Moimenta, futuro parque arqueolóxico

O autor descubre un altar rupestre único na comarca e tres grupos de petróglifos nesta parroquia lalinense

30.10.2015 | 02:34

As investigacións que levamos a cabo nos últimos tempos na parroquia de Moimenta (Lalín) trouxeron como resultado o descubrimento dun altar rupestre -único que saibamos polo de agora na comarca de Deza e quizais en Galicia- e tres estacións de petróglifos, nunha superficie de pouco máis dunha hectárea. Con anterioridade tiñamos dado conta da existencia na zona de tres sepulcros esculpidos en rochas, o que, xunto con outros elementos localizados na zona, unha vez catalogados e protexidos coa declaración de "Ben de Interese Cultural (BIC)", poderían ser postos en valor para crear un verdadeiro parque arqueolóxico no municipio.

O enclave de A Cal-Tralaeirexe foi lugar de culto dos antigos habitantes do país que hai tres ou catro mil anos o encheron de ducias de petróglifos e construíron un altar rupestre para os seus rituais panteístas. Mesmo os romanos, que séculos despois deixaron as pegadas nunha vila nas proximidades, puideron erixir neste enclave un templo dedicado a Diana, xa que de aquí saíu en 1916 un ara dedicada a esta deusa que se garda no Museo de Pontevedra. Coa chegada do Cristianismo o lugar continuou sendo usado para culto construíndose un templo que sería a primeira igrexa dedicada a San Lourenzo; logo, no século XVIII, foi trasladada ao actual emprazamento con traza barroca. Da primitiva queda a evidencia dos tres sartegos que están á vista -pode haber máis soterrados- que aparecen rodeados por gravados rupestres con case un cento de cazoletas e dúas pozas ben labradas con canles de desaugue, que deberon ser usadas coma altar neste "santuario" que conxuga o pagán e o cristián.

Preto deste penedo está un dos sepulcros, que ao igual que os petróglifos salvouse da destrución, xa que a zona foi usada como canteira. Parecida sorte correu outro dos sepulcros noutra rocha máis lonxana do altar que está agora medio soterrado baixo un valado e no que tamén se repiten os gravados, segundo nos informou nestes días o xeógrafo Antonio Presas, que tamén localizou o que semella unha mámoa nas proximidades.

Tres estacións inéditas

Preto deste lugar sagrado dos antigos poboadores, no Monte da Costa localizamos tamén tres estacións rupestres inéditas deica o de agora. A máis próxima é a máis interesante delas, tanto polo número de gravados coma pola variedade dos mesmos. Atópase nun penedal con boas vistas dos contornos e nela poden verse máis de media ducia de círculos con radios uns e coviñas outros entrelazados por fondos sucos. Derredor medio cento de cazoletas, algunhas dobres que puideron ser máis en tempos de non ter sido usado o penedal coma canteira. Noutro outeiro rochoso, a uns 50 metros da estación anterior atopamos un segundo grupo de petróglifos composto enteiramente por cazoletas simples e dobres e coviñas en número superior ao medio cento. Hai unha terceira estación rupestre preto da anterior que abrangue dous grupos: Un deles con motivos circulares e cazoletas semellantes aos descritos na primeira estación, pero en menor número, e un segundo que semella histórico con máis dunha ducia de ferraduras e cruces; e non se descarta a existencia de máis petroglifos baixo o abondante mato.

Igrexa e cemiterio

En Moimenta, ademais da igrexa parroquial referida, cun artístico campanario e un sepulcro medieval, no cemiterio que a rodea pódense ver vestixios da Torre da Valouta e do derruído castro no Castrillón ou un petróglifo histórico cun cérvido na Pena da Cruz. Tamén unha mámoa sen catalogar descuberta por nós ao pé do camiño que vai ao cruceiro do Furco -na parroquia hai outros tres e un Vía Crucis-, onde tamén quedan vestixios dunha capela, e outra consérvase en Meixomín. Escoiras romanas, restos de cerámica e unha machada votiva atopáronse ao pé do regato de Albela, no que se poden ollar moitas pontellas, fervenzas e numerosos muíños -un deles foi centraliña eléctrica dos Vilariño-, batáns e ata un mazadoiro para o liño, e vense bos exemplares de hórreos con curiosos remates. A parroquia recoñecida deica o de agora pola súa banda de música está chamada a ser unha referencia na riqueza patrimonial da comarca de Deza.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine