A nova escola de gaitas e percusión de Lalín encheu de novo os foles de aire coa presentación do curso escolar, que arrancou onte de xeito oficial. Nun acto no que participaron máis dunha vintena de alumnos, acompañados nalgúns casos dos seus proxenitores, a recen estreada directiva afondou nos pormenores do novo curso.

A xornada convertiuse, ademais, no bautizo oficial do colectivo. Así bota a andar a nova Asociación Cultural Carballo da Manteiga. Unha clara referencia a Lalín, xa que este é o nome que recibe o carballo que forma parte do escudo do municipio. Unha árbore que, á par de ser característica da paisaxe lalinense, fai referencia a un carballo situado onda a antiga capela de Lalín alá polo 1876 e que foi cortado para a construcción da igrexa actual. A cronoloxía popular fai referencia a que esta árbore recibía dito nome posto que nos días de feira adoitaban colocarse debaixo del as mulleres que vendían queixos e manteiga. Dende a directiva do colectivo quixeron ter moi presente este símbolo lalinense e adaptárono tamén para convertelo no seu emblema, onde tres carballos, que amosan a súas raices, convértense "na conxunción de tradición, danza e baile" que serve de xermolo para a nova escola.

A asociación, que xurdiu trala supresión da escola provincial, manterá a esencia tradicional pero procurará unha maior presencia na rúa con actuacións en romerías e festexos en decrimento da preparación dos concursos, principal obxetivo do anteior colectivo. Tamén terán pequenas modificacións que os aproximen máis á tradición, con pequenas adaptacións, sobre todo, na percusión, pero que se levarán a cabo paseniñamente.

O arrinque do curso serviu ademáis para presentar ó novo director da escola, o gaiteiro Marcos Campos, un mestre vigués cun amplio currículum e que se formou con grandes gaiteiros como Carlos Núñez. O de onte foi o primeiro encontro cos alumnos. Ademáis, a cita serviu para presentar á recén estreada directiva, integrada por antigos alumnos. "Somos os máis veteranos" explica o novo presidente, José Ramón Vilela. Con el atópase como tesoureiro, José Rodríguez Alvarellos, María Jesús González Dobarro que exercerá de secretaria e José García Cuiña e José Luis Mato Cachafeiro, como vogais.

O curso comeza con casi corenta alumnos, case a metade do curso pasado pero aínda se mantén o prazo aberto e agardan que este número se incremento co paso dos días. As clases terán lugar no auditorio lalinense de 18.00 a 20.00 horas. A primeira hora impartiranse as clases de iniciación de percusión e gaita e nas horas finais serán as sesións colectivas. O custo da matrícula é de 25 euros e inclúe a clase do próximo xoves e de todo o mes de novembro. Logo as taxas por mes serán arredor de 10 euros. Coa asociación xa constituida agardan asentarse para logo comezar unha labor de captación de socios para lograr autofinanciarse, aínda que "non está reñido ser alumno con socio", como aclara Vilela. Pendentes teñen aínda temas da xestión da anterior directiva que atañen ós traxes, instrumentos ou a matrículas xa adiantadas.