Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O roubo da igrexa de Cerdedo

O vetusto templo medieval consagrado a San Xoán Bautista foi asaltado en outubro de 1836

O xulgado mandou tomar declaracion en 1837 a dous mozos da parroquia por este roubo. // Bernabé/Luismy

A noite do 29 ao 30 de outubro de 1836, burlando pechos e caravillas, dúas sombras caladas e buliceiras accederon á sancristía da parroquial de Cerdedo. A incursión nocturna non respondía a un arrouto de fe, senón ao devezo polo tesouro agochado tras o presbiterio.

O vetusto templo medieval, consagrado a san Xoán Bautista, baixo cuberta de madeira a dúas augas e inxel espadana, tan só perduraba na memoria dos máis vellos, posto que, baixo a reitoría de Ramón (ou Román) Vicente Moas e Barreiro e grazas ás onerosas contribucións dos veciños, aquelas antigas estruturas foran substituídas, durante o bienio 1779-1781, polos cánones da arquitectura barroca e neoclásica, plasmados polos canteiros Xosé Neto e Manuel Varela nunha portada de xemelgas torres campaneiras.

Investíronse na obra 75.000 reais de vellón. Conforme o Catastro de Ensenada (ano 1752), en Cerdedo, o xornal dun canteiro era de 3 reais de vellón e unha ducia de ovos custaba dezaseis maravedís (34 maravedís equivalían a 1 real de vellón).

As melloras do templo de Cerdedo non se limitaron á ampliación do espazo sagrado (en 1830, o Madoz consigna 1.600 almas -habitantes- na freguesía de San Xoán), senón tamén, á adquisición de imaxes e útiles suntuosos. O propio Moas e Barreiro encargáralle ao obradoiro compostelán de Gambino e Ferreiro a talla do Ecce Homo. Dende aquelas, paseniño, a fascinación polo cru realismo do Xesús Cristo preso no tallo foi amortecendo a devoción popular polo seu curmán, o Bautista, precursor lato sensu, dando pé a un dual e non equidistante padroado.

Descoñecemos quen rexía a parroquia de Cerdedo en 1836, mais, sabemos que, en 1841, a reitoría estaba ao cargo do crego Vicente Miranda.

Aquel concello neonato de hai case 180 anos contemplaba absorto a supresión das ordes relixiosas e o proceso desamortizador decretados polo Goberno de Juan de Dios Álvarez Mendizábal, cadrando coa rexencia de María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias (viúva de Fernando VII e nai de Isabel II).

Así mesmo, o territorio de Cerdedo era, con frecuencia, escenario das razzias carlistas. Os partidarios do infante Carlos María Isidro, irmán do defunto Fernando VII e pretendente ao trono español, propugnaban a volta ao Antigo Réxime, en detrimento do reformismo liberal e do parlamentarismo que preconizaban as revolucións burguesas. A ideoloxía carlista, monárquica e tradicionalista, gozaba da simpatía dunha boa parte do clero local.

Nunha situación de guerra civil, os motíns anticlericais do verán de 1835 arremeteran contra o clero regular polo seu apoio ao carlismo. Probabelmente, os autores do roubo da igrexa de Cerdedo aplicaron aquilo de "A río lodo, ganancia de pescantíns".

No Boletín Oficial da Provincia de Ourense do martes 3 de xaneiro de 1837, Xoaquín Bernárdez, secretario do Goberno Político e xefe político interino desa provincia, a instancia do xuíz de primeira instancia de Tabeirós, manda inserir na publicación oficial un comunicado remitido polo devandito xulgado o 15 de decembro de 1836.

No dito comunicado, o xuíz de Tabeirós prégalle ao gobernador de Ourense que ordene practicar as dilixencias necesarias para a recuperación das xoias e a captura dos ladróns, e que se lle comunique o resultado das pescudas para incorporalas á causa. A autoridade ourensá asina a conformidade o 18 de decembro.

O BOPO achega cumprida relación do patrimonio subtraído na parroquial de Cerdedo. Reproducimos textualmente: "Una cruz grande de plata, como de una vara de alto con algunas figuras y esmaltes, su peso media arroba. Un viril de plata dorado, en forma de torre. Cinco cálices de plata de media vara, de dos libras de peso. Dos candeleros de plata de un pie de alto, su peso de libra y media. Cuatro cruces de plata de los guiones, de cinco libras de peso. Un incensario y naveta con cuchara de plata. Un platillo y dos vinajeras de plata. Una caja de madera con dos ampollas de plata. Cuatro coronas de Vírgenes de plata. Un palio de damasco de seda. Una capa pluvial. Un capote de damasco de seda. Un manto de damasco de seda del púlpito. Cuatro albas finas con sus amitos y cíngulos. Seis manteles de un lienzo de altares. Dos juegos de corporales y dos paños de manos".

