Dous grandes ausentes encheron os primeiros minutos da conmemoración dos vinte anos da sección de música e baile da Carballeira de Cercio: Xosé Neira Vilas, "un dos grandes da cultura galega", en verbas de Javier Blanco Carballal, presentador onte e factotum do grupo tradicional, que lembrou a carta do falecido autor de Gres co gallo do espectáculo A caixiña de Balbino en xullo pasado; e José Crespo Penas, única perda entre as máis de cen persoas que pasaron pola formación desde 1995, para quen pediu un emocionado aplauso, porque "aos gaiteiros non lle aquecen minutos de silencio".

Foi o preámbulo da presentación de Vinte carballos fan carballeira, un libro de relatos reais e ficticios relacionados co grupo e escrito, deseñado e ilustrado por compoñentes do mesmo. Cinco deles protagonizaron esta primeira parte do longo acto de onte: Víctor García, que leu un poema composto por el; Nerea Fiúza, maquetadora; Adela Otero, autora das fotografías; Fernando Rodríguez, que deu conta da súa "historia dun gaiteiro"; Raquel López, que escribiu Retrousos de pan e viño, idea de seu pai; e Juan Salgado, único que non tomou a palabra, se cadra por ser o único con doblete no libro. Houbo un "agradecemento especial" para Román Rodríguez -conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria-, como autor dun prólogo no que fai constar que "Cercio marcou sempre tendencia, dinamismo, poucas parroquias atesouran un acerbo tal na defensa da cultura galega". O exconcelleiro lalinense ensalza á Asociación Cultural A Carballeira, que celebrou o ano pasado o seu 40º aniversario, como "decana" das de Deza e lembrou ao seu impulsor, Daniel Varela Buxán, amais de mencionar expresamente a Manuel Blanco Carballal, José Luis Blanco e Román e Julia Carballal.

O acto proseguiu coa entrega de premios e a actuación das Pandereiteiras de Cercio, sete rapazas que exhibiron o encanto das súas magníficas voces ata en tres ocasións distintas intercaladas con proxeccións de vídeos protagonizados por membros do grupo de música e baile. As súas interpretacións -tres pezas en cada un dos tres pases con que obsequiaron ao público- foron unha deliciosa sorpresa para moitos dos presentes.

Canto Ghalpón

Logo da entrega oficial de galardóns, houbo algunha que outra sorpresa. A primeira tivo como protagonistas a Víctor García e Juan Salgado, integrantes da Carballeira pero como responsables da páxina web de humor Canto Ghalpón. Recibiron a tradicional Folla de Carballo da agrupación cultural polo seu incansable labor a prol da cultura do país. Tamén foi sorprendido polos seus alumnos un emocionado Javier Blanco Carballal, agasallado cun ramo de flores.

O epílogo consistiu na interpretación do Himno Galego por parte de todos os membros do grupo, xuntos sobre o escenario. Foi un colofón emocionante a dúas horas de lembranzas da historia dun grupo que, nos seus primeiros vinte anos, ten levado o nome de Cercio por toda España da man dos seus intercambios con outras agrupacións. O seu relato recóllese nunha publicación, curiosamente, aínda en fase de edición e da que onte só había tres exemplares dispoñibles.

Na celebración, que comezou ao mediodía, estiveron presentes o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña Aparicio, e unha nutrida representación do seu goberno municipal, igual que o seu antecesor, José Crespo Iglesias, e varios concelleiros do grupo popular. O acto estivo enmarcado no Ciclo Cultural de Cercio, que finalizou de seguido coa música da banda A Lira de Prado e un xantar de confraternidade.