Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do roteiro do Castro de Sestelo (I)

A Central do Castro

Os restos da fábrica da luz do río Asneiro poderán verse na camiñata do día 27

Comporta de entrada de auga no túnel que vai desde a presa ata a central hidroelétrica por debaixo do Monte do Castro. // A.P.

Entre as parroquias de Soutolongo e Botos, na zona coñecida popularmente no pasado como "Os Castros Deste-lado e Daquel-lado", atópanse os restos dunha central hidroélectrica contruída entre 1918-1920, sobre o río Asneiro. Están a punto de cumprirse, non só 100 anos da súa construción, senón tamén do período de tempo que hai desde que a Vila de Lalín cambiou o alumeado de gas pola electricidade. A chegada da electricidade, primeiro á Vila e logo ás aldeas era recibida polo vecindario como un gran acontecemento: "Aquelo da iluminación era magnífico, a luz era como un milagre e cada data na que se celebraba a electrificación dunha aldea era unha festa no lugar".

Para os veciños de Sestelo (Botos) e Vilar (Soutolongo), as dúas aldeas máis cercanas, esta central hidroelétrica -unha minicentral dentro da clasificación actual- era coñecida como "A Fábrica da Luz" ou a "Central do Castro", mentres que para os máis afastados era a "Central de Botos" ou a "Hidroeléctrica do Deza", neste caso porque a poboación tiña asumido o erro da denominación indebida do río, ao que lle chamaban Deza cando na realidade é o río Asneiro.

Para a construción desta central aproveitouse o meandro que describe o río arredor do Castro Daquel-lado ou Castro de Vilar, represando a auga ao comezo do estreitamento (istmo do meandro) e levándoa por un túnel escavado, con escaso desnivel, a través do mesmo ata chegar á zona de saída, onde se colocaron as turbinas, aproveitando un desnivel máximo duns oito metros. A condución da auga era por desviación e a forza motriz nas turbinas dependía da altura de caída, un sistema moi parecido ao empregado nos cubos dos muiños.

A central tiña dous grupos alternadores de 140 Kw cada un, que funcionaban alternativa ou conxuntamente, segundo o caudal do río e a auga almacenada no encoro. A captación da auga na presa realizábase por un lateral, aproximadamente a media altura, de tal xeito que se a presa estaba mediada a súa circulación era por simple derivación pola rasante, pero con augas altas a condución xa era forzada (a presión), permitindo ademáis a posibilidade de que os dous alternadores funcionasen a un tempo.

Produción

A electricidade producida era conducida por unha lña de 15.000 voltios, con cables de cobre, ata un centro de transformación instalado en Lalín, abastecendo a uns 3.500 clientes que foron incrementando progresivamente a demanda, por iso, no ano 1950 a Sociedade Galega de Electricidade S.A., propietaria da central de Dorna (conca do río Lérez) instala unha liña de 15 Kv atravesando a Serra do Candán e chegando ata o concello de Lalín: En moi pouco tempo xa estaba conectada esta rede coa da central de Botos e iso contribuiu enormemente ao espallamento da rede electrica por todas as parroquias do concello.

Posteriormente, en 1966 a concesión foi vendida a Fenosa e esta sociedade, unha vez trazada a liña de 66 Kv Belesar-Subestación de Lalín, decide cerrar definitivamente a "Central do Castro", na década dos anos 70.

(Este artigo forma parte dunha serie de cinco traballos elaborados polo xeógrafo Antonio Presas co gallo do roteiro do Castro de Sestelo que organiza o Concello de Lalín para o 27 de decembro dentro do proxecto Viarum Dezae)

Compartir el artículo

stats