Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cándido Soto, o último cacique da Restauración (e II)

Durante a II República posiciónase co Partido Radical; logo do golpe de Estado de 1936, xa non tivo un papel destacado

Jesús María Santaló con Valentín Paz Andrade en 1924.

Nada ten de estraño que despois da dimisión de Primo de Rivera, o 30 de xaneiro de 1930, e a caída da Ditadura, fose Cándido Soto Colmeiro quen decidise os nomes dos novos alcaldes: Bernardo Madriñán, en Lalín; Amalio Calviño, en Rodeiro; Arturo Blanco, en Carbia; e José Oro Barrio, en Agolada. Precisamente con motivo do nomeamento deste celebrouse en Agolada un banquete o 23 de abril ao que asistiu Cándido Soto e no que pronunciou un discurso sobre a boa administración dos concellos.

O 11 de maio de 1930 celebrouse en Mouriscade (Vilanova) un banquete-festa en homenaxe a Cándido Soto, ofrecido por Gonzalo López Gutiérrez con motivo da súa reposición como recadador municipal (López, que fora nomeado recadador en 1925, foi expedientado en 1929 por irregularidades e reposto no cargo pola nova corporación o 19 de abril). A festa reuniu os amigos de Soto: os alcaldes de Lalín, Agolada, Rodeiro e Carbia, concelleiros, avogados, mestres, peritos... En fin, a elite política da comarca. Ao final, fíxoselle entrega a Soto dun ramo de flores e pedíronlle que "se conserve no posto que ten encomendado".

Durante este ano de 1930 formouse un grupo republicano en Lalín encabezado por Manuel Ferreiro, que exerceu como oposición á política de Soto, organizando actos de propaganda e editando o periódico Atrás.

Sucedéronde tamén as reunións políticas para apoiar a candidatura a deputado en Cortes de Jorge Quiroga (pensábase neses intres nunha convocatoria de eleccións xerais). Este comité, que se proclamou anticaciquil e sobre todo antiriestrista, contaba coa participación de Salvador Madriñán, Domingo Palmaz, Benjamín González Fidalgo, xunto a directivos das sociedades agrarias de Rodeiro e o médico de Agolada, Víctor Loureiro. Pretendían formar unha fronte contra a candidatura "gobernamental" de Sáinz de Vicuña, promovida por Soto.

O 6 de marzo de 1931 convocáronse eleccións municipais, que se celebraron o 12 de abril, e os tres grupos presentáronse á loita electoral en condicións moi desiguais: En Lalín, a vitoria foi para a candidatura gobernamental, que conseguiu que o grupo anticaciquil se retirase; mentres que os republicanos, aínda con pouca forza, non lograron obter representación. O mesmo sucedeu nos outros concellos dezaos, a excepción de Agolada, onde a candidatura anticaciquil organizada polo médico Víctor Loureiro logrou o triunfo.

En Carbia enfrontáronse unha candidatura "oficialista" composta por membros das corporacións da ditadura de Primo de Rivera e encabezada por Jesús María Santaló Ponte, con outra "democrática" que promovía Cándido Soto. A loita electoral foi moi apaixonada, chegándose o día das eleccións ao uso das armas en Piloño. A discusión entre os partidarios de ambas candidaturas no colexio electoral de Paxariñas rematou con disparos que causaron a morte de Jesús Mato Soto (sobriño de Cándido Soto) e Antonio López García, e outros tres feridos graves.

No conxunto do Estado a vitoria foi para os republicanos e o 14 de abril proclamouse a República. O 16 constituíuse en Lalín a Xunta Municipal provisional baixo a presidencia de Ferreiro. Anuláronse as municipais do 12 en todos os concellos onde se presentaron reclamacións e convocáronse novas eleccións para o 31 de maio. Os antigos gobernamentais, agora titulados "reformistas" propuxeron aos republicanos formar unha candidatura conxunta, proposta que estes rexeitaron. Así concorreron dúas candidaturas, a reformista encabezada por Bernardo Madriñán e a republicana, por Manuel Ferreiro. O triunfo foi absoluto para os de Ferreiro, xa que os reformistas non acadaron representación.

Expedientado

A nova corporación decidiu en xuño a suspensión da maioría dos empregados municipais e a instrución de expedientes ao recadador Gonzalo López e ao médico municipal Cándido Soto, por faltas no cumprimento do seu deber. O médico e o recadador foron repostos nos seus cargos en setembro por orde do gobernador civil, aínda que se instruíu un novo expediente contra Gonzalo López, que rematou coa súa separación do cargo. A Cándido Soto volveron abrirlle expediente o 11 de abril e o 13 de novembro de 1932 por denuncias sobre a súa actuación.

