Adeus ao escritor que dignificou a emigración galega · Loito no mundo da cultura galega

Loas ao home que ensinou a ler en galego

Persoeiros da cultura destacan o labor dinamizador entre as xeracións máis novas

28.11.2015 | 02:59
Henrique Monteagudo e Víctor Freixanes. // Bernabé/Gutier

O pasamento de Xosé Neira Vilas foi valorado como unha gran perda por distintos persoeiros da cultura galega. O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, suliñou que a importancia de Memorias dun neno labrego estivo "en que aprendeu a ler en galego a miles de persoas que nunca antes o fixeran e actuou como unha cátedra de comunión idiomática e social". Alonso Montero non dubidou en asegurar que ambos "somos en certo modo camaradas políticos". O pintor lalinense Antón Lamazares tamén fixo fincapé no libro máis senlleiro de Neira Vilas afirmando que "é unha das xoias da literatura galega de tódolos tempos, ademais de ser un libro co que empecei a soñar desde pequeno". Lamazares recoñeceu que "non tiña moito trato con el, aínda que o coñecía e o admiraba".

O seu derradeiro editor, Víctor Fernández Freixanes (director de Galaxia) sinala que "perdemos unha personaxe fantástica, intelectual e humanamente. É dos poucos escritores que podía presumir de que estaba escribindo constantemente rodeado do cariño dos lectores e lectoras". Freixanes desplazouse ata a casa de Gres en compaña do académico Henrique Monteagudo, e sinalou que a relación que mantiña con Neira Vilas "era case de irmandade. Desde que morreu Anisia Miranda, chamaba case todas as noites para falar da correción dalgunha obra". Do mesmo modo, quere sinalar que Neira Vilas se caracterizaba por falar moito cos seus lectores. "Lembro que nunha feira do libro da Coruña achegáronse dúas mulleres para que lles asinara uns libros. Neira preguntou para quén eran, e elas dixeron que aínda non naceran. Así que Neira xa estaba firmando libros para as novas xeracións, unha cousa que poden dicir moi poucos escritores".

Os persoeiros da cultura coinciden en destacar a tremenda calidade humana de Neira Vilas. "Foi o meu pai intelectual", afirma o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Para este membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas o de onte foi "un día moi triste, porque era o patriarca da cultura galega. Empezou a escribir moi novo e enriqueceu a cultura coa diáspora, nos 40 anos que viviu en América". García resalta que "á súa volta a Vila de Cruces, crea unha fundación na que se formaron moitos nenos da comarca, e chega ao final da súa vida cunha bagaxe moi difícil de igualar por outro autor. Tivo unha vida feliz e morreu rodeado da súa xente querida".

Xa en clave local, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, lembra a disponibilidade que tiña este autor "para acudir a calquera colexio de calquera punto de Galicia" para extender o gosto pola literatura entre as xeracións máis novas. "Temos compartido centos de horas na fundación", engade. A presidenta da Fundación A Solaina Paco Lareo de Piloño, Carmen Lareo, estaba abraiada pola noticia e indicou que Neira "é unha persoa que aportou moitísimo á nosa cultura". Lareo valorou a sencillez do finado escritor que "nunca decía que non cando lle pedías o que fora". O tamén artista cruceño Armindo Salgueiro considera que "é unha grande perda para a literatura e a cultura en xeral porque Neira foi un referente da literatura vencellada ao mundo rural". O escritor lalinense Carlos Negro explicou que "Neira ten un mérito fundamental: Conseguiu que o seu libro máis sobranceiro trascendera á sociedade, ademais de publicar en galego en tempos difíciles". Negro engadiu que Neira Vilas "dotou de dignidade aos galegos do rural e deunos a entender o fenómeno da emigración en América".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine