Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adeus ao escritor que dignificou a emigración galega

Os concellos preparan tributos a Neira Vilas

Lalín fará unha lembranza na Feira do Cocido -Cruces prevé ter a infraestrutura da Casa de Balbino en 2016

A escultura de Balbino en Lalín, cun ramo de flores. // Bernabé/Gutier

O labor dinamizador de Neira Vilas comezaba sempre polos seus veciños máis novos, os nenos de Vila de Cruces e, por extensión, os de toda a comarca dezana. De aí que a relación que mantiña coa administración local fose estreita, continuada e moi cordial. Por iso, nada máis coñecerse o seu pasamento os concellos da comarca xa comezaron a perfilar a idea de facerlle unha homenaxe póstuma para devolverlle, dalgún xeito, todo o traballo que fixo por achegar a literatura en galego aos nenos e tamén aos adultos.

O certo é que o seu concello natal, Vila de Cruces, xa tén en mente desde hai varios meses a posta en marcha da Casa de Balbino, un proxecto que naceu man a man coa Fundación Xosé Neira Vilas para que, por unha banda, esta entidade tivera máis espazo libre para facer actividades culturais e, por outra, para garantir que permanecería en Vila de Cruces todo o material referido ao neno labrego máis coñecido da escrita en galego. O museo monográfico sobre Balbino ubicarase nun baixo do casco urbano cruceño, moi preto da biblioteca -que, por certo, leva o nome de Neira Vilas- e do auditorio para facilitar o acceso de todos os veciños interesados neste volume. Haberá traducións, ensaios, teses de doutoramento e ata adaptacións teatrais deste libro. Pero tamén se poderán contemplar partituras musicais baseadas nesta obra, tallas de madeira ou pinturas que recrean cómo sería Balbino. O alcalde cruceño, Jesús Otero, sinala que xa se teñen mantido conversas días atrás coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e mailo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, "para dispoñer da infraestrutura que acollerá a Casa de Balbino o ano que vén". Otero aproveitou a asistencia ao soterramento de Neira Vilas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para solicitarlle o respaldo autonómico a esta iniciativa que, sen lugar a dúbidas, traspasará fronteiras, igual que fixo o best seller da literatura galega.

Desde Silleda, "o segundo municipio de Neira Vilas, como el mesmo dicía", lembra o alcalde, Manuel Cuiña, falarase mañá en xunta de goberno local da posibilidade de rendirlle un tributo a quen de neno pasou tantas xornadas na feira da Bandeira e que fai un mes foi nomeado socio de honra do colectivo Vista Alegre. "Todas as asociacións do noso concello tiñan moito vínculo con el. Por iso, queremos que a homenaxe que se faga que sexa con tempo e que se faga ben", recalca o rexedor. Por último, en Lalín farase unha lembranza ao poliacético autor durante a Feira do Cocido, que terá lugar o 31 de xaneiro e da que ía ser pregoeiro. A organización tiña previsto que no palco de persoeiros, durante a lectura do pregón, estivese só Neira Vilas e, como a el lle gostaba, rodeado de nenos.

Compartir el artículo

stats