Fillo de labregos, Xosé Neira Vilas estudou comercio por correspondencia e traballou de contable antes de emigrar a Arxentina, en xaneiro de 1949. Alí entra en contacto cos galeguistas do exilio, coma os silledenses Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela ou o lalinense Xosé Otero Abeledo Laxeiro e funda as Mocedades Galeguistas en 1953. Casa coa escritora galego-cubana Anisia Miranda, coa que en 1961 marcha a Cuba, onde participa na redacción de xornais e revistas. O matrimonio regresa a Galicia en 1992 e establécese en Gres. Desde a súa terra natal convértese nun axitador da vida cultural galega, empezando polo seu entorno, coa fundación que leva o seu nome e a creación dos premios literarios de poesía e teatro para nenos Arume e Estornela. Colabora con proxectos artísticos coma a casa-museo A Solaina, de Piloño, e é reclamado por concellos e colectivos de toda Galicia para actos culturais diversos. Membro da Real Academia Galega e doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana, recibiu as medallas Castelao e, este mesmo ano, a de ouro de Galicia. Activo ata o final, unha das súas últimas aparicións públicas foi co gallo dunha obra de teatro en Cira (Silleda) o domingo 22, ao día seguinte da presentación dun libro de Loli Beloso sobre a súa figura e a da súa dona en Pontevedra.