Respecto á "cruz grande de prata", deducimos que tiña unha lonxitude duns 84 centímetros e pesaría uns 6,5 quilogramos (segundo as zonas, a arroba galega variaba dos 11 aos 15 Kg). Sen considerar o valor artístico da peza, o prezo do metal no que estaba confeccionada ascendería, hoxe por hoxe, a uns 2.900 euros.

Prevaricación

Respecto ao "viril de prata dourado", cómpre dicir que un "viril" é un receptáculo de cristal con remates dourados onde se garda a hostia consagrada. O viril encaixa na parte superior da custodia ou ostensorio para a súa exposición. Inferimos que o viril era de ouro e a custodia, tallada en prata, tiña forma de torre. Ignorando pesos e medidas, o seu valor é imposíbel de calcular.

Respecto aos "cinco cálices de prata", deducimos que cada un deles medía uns 42 cm. A libra galega equivale a 575 gramos. Concluímos que cada copa pesaba uns 1.150 g, daquela, as cinco, sumaban 5,75 kg. Obviando o valor artístico das pezas, o prezo do metal ascendería, na actualidade, a uns 2.600 euros.

Respecto aos "dous candeeiros de prata", deducimos que medían uns 28 cm de alto e que pesaban, cada un, uns 863 g. Desestimando o valor artístico, hoxendía, o prezo do metal ascendería a uns 776 euros.

Respecto ás "catro cruces de prata", chamadas "de los guiones", cómpre dicir, de primeiras, que esta expresión equivale a "guieiras", é dicir, as cruces que encabezaban as procesións. A prata que se empregou na elaboración das catro cruces sumaba 11'5 kg. Actualmente, o prezo do metal acadaría os 5.165 euros.

Polo editor e investigador A. Prada Allo, souben que o xefe político interino de Ourense Xoaquín Bernárdez incorrera en prevaricación cando, en 1837, lle concedeu o contrato de impresión do citado Boletín Oficial a unha nova empresa. De tal xeito, os ladróns atrás dos que rouban, catro meses despois, no Boletín Oficial da Provincia de Ourense do martes 23 de maio de 1837, lemos:

"En el juzgado de primera instancia de Tabeirós pende la causa criminal contra los perpetradores del robo hecho en la iglesia de S. Juan de Cerdedo en la antigua jurisdicción de Montes; y estando mandado tomar declaración sobre este incidente a Salvador Rodríguez y a Francisco Arén, vecinos de la misma parroquia, se previene a las autoridades y demás encargados de protección y seguridad pública procedan al arresto de los mismos, cuyas señales se ponen a continuación".

O Boletín engade unha descrición dos presuntos autores do roubo. É significativa a súa pequena estatura, a pel torrada polo sol (cor "trigueña") e a humildade das roupaxes:

"Señas de Salvador Rodríguez.- Edad 36 años, estatura 5 pies (140 cm), pelo y cejas negro, ojos negros, nariz y cara regular, barba poca, color trigueño; vestía pantalón y chaqueta de somonte color pardo, chaleco de manchester azul, sombrero redondo.

Señas de Francisco Arén.- Edad 26 años, estatura corta, pelo y cejas negro, ojos ídem, nariz y cara regular, color trigueño; vestía pantalón y chaqueta de burel, chaleco de manchester negro, sombrero viejo".

Consonte se establecía no Código Penal de 1822, vixente no ano 1837: "El que en el templo o en sus dependencias o en algún acto religioso robare o hurtare vaso, vestidura u otro efecto sagrado, o algunas de las cosas destinadas al culto público o al adorno del mismo templo, será castigado con el máximo de la pena correspondiente al hurto o robo que cometiere (dezaseis anos de traballos forzosos, polo artigo 733), la cual se podrá aumentar hasta una tercera parte de dicho máximo, según el grado del delito" (Título I, Capítulo III: "De los delitos contra la religión del Estado", artigo 239).

Que lles deparou o destino a Salvador e Francisco? As autoridades deron recuperado o botín?

A menos que mediase por eles un bo avogado, os mozos Salvador e Francisco, xulgados polo roubo na parroquial de Cerdedo, deberon ser condenados, como mínimo, a dúas décadas de traballos forzados. Coñecendo as tarefas que naquela altura se lles encomendaban aos reos, as posibilidades de saíren con vida eran escasas.

"Mais ti, Señor, es un Deus compasivo e cheo de piedade, lento para a ira e abondoso en misericordia e fidelidade" (Salmos 86:15).

Compartir el artículo

stats