Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As cruces carlistas de Goiás

"Para os veciños forman parte da súa identidade comunitaria; deben protexerse e tamén darse a coñecer"

Cruz de A Reboira. // X.C.G.P

O 14 de xaneiro de 2014 fixérame eco neste xornal da importancia que ten o mantemento e a protección da Cruz da Reboira (Pareizo). Naquel artigo apelei ao Concello de Lalín para que velara pola preservación deste cruceiro. Por que? Pois, probablemente, porque desde cativo lles escoitei dicir aos maiores da aldea que as cruces que, como a da Reboira, se atopan ao pé dalgúns camiños da parroquia fan lembranza dunha morte que acontecera no lugar no que cada un dos cruceiros se atopa emprazado; ou porque cando morría alguén das aldeas de Cotarelo e Pareizo e era levado ata a igrexa de Goiás para ser enterrado, paraban diante da Cruz da Reboira a descansar e pregar polo falecido. É por iso que, para os veciños de Goiás, parte da súa identidade comunitaria e da súa historia pasa polo coñecemento e protección destes cruceiros decimonónicos.

E teño que volver a chamar a atención sobre a importancia destes bens, pois de novo unha destas cruces volta a estar en grave perigo. Desta vez trátase da que está situada na aldea de As Casas Novas (a uns 50 metros da N-640, a carón da pista que une esta aldea con dita estrada). Quero deixar constancia de que a edificación, que se está realizando na finca na que está situado este cruceiro, cumpre coa normativa aprobada polo PXOM de Lalín. Por tanto, líbreme Deus de poñer en interdito aos seus donos. Pero este é un bo exemplo para ver como o plan xeral lalinense precisa dunha actualización, na que os bens patrimoniais recuperen o terreo que foron perdendo en aras da mercantilización do solo urbano e do incremento no número de hectáreas de solo rústico dedicadas á produción agrícola.

Agora cómpre tomar medidas urxentes de protección desta cruz en concreto, e das tres restantes por analoxía a esta. Pero antes, quixera facer unha breve aproximación histórica ao valor que posúen estas catro cruces.

Esta historia arranca na tradición oral existente en torno a estas cruces entre os veciños da parroquia, cando afirman que se atopan situadas en lugares nos que se cometera "o asasinato de persoas inocentes a mans de xentes de mal". Catro son as cruces de pedra que existen na actualidade facendo referencia a unhas supostas matanzas acontecidas en Goiás: A referida Cruz da Reboira, a das Abileiras (agora no campo da festa), e a do Ballote, todas elas situadas en Pareizo; e unha cuarta que se atopa no lugar de As Casas Novas. Tanto esta última como as da Reboira e das Abileiras posúen unhas dimensións moi semellantes, cunha altura duns 182 centímetros, aproximadamente, e cunha pedra traveseira duns 70 cm. A cruz do Ballote só ten uns 70 cm. de alto e unha pedra traveseira de 48. Todas elas contan cunha base cuadrangular de pedra, que ten unhas dimensións de 30 cm. de alto por 58 de ancho. Ademais destas, a xente recorda que noutros lugares da parroquia existían tamén estes tipos de cruces. Lugares coma o de Vilar Bo, Lagoas, Delaparte, Cruz de Brais e As Casas Novas contaron en tempos non moi pretéritos con este tipo de monumentos viarios; e que non pasaron desapercibidos polos amigos do alleo.

Sobre a historia destas cruces, cando se lle pregunta aos veciños, estes responden dicindo que en cada un dos lugares nos que hai ou houbo unha cruz foi asasinada unha persoa de Goiás durante unha época en que houbo guerra. Os encargados de facer tales matanzas eran xentes "que se dedicaban a facer mal: ladróns, bandidos...". Ante este único dato oral é difícil saber a qué guerra ou matanzas se refire a xente, e, se esas foron certas, en qué época se deron.

O feito é que esta información dos habitantes de Goiás ten a súa verificación histórica. Basta con consultar o primeiro Libro de Defuncións Parroquial (1716-1852) para atopar que no ano 1839, sendo crego D. Xosé López, foron asasinadas a mans de "facciosos" doce persoas que morreron en iguais circunstancias. Deses doce defuntos, un foi asasinado o 12 de maio, mentres que os once restantes fórono o 14 de agosto. Ese nome de facciosos era o termo que se lle aplicaba aos partidarios do Infante Don Carlos, que pretendía o poder enfrontándose a súa sobriña e futura raíña Isabel II. Ante este dato, pódese concluír que as matanzas de Goiás sitúanse no contexto histórico da I Guerra Carlista (1834-1840), durante a cal Galicia e os facciosos se converteron nuns dos grandes defensores do carlismo. Cómpre tamén dicir que as accións sanguinarias dos facciosos, máis ca producírense por motivos políticos e sociais, leváronse a cabo, xa a finais da guerra, baixo a insignia da bandidaxe, que era xustificada coma un axuste de contas a aquelas persoas que pertencían á milicia urbana -defensores da causa isabelina-.Unha referencia a estes feitos ofrécenola Francisco Vilariño, profesor e escritor dezao de finais do século XIX e principios do XX. Un dos parágrafos que el nos legou reza así: "Aprobado por unanimidade o pensamento, ordenouse unha expedición armada á parroquia de Goiás, na que a maioría dos veciños pertencían á milicia urbana, que lle causaba aos facciosos grandes desgustos, e co fin de vingalos e desquitarse das ofensas sufridas, propuxeron executalo, levando a cabo de modo brutal, non perdoando a vida nin a nenos, mulleres e anciáns que se atopaban ao seu paso, queimando casas, medas de centeo, das que estaban as casas repletas por ser na metade do mes de agosto: Era tal a fereza daqueles tigres que non se pode imaxinar nada peor nos crimes da fera humana. Tal desastre non tivo par nos anais daquela guerra civil, ata os enfermos foron inmolados no seu leito de dor. Goiás aínda hoxe chora os horrores daquela hecatombe" (VILARIÑO, F.; Reseña Histórica del Condado de Deza, edición preparada por Armando Vázquez. Madrid, 1997; pp. 147-149).

Para saber máis da historia do acontecido e de cada unha das persoas que faleceron nesta masacre, pódense consultar, ademais do libro de Francisco Vilariño, os seguintes: "Goiás, vida dunha parroquia rural galega" (SED, 2002); "Modernización rural e tradición cultural" (Lóstrego, 2008); e "Memoria das revoltas carlistas nas cruces de Goiás" (Lucensia, nº 24, 2002).

Cruz de O Ballote

É a máis pequena das cruces que quedan. Atópase ao lado dun camiño sen asfaltar, e xa mudou de sitio cando este se ancheou. Ao igual ca de A Reboira, habería que definir o seu perímetro cuns balaustres de pedra e con cadeas. Ademais, cumpría erguela algo do chan e aliñala na súa traza vertical. Esta nunha propiedade privada, polo que habería que contar co permiso do propietario da finca, e, no seu defecto, incluso trasladala a un lugar máis seguro e menos molesto, pero sempre contando coa opinión dos veciños de O Ballote (Pareizo).

Cruz de A Reboira

Para esta cruz, a miúdo posta en perigo polos tratantes de madeira que depositan preto dela troncos de piñeiro ou carballo, non estaría de máis poñerlle catro balaustres de pedra formando un cadrado, e unidos entre si por unhas cadeas que impedisen o achegamento á mesma. Así evitaríanse roturas como a que sufriu febreiro de 2011. Pode consultarse información sobre aquel acontecemento neste xornal (https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2011/02/25/cae-vestigio-carlista-pareizo/521722.html), e sobre o perigo a que se ve sometida polos camións (https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2014/01/14/o-cruceiro-da-reboira-novo/947191.html).

Cruz das Abileiras

Actualmente está ben protexida, xa que se atopa no campo da festa de As Angustias (Pareizo). Non vexo, de momento, motivo polo cal teña que tratar de incrementarse a súa protección.

Compartir el artículo

stats