LOITO NA CULTURA GALEGA

A derradeira andaina de Neira Vilas en Gres

Centos de persoas acoden ó funeral na aldea do escrito. Familiares recitan poemas inéditos na misa

29.11.2015 | 08:25
Chegada do féretro cos restos mortais do escritor á igrexa parroquial de Gres // Bernabé/Gutier

Tan inmensa é a importancia de Balbino na obra de Neira Vilas que ata estivo presente no funeral de onte en Gres. O polifacético autor foi enterrado na véspera do primeiro domingo de Advento, un tempo no que os cristiáns se preparan "para recibir un neno que nace nun alpendre, cheo de frío. Así foi a vida de Neira, a da súa obra, Memorias dun neno labrego, e a de tantos nenos e nenas". Con estas acertadas palabras comezaba a eucaristía Alfonso Blanco Torrado, párroco de Guitiriz, amigo íntimo de Neira Vilas e responsable tamén do funeral de enterro da súa esposa, Anisia Miranda. As referencias á obra e á estela que dende onte e para sempre deixa Neira Vilas foron continuadas ao longo da misa.

Sobra dicir que non só a igrexa, senón tamén a aldea de Gres, quedaron pequenas para recibir aos centos de dezaos e as ducias de persoeiros que quixeron darlle o último adeus ao escritor. Dende primeira hora da tarde o interior do pequeno templo parroquial de Santiago, o seu adro e a estrada que cruza a localidade estaban xa ateigados de veciños e representantes políticos e culturais que, na meirande parte dos casos, xa visitaran dende o venres pola tarde a capela ardente na igrexa de San Domingos de Bonaval. Non faltaron persoas do mundo editorial, como Miguel Anxo Fernán Vello (de Espiral Maior) ou Víctor Fernández Freixanes (Galaxia), así como a cineasta Margarita Ledo e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Entre as autoridades políticas que se desplazaron a Gres hai que mencionar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo -quen tamén acudiu pola mañá á capela ardente-; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo; o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, e maila parlamentaria Carme Adán; ou o expresidente da Deputación, Rafael Louzán. Xa en clave local, asistiron ao enterro o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, así como o seu antecesor, José Crespo, e mailos rexedores de Silleda, Manuel Cuiña;Vila de Cruces, Jesús Otero; ou Agolada, Ramiro Varela. En canto ao rexedor de Rodeiro, Luis López, desprazouse pola mañá a San Domingos de Bonaval pero non puido asistir ao enterro por ter un acto en Monforte vinculado ao Camiño de Inverno. Entre os asistentes tamén figuraban representantes do mundo da cultura, como Cándido Pazó ou os cantautores Manoele de Felisa e Tino Baz, ou o bispo de Tui e veciño de Sabrexo, Luis Quinteiro Fiúza.

A multitude que agardaba a chegada dos restos mortais de Neira Vilas gardou un silencio absoluto no momento en que o féretro desfilou, a ombros dos sobriños do escritor, cara a igrexa, ao son do Himno de Galicia interpretado pola Unión Musical Ponteledesma e cantado polos presentes. O féretro estivo en todo momento cuberto pola bandeira de Galicia e entrou no templo baixo unha salva de aplausos. Alí estivo arroupado polos cinco irmáns do escritor.

Alfonso Blanco comezou a misa asegurando que "con esta ledicia, con este agarimo, celebramos que os tempos novos xa chegaron. A vida de Pepe axúdanos a descubrir que a xustiza, a verdade, a paz e a fraternidade están aquí e teñen futuro". Referiuse á xente presente dicindo que era un símbolo dese vínculo entre a cidade e a aldea polo que tanto loitou Neira Vilas. Non podían faltar as referencias aos nenos, o público favorito do escritor e, en definitiva, as xeracións que aseguran o futuro da literatura e do país. O venres, cando se coñeceu o pasamento de Neira Vilas, foron moitos os colexios e bibliotecas que organizaron ou que puxeron en marcha para os próximos días sesións de lectura das obras do xenial creador. "Como nenos que somos, queremos comprender a súa vontade de traballar polos demais, sentir esa paixón coa que viviu e coa que segue vivindo Pepe entre nós".

Despois da primeira lectura, Mini e Mero interpretaron o poema Ai,amor!, que compuxera Neira Vilas e que musicou o grupo A Quenlla. Non foi a única lembranza á súa magnífica obra lírica e, por certo, foi tamén o mesmo poema que se leu no funeral de Anisia Miranda. De seguido, unha sobriña do autor leu un dos seus derradeiros poemas, que tamén se está musicando e que, nalgún momento, relata que "O mundo deume de todo, regalías e agasallos. Todo é borralla e fume".

Xa no momento da homilía, Alfonso Blanco fixo fincapé en que "estamos diante dun mestre que, como Xesús, marcou os camiños do ben, da paz e da xustiza. Axúdanos a vivir esta emoción de que algo novo está a abroiar na nosa vida e nos nosos corazóns. Cada un de nós imos seguir convivindo con el, porque a súa pegada é forte", tanto durante a súa estadía de máis de 40 anos na emigración como cando voltou á terra. "Ïmolo seguir lendo, e imitando a súa xenerosidade. É un xornaleiro da palabra, da palabra feita carne".

Neste punto da liturxia, foi o músico Roi Casal quen, acompañado por unha arpa, interpretou un poema no que traballaba cóbado con cóbado con Neira Vilas e co artsta cubrano Pablo Milanés. Esta composición formará parte do cuarto traballo en solitario do xove artista. E, de novo, os versos que inspirou Neira Vilas fan mención ao triste momento de onte: "Por unha vez consigo ter parado o tempo para entender que a vida é un momento".

E Neira Vilas seguiu presente ao longo de toda a misa. Antes de rezar o Noso Pai, o sacerdote lembrou que o escritor, xa para sempre xunto á súa dona, "chegou, unha vez máis, a unha das súas metas". E, por último, outro familiar leu un poema no que estaba traballando Neira, Aquel día han de levarme á miña derradeira andaina. Se para entrar á igrexa soou o Himno de Galicia, na súa última viaxe a banda sonora de Neira Vilas foi a Marcha do Antigo Reino de Galicia e os aplausos dos centos de persoas que quixeron estar presentes no día en que o neno labrego máis universal pasou a ser eterno.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine