Integrantes de la asociación cultural Vagalumes da Estrada presentaron onte pola mañá unha iniciativa no consistorio estradense para que a administración municipal se converta en promotora dunha mostra anual de teatro escolar na memoria de Olimpio Arca Caldas.

Vagalumes ten previsto homenaxear cada ano dun xeito distinto ao mestre, escritor e investigador desaparecido hai un ano. Deste xeito, pretende que o 2016 sexa o ano no que este xesto se centre no seu traballo a prol do teatro escolar. En todo caso, a asociación coida que ten que ser o Concello, contando coa colaboración de distintas asociacións, a que tome a iniciativa de organizar este certame.

"Temos a obriga de tocar estes aspectos como resortes do contaxio e do estímulo", sinalou o mestre David Otero, acompañado no rexistro desta proposta de Vagalumes por Clara Iglesias e Tino Regueira.

Esta tarde, ás 18.00 horas, Vagalumes levará a cabo unha ofrenda floral diante da tumba de Olimpio Arca, no cemiterio de San Paio da Estrada, para conmemorar o cabodano do seu pasamento. Ademais, xa de cara ao ano que vén, esta asociación ten programada unha mesa redonda baixo o título Olimpio Arca eo patrimonio da nosa comarca. Nela intervirán Carme Sánchez Aríns, Xosé Fuentes Alende, Héitor Picallo e Xosé Manuel Nogueira, abordando diversas dimensións do traballo desenvolto por Arca Caldas.