Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cándido Soto, o último cacique da Restauración (I)

Médico de profesión, foi alcalde de Carbia (1902-1906) e de Lalín (1923) e líder agrarista da facción de Riestra

Homenaxe dos veciños de Vila de Cruces a Gumersindo Soto en 1907.

Cándido Soto Colmeiro foi elixido, en xaneiro de 1902, Alcalde de Carbia, posto no que sucedeu ao seu pai, que desempeñara o cargo durante varios anos na última década do século XIX e a quen, logo da súa morte en 1916, a Corporación lle dedicou unha rúa en Vila de Cruces que aínda hoxe existe. Permaneceu como máximo rexedor ata xuño de 1906, aínda que por eses anos estaba rematando os seus estudos, o que fixo que practicamente non desempeñase a alcaldía polas continuas ausencias. Renunciou logo de acadar o título de médico e abreu o seu estudio na parroquia de Carbia. O 4 de xullo de 1907 ingresou por oposición no corpo de médicos titulares e foi nomeado médico municipal en propiedade do Concello de Carbia.

Casou con Amparo Blanco Losada o 5 de febreiro de 1910. Con este matrimonio, a familia Soto ampliou a súa influencia política e social, xa que Amparo era filla e herdeira de Antonio Blanco Rodríguez, coñecido como O capitán Blanco de Donsión. Os Blanco son descendentes de José Blanco Porto, que fora alcalde de Lalín (1883-1884 e 1887-1890). Adscritos ao Partido Conservador, eran rivais políticos de Antonio Crespo, que representaba ao Partido Liberal e ostentou a alcaldía a partir de 1903, logo de desbancar ao irmán de Antonio, Lauréano Blanco, quen seguiría na oposición a Crespo como director do periódico La Defensa en 1907.

Pero Cándido Soto non abandonou as súas orixes e seguiu sendo o principal cacique de Carbia durante o primeiro terzo do século XX. De feito, a Cándido sucédeo na Alcaldía o que fora o seu Primeiro Tenente-Alcalde, Ramón Gontán Botana, e a este o cuñado de Cándido, Francisco Mato Vispo, que foi elixido Alcalde en xaneiro de 1909 e ocupou o posto ata finais de 1913.

A súa influencia en Lalín comezou a medrar e en 1917 foi nomeado Presidente da Sub-Comisión de Lalín de Hijos de Lalín en Buenos Aires, que estaba a construír en Lalín unha Escola Hospital-Asilo (o que logo sería coñecido como Hospitalillo). O 16 de abril de 1918 foi designado médico forense interino en Lalín.

Nestes anos comezou a labrar o seu futuro político en Lalín. Son anos de axitación agrarista e a principal sociedade agraria lalinense, a Sociedad de Agricultores, Oficios y Profesiones de Gresande, fundada en 1906 polos irmáns González Vigide, Ramón Gamallo e Antonio Vidal, era a que encabezaba a loita anticaciquil apoiada polos emigrantes da recen creada Unión del Partido de Lalín de Buenos Aires.

Soto deuse conta do poderío desta organización, que chegou a agrupar aos labregos do sur do Concello, e introduciuse nela. Os primeiros intentos de controlala, apoiándose noutro infiltrado no agrarismo, o párroco de Barcia, José Ramos, consistiron en tratar de transformar a sociedade nun sindicato católico. Fracasado este intento de control pola oposición dos dirixentes da sociedade, Soto aliouse con Gonzalo López Gutiérrez, que presidía a Sociedade de Vilanova, e crearon a Federación de las Sociedades Agrícolas del Partido Judicial de Lalín en 1921.

Eleccións de 1922

Nas eleccións municipais de febreiro de 1922, os agrarios presentaron batalla ao alcalde Crespo cunha candidatura confeccionada por Soto, na que non estaban presentes os dirixentes tradicionais do agrarismo, senón persoeiros resentidos co caciquismo: Samuel Goyanes (sobriño de Crespo, e enfrontado a este por non ser nomeado secretario do concello), Gonzalo López ou Bernardo Madriñán, xunto con antigos loitadores agraristas renegados como Ramón Adán Villamarín e Ramón Fernández Villar (recén nomeado presidente da Federación) e o propio Soto. O pactado era votar a Samuel Goyanes para alcalde en caso de triunfo. O resultado foi unha vitoria para a candidatura agraria, logrando 8 concelleiros dos 11 en disputa.

Os agrarios lalinenses negociaron con algúns dos antigos concelleiros mauristas opositores a Crespo (entre eles Eduardo Vidal e José Rivas) conseguindo o apoio de catro e a maioría necesaria de 12 (Lalín contaba con 22) para decidir a alcaldía. Cando xa estaba rematada a negociación e asegurado o triunfo, os agrarios resolveron ofrecerlle a alcaldía a Soto. Isto fixo que Goyanes, convencendo a outro concelleiro agrario, se pasara ao bando de Crespo, a cambio de este asegurarlle ao seu sobriño a primeira tenencia de Alcaldía.

