Este ano, a Banda de Silleda non puido celebrar Santa Cecilia por estar inmersa no IX Certame Galego de Bandas de Música, no que obtivo o primeiro premio da súa categoría. Por iso, o vindeiro sábado promete un espectáculo, Xoldra na eira, que será "unha fusión sen precedentes", como di o seu director, Rafael Agulló. Desde principios de ano trabállase nunha particular maridaxe, na que a música de banda se vai combinar cos sons e o baile tradicionais, de maneira que interpretará tanto alboradas e muiñeiras coma rumbas ou alalás. "Será un espectáculo moi festivo, no que xa desde a primera peza se lle vai debuxar un sorriso ao oínte", asegura o director.

Xunto aos músicos da banda tocará a Banda de Gaitas de Forcarei e, en calidade de solistas, o gaiteiro Iván Costa (con sona xa internacional) e a tamén gaiteira Rocío Maril, que comezara na banda municipal trasdezá tocando o oboe e que imparte clases de música en Vila de Cruces. No baile acompaña Xirandola. Entre as voces des te concerto figuran as da coral Voces da Terra, o Coro de Nenos da Escola Municipal de Música de Silleda e a de Uxía Senlle, cuxa fama fai anos que traspasou fronteiras e que interpretará a máis que coñecida Unha noite na eira do trigo. Ao longo do concerto tamén soarán temas como A Rianxeira ou Toca o pandeiro Manoel.

Trátase, en suma, dun espectáculo multidisciplinar, no que todas as pezas van estar unidas por unha narración da man dun moderador que aínda está por decidir, pero que seguramente vai estar vinculado ao mundo da comunicación.

Tanto Agulló como o presidente da banda, José Herminio Gómez, están convencidos de que se vai tratar dun concerto "moi bailable" e que, sobre todo, axudará aos máis maiores a rememorar os seus tempos de xuventude, mentres que aos máis novos lles ensina "de ónde vimos, e cómo tén que evolucionar a cultura con carácter propio", recalca Agulló.

O espectáculo terá lugar no auditorio da Semana Verde, dará comezo ás 21.00 horas e contará coa decoración da empresa Coas Mans Artesanía. A entrada custa 5 euros, e pódense adquirir ata o xoves 17 na Escola de Música ou, se non, o día do concerto, nas taquillas do propio auditorio, ata as 19.30 horas. O espectáculo tén unha duración aproximada de 65 minutos. A organización quere recalcar que o importe total das entradas vai destinado a cubrir os gastos de producción, decorado ou solistas.

Cea de Nadal

Unha vez rematado o pase, alumnos e mestres disfrutarán dunha cea de Nadal, para a que hai que anotarse antes do 16 tamén na Escola de Música. O prezo é de 20 euros, aínda que os nenos de 5 a 10 anos pagarán 10 e os que teñan menos desa idade acudirán gratis. E, para continuar cunha fin de semana na que a protagonista é a música, o domingo 20, tamén no auditorio do recinto feiral Semana Verde, terá lugar a Audición de Nadal da Escola de Música Municipal de Silleda. Está aberta a todos os que queiran asistir e comeza ás 17.00 horas. Ao seu remate haberá unha chocolatada para todos os alumnos.