Tras o desastre electoral que supuxeron as eleccións, Soto iniciou unha nova etapa política posicionándose agora co Partido Radical, dirixido en Pontevedra por Emiliano Iglesias. Os radicais, que iniciaron a súa propaganda política logo das eleccións xerais de xuño de 1931, nas que saíron elixidos deputados Ramón Salgado, José López Varela e Emiliano Iglesias, fixéronse moi presentes con actos e mitins na comarca durante o primeiro bienio, constituíndose como a principal forza de oposición á ORGA de Casares Quiroga, que controlaba case todos os gobernos municipais. O Partido Radical estaba liderado no concello de Carbia por José Gil Sexto, en Lalín por Ángel García Basterra e en Agolada por Gumersindo Castro Soto (sobriño de Cándido). Aínda que Soto se mantivo nun segundo plano, a súa presenza foi significativa nalgúns actos como o mitin celebrado en Carbia o 10 de abril de 1932.

No verán dese ano de 1932, con ocasión da campaña de difusión do Partido Galeguista que acaba de nacer, os líderes galeguistas organizaron na véspera do día de Galicia varios mitins en Noceda, Vilatuxe e Lalín nos que participaron Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Valentín Paz-Andrade. Conta Paz Andrade que, logo do mitin de Lalín, foi con Castelao a Donsión visitar a Cándido Soto, vello coñecido do de Rianxo e "o home máis influínte do Partido Xudicial de Lalín ata o 12 de abril" para pedirlle axuda para a organización do Partido Galeguista na Comarca. Nada sabemos dos pormenores desa entrevista.

Logo da vitoria dos radicais nas eleccións de novembro de 1933, iniciouse unha campaña de acoso e derribo ás corporacións municipais de signo contrario. E pouco a pouco estas foron destituídas polos gobernadores civís e reemprazadas por outras integradas por lerrouxistas. O 6 de xullo de 1934 suspenderon a de Carbia, e foi elixido como novo alcalde Manuel Gil Boado (o fillo de José Gil); o 6 de agosto a de Agolada, o 8 a de Lalín, que presidiu nese momento Ricardo López Varela (fillo de Gonzalo López). O 7 de setembro tocoulle a quenda á de Rodeiro, na que elixiron alcalde a Amalio Calviño.

En Lalín son concelleiros nese momento moitos dos homes de Soto: Ramón Adán, Ramón Fernández Villar... Un dos primeiros acordos desta corporación foi a reposición no seu cargo do recadador Gonzalo López Gutiérrez. A influencia política de Soto era palpable ao conseguir tamén en novembro de 1935 o nomeamento de médico forense en propiedade.

O Partido Radical comezou a ter problemas e cara fins de 1935 a raíz dos escándalos financeiros (como o do straperlo) Lerroux e os seus partidarios víronse definitivamente desacreditados. En Lalín a campaña contra os radicais centrouse na xestión económica, acusando ao alcalde Ricardo López de beneficiar ao seu pai o recadador (apareceron en febreiro de 1935 panfletos contra os radicais, contestados por Gonzalo López en marzo con outro panfleto). Soto desvinculouse de López e promoveu en xullo unha reunión dos concelleiros para pedir a renuncia do recadador. Como consecuencia, Gonzalo López presentou a súa dimisión o 30 de xullo. A corporación acordou o 31 de decembro un voto de censura contra o alcalde Ricardo López polo pago de cantidades que se lle adebedaban o que deixara á Caixa do Concello sen fondos.

O 8 de xaneiro o Goberno Civil destituiu os concelleiros radicais e nomeou unha nova corporación que presidiu Domingo Palmaz. Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións xerais de febreiro, o día 21 foron repostos os concelleiros de elección popular de 1931, con Ferreiro novamente de alcalde.

O novo réxime político que xurdiu tras o golpe de estado do 18 de xullo designou alcalde a Bernardino Madriñán (o presidente do Bloque Nacional de Calvo Sotelo). Cándido Soto xa non tivo un papel destacado, aínda que conservaba influencia política a través do seu xenro Jesús Rodríguez Diéguez (casado coa súa filla Amalia en 1933), dirixente da Falange local.

Soto morreu na súa casa de Donsión o 13 de outubro de 1945.

Compartir el artículo

stats