O 1 de abril constituiuse a Corporación e resultou alcalde Antonio Crespo, con 10 votos, fronte a Cándido Soto, que obtén 9; hai 3 papeletas en branco. Ao non obter a maioría absoluta, Crespo quedou nomeado Alcalde só de maneira interina. Samuel Goyanes resultou elixido Primeiro Tenente-Alcalde. O 18 de abril apareceu en Lalín o periódico Verdad y Justicia, órgano do agrarismo comarcal, fundado polos emigrantes retornados de Cuba Máximo López Carral e Jesús Iglesias Surribas, que se fixo eco das polémicas en torno a esta derrota.

Cándido Soto moveu as súas influencias políticas: A través das súas relacións co Marqués de Riestra, e da amizade persoal co deputado polo distrito de Lalín, Manuel Sáinz de Vicuña, xenro do daquela presidente do Goberno, Manuel García Prieto, conseguiu o nomeamento de Alcalde por Real Orden de 30 de xaneiro de 1923. Tomou posesión o 8 de febreiro en presenza dos representantes das sociedades agrarias, ás que lle agradeceu o seu apoio, especialmente á Sociedade de Gresande. Ao rematar o acto, o concelleiro Ramón Fernández Villar, presidente da Federación proclamou: "Al fin hemos llegado al poder, prueba de que la unión del agro es necesaria".

O período de Soto na alcaldía non serviu para facer unha limpeza do caciquismo, tal e como prometeran os agrarios, xa que non se fiscalizaron as contas municipais para topar as estafas cometidas polo anterior alcalde (que si sairían a luz co Directorio); aínda que o cambio foi palpable pola presenza dos gardas municipais na vila (antes estaban dedicados á custodia da casa de Crespo en Donramiro), unha maior limpeza e a supresión dalgúns impostos nas feiras. O que si fixo o novo goberno de xeito inmediato foi cambiar a todo o persoal do Concello.

O 13 de setembro de 1923 pronunciouse en Barcelona o xeneral Primo de Rivera e comezou a Ditadura. Soto abandonou a alcaldía o 30 de setembro e as autoridades militares nomearon Alcalde a Jesús Aller Ulloa, quen cedeu o seu posto a Luís Madriñán Teijeiro o 15 de febreiro de 1924, sendo substituído por Benjamín González Fidalgo o 8 de abril. O agrarismo lalinense mantivo unha actitude ambigua fronte a Ditadura: Verdad y Justicia aplaudiu os decretos depuradores e a Federación mostrou a súa oposición pola perda de poder.

A Ditadura creou o 14 de abril de 1924 o Partido Unión Patriótica. O caciquismo tradicional viu aberta unha vía de acceso ao poder e, desde A Caeira, o Marqués de Riestra instou aos seus partidarios a integrarse na Unión Patriótica. Soto iniciou unha manobra política cominando aos membros da Sociedade de Gresande a afiliarse a UP. A estratexia foi denunciada por Francisco Cacheda. A directiva dimitiu o 2 de novembro e convocouse unha asemblea o 16. Á reunión acudiron Cacheda, Jesús Filloy, Jesús González Peña e Jesús Iglesias Surribas, que lograron desenmascarar as manobras de Soto, a pesar de que este mobilizou a moitos partidarios e acudiu co párroco de Barcia e Gonzalo López (agora Presidente da Federación). Porén, non se chegou a votar unha nova xunta directiva, elección que se adiou para a seguinte asemblea. Xa en decembro, Cándido Soto (co apoio de moitos socios aos que pagou as cotas atrasadas) resultou elixido presidente fronte a Jesús Filloy. Os líderes da facción perdedora foron ameazados e perseguidos, véndose obrigados a marchar a América. Soto converteuse no líder agrarista e desde esta posición manexou a UP. O premio foi a representación de Tabacalera e Petróleos en Lalín.

En 1926 foi nomeado médico forense da prisión preventiva do Partido de Lalín. E en decembro ocupou a praza de médico interino do concello por falecemento do titular, Manuel Brandido Brandido. En febreiro do ano seguinte logrou a praza de médico titular en pugna co médico de Agolada Víctor Loureiro Crespo. Tamén en 1927 foi elixido presidente do Casino de Lalín. A súa influencia política non deixou de medar durante todo o período ditatorial, sendo ao final deste o "encargado da política do partido de Lalín". Esta posición reforzouse con alianzas matrimoniais da súa familia.

Compartir el artículo

stats