Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O couto de Rosende en 1753

A Encomenda de Beade, dependente da Orde de San Xoán de Xerusalén, aforou esas terras durante séculos

Vista actual do lugar de Rosende, na parroquia trasdezá de San Miguel de Ponte. // Bernabé/Gutier

A orixe do couto de Rosende debémola buscar na Idade Media, período no que a Encomenda de Beade, dependente da Orde de San Xoán de Xerusalén, comezou administrar propiedades no Trasdeza. Os terreos que formaban o couto estaban repartidos entre as parroquias de Ponte e Vilar, situación cuxa causa é descoñecida e que perdurou ata 1891. A Encomenda aforou ao longo de varios séculos esas terras do couto, ademais doutras que tiña en Ponte, como eran os casais de Trasfontao, Casderrei e Nonelle. Estes contratos forais estendéronse cando menos ata 1752, data dun dos últimos coñecidos. Foi precisamente nesta ano cando deu inicio o proceso de redacción do Catastro de Ensenada en Trasdeza, completándose ao ano seguinte.

O día 8 de maio de 1753, no lugar de Maril, parroquia de Fiestras, tiveron lugar as declaracións correspondentes ao Interrogatorio sobre o couto de Rosende. Ante Baltasar de Rozas Zorrilla, "subdelegado aprobado por la Real Junta para el Establecimiento de la Única Contribución en este Reino y Coto de Rosende", e o escribán Francisco Arias Baamonde, estiveron presentes Francisco Vázquez e Juan Costoia, en nome dos respectivos párrocos de Vilar e Ponte; Domingo Fernández Cabaleiro, xuíz do couto; Miguel Fernández Palmou, veciño de Ponte e perito, e Domingo Alonso, tamén perito e veciño de Cortegada. Estas persoas foron respondendo ás corenta preguntas das que se compoñía dito interrogatorio, que trataban aspectos moi variados: descrición da entidade, clases de terras e gando, impostos, número de veciños, as súas ocupacións, etc.

O couto de Rosende atopábase dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar, sendo do señorío da Encomenda de Beade, cuxo comendador era por aquel entón frei Felipe de Vargas. Este recibía o dereito de loitosa, imposto a pagar trala morte do cabeza de familia, e tamén era o encargado de elixir o xuíz do couto. A continuación, fixeron a seguinte descrición: "ocupa de levante a poniente un cuarto de legua, de norte a sur la sexta parte de una legua y de circunferencia una legua, que para andarla por sus confrontaciones se ocuparán dos horas. Confronta a levante, feligresía de San Martín de Villar, jurisdicción de Trasdeza; poniente, la de San Mamed do Castro; norte, río Deza; y sur, feligresía de Santa Eulalia de Silleda. El término de la feligresía de San Miguel de Ponte ocupa de levante a poniente la tercia parte de un cuarto de legua y de circunferencia tres cuartos de legua. Confronta al levante, feligresía de San Martín de Villar, jurisdicción de Trasdeza; poniente, la de San Mamed do Castro; norte, río Deza; sur, Santa Eulalia de Silleda. Y el término de este coto en la feligresía de San Martín de Villar ocupa de levante a poniente la tercia parte de un cuarto de legua, de norte a sur las tres partes de un cuarto de legua y de circunferencia las tres partes de una legua. Confronta al levante, feligresía de San Martín de Villar, jurisdicción de Trasdeza; poniente, feligresía de San Miguel de Ponte, coto del mismo nombre; norte, río Deza; sur, Santa Eulalia de Silleda". Os lindes da parte incluída en Ponte lévannos a pensar que no couto estaban incluídos os lugares de Meixomence e das Casas do Monte.

Os impostos a pagar no couto eran o décimo, que na parte de Ponte o recibía o párroco por completo (uns 600 reais) e na parte de Vilar recibía unha metade o párroco (130 reais) e a outra metade "pertenece a don Pedro Montenegro, don Tomás Fernández y don Antonio Varela en esta forma: don Pedro Montenegro percibe la cuarta parte de esta mitad y don Tomás Fernández y don Antonio Varela perciben lo restante de por mitad", é dicir, 16 reais e oito marabedís e medio o primeiro e 48 reais, 24 marabedís e tres cuartos cada un dos segundos; a primicia, ferrado e medio de centeo por veciño, da que o párroco de Ponte recibía 40 reais, o de Vilar 15 e os rendeiros, tres reais e 25 marabedís e medio o primeiro e doce reais e oito marabedís e medio cada un dos outros dous; a oblata, que na de Ponte eran 14 ferrados de centeo e dez na de Vilar ; o voto do Apóstolo, que sumaba o importe de catro ferrados e terzo de centeo na parte de Ponte e tres e terzo en Vilar; a loitosa ou lutuosa, da que xa se falou, e o servizo ordinario, imposto real que ascendía a vinte reais en ambas partes do couto.

No Interrogatorio sobre a xurisdición de Trasdeza non aparece ningún muíño nin en Vilar nin en Ponte, máis no couto aparecen mencionados tres: un deles na parte de Ponte "llamado de Abajo sobre el arroyo de Meijomence, que muele con agua corriente tres meses del año, propio de don Domingo de Castro, presbítero", e os outros dous na parte de Vilar "sobre el Río de la Mera: llamado de Arriba sobre dicho río, (...) propio de Gabriel Míguez, Juan Fernández y otros, que constará de sus relaciones; otro llamado de Abajo en el mismo río da Mera, (...) propio de Andrés Criado, María Míguez y otros". Ademais, aparece rexistrada unha ponte na parte de Vilar, sobre o río da Mera ou de Rosende.

Dábase conta tamén do tipo de gando que había en Rosende: "las especies de ganados que hay en todo este coto son las siguientes: vacas, bueyes, