamos inténtano sobrevivir e as personaxes que aparecen fano malamente.

-Dende logo non é unha comedia...

-Non (risas), para nada. Non me saíu moito a vena cómica de momento. A min escribir sérveme case como unha terapia para non terminar toleando.