O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, presentou onte en Lalín as actuacións do programa "Nadal en Galego" para as comarcas de Deza e Tabeirós-Montes, que contempla a chegada de O Alpapador ás rúas de Lalín, Silleda e Vila de Cruces, e o espectáculo A máquina do tempo de Os Bolechas o día 27 no Teatro Principal de A Estrada. Leal estivo acompañado no Concello de Lalín polo seu tenente de alcalde, Nicolás González Casares, o tenente de alcalde de A Estrada, Juan Constenla, a concelleira de Silleda, Ana Luisa González e o concelleiro de Vila de Cruces, Diego Pallares. O Apalpador chegará ás rúas de Vila de Cruces ás 11.00 horas, a Silleda ás 12.15 horas e a Lalín ás 18.00 horas, mentras que Os Bolechas actuarán no Teatro Principal ás 12.30 horas para os máis cativos.

Leal asegurou que "este ano quixemos introducir o matiz da lingua para dinamizar o idioma e a tradición nunha época na qeu os máis cativos están máis na rúa, aínda que nunha comarca coma esta, que é máis rural, a situación do uso do idioma está en mellor situación que noutros lugares da provincia". Xosé Leal aproveitou para lembrar que "estas actuacións son un complemento á programación que se fai desde os concellos, porque temos que insistir en que desde a Deputación sempre traballamos en colaboración cos concellos".

Pola súa banda, González Casares lembrou que esta actividade "está integrada no programa propio de Lalín O Nadal Aberto" e propuxo que "en anos vindeiros, O Apalpador pode poñer en valor outras serras da provincia como a do Candán e as serras do interior da comarca, e non só a do Courel". Ana Luisa González sinalou a necesidade "dar a coñecer esta figura da nosa tradición" e lembrou unha imaxe de O Apalpador feita por Fondevila que esperta moito interese no mosteiro de Carboeiro. En Cruces a chegada do Apalpador coincide coa Feira de Nadal do Galo de Curral, polo que Pallares fixo fincapé en que "ao igual que nos demais concellos, esta actuación queda encadrada no programa de Nadal". Constenla explicou que Os Bolechas forma parte dunha programación con "propostas que permiten a conciliación familiar".

Por último, Leal asegurou que o programa "constitúe un elemento dinamizador para o comercio local, porque é complementario a outras figuras típicas destas datas coas que non entra en colisión, senón todo o contrario, esperamos que pouco a pouco convivan".