Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cen anos de luz eléctrica na vila de Lalín

Propoñen a rehabilitación da Central Eléctrica de Botos ou unha celebración ao achegarse o seu centenario

Restos da vella ponte de madeira sobre o río. // D.G.A.

Coa posta en funcionamento da Central Eléctrica de Botos chegaría a luz eléctrica a Lalín vai agora para cen anos. Non sería a primeira central que funcionaría na comarca, xa que en Merza (As Cruces), Grava (Silleda) e mesmo en Prado (Lalín) adiantaríanse á capital dezá -daquela unha pequena vila- en contar con este servizo.

Hidroeléctrica del Deza, fundada en 1918 por Emilio González Gil (pai, entre outros, do que sería alcalde de Lalín, Luís González Taboada) e Plácido Goyanes Lamas, tiña ao seu cargo o subministro de enerxía eléctrica para a vila e varias parroquias lindeiras. Na vila tiña as oficinas e tamén anos máis tarde poñería a funcionar unha molinera, na rúa que en adiante levaría o seu nome. A Molinera usaba a enerxía que sobraba polo día, xa que o consumo daquela era fundamentalmente nocturno para alumeado dos fogares dos lalinenses e pouco máis.

A fábrica da luz, como era coñecida polos veciños, construíase na veciña parroquia de Botos, a uns cinco quilómetros de Lalín, e aproveitaba o enclave e edificación dun vello muíño de catro moas. A auga do río Asneiro que movía as turbinas desta central chegaba por un túnel de case 200 metros de longo, construido daquela a pico e pala atallando un longo meandro de case un quilómetro de lonxitude, deixando a unha e outra banda os castros prehistóricos de Sestelo (Botos) e Vilar (Soutolongo).

Unha ponte de madeira con piares de pedra de cachotería facilitaba entón o paso dos labregos, tratantes, troiteiros, xente do camiño e mesmo dos dous empregados que día e noite atendían o funcionamento da Central, dunha a outra banda do río, nunha fermosa paraxe repleta de carballeiras e soutos.

De Hidroéctrica a Fenosa

A empresa sería vendida a Fenosa en 1966 polos herdeiros dos fundadores, cando xa era incapaz de dar abastecemento á vila e ás parroquias do municipio, que neses anos multiplicara a necesidade de enerxía. A fábrica da luz, daquela con dúas turbinas, non era dabondo e a Hidroeléctrica del Deza era obxecto de continuas reclamacións dos seus abonados. Histórico sería o apagón sufrido a finais do ano 1970 por mor dunha grande nevada, con tres días enteiros sen subministro de enerxía eléctrica. Foi neses anos cando se construiu unha subestación nos arredores da vila para transformar a alta tensión que chegaba do encoro de Belesar por Chantada, o que supoñería o peche definitivo da vella central do Asneiro.

Para Fenosa pasarían tamén os empregados da eléctrica de Lalín que ao longo dos anos soportaron estoicamente as entón difíciles condicións do traballo e as lóxicas reclamacións dos clientes. Permítasenos aquí unha sentida lebranza a os irmáns Emilio e Benito González Taboada Ramallosa, Salvador Madriñán Teijeiro, Guillermo Baldonedo Friol, Gumersindo Iglesias Lorenzo, Manuel Mato Quelle, Antonio Mouriño Penas, José Rial Neira, Marcos Torreiro Mato, Luis Areán García, Augusto Garra García, Enrique e Cumpertino Silva, José Lago Cao, José Crespo Negro e Daniel González O Tío Xanete, pai de quen esto escribe, agora xubilados ou xa finados que foron, xunto aos que sinto non lembrar agora, amigos e compañeiros naquela empresa familiar.

Aínda que moitos coidan que sería rendible poñer a andar novamente esta central hidráulica na actualidade e outros coidan nunha posible rehabilitación e da celebración do centenario da chegada da luz eléctrica a Lalín, o certo é que no río Asneiro augas abaixo do polígono industrial de Botos, quedan a ponte, a parede do encoro, o longo túnel e o edificio da central eléctrica abandonados dende aqueles xa remotos anos dos que xa case non quedan testemuñas, camiño de desaparecer para sempre.

(Da central eléctrica de Botos e doutras que funcionaron na comarca de Deza un 'Caderno do Museo Casa do Patrón de Doade' do ano 2006, do que é autor Marino Lamas Costa, da ampla información).

Compartir el artículo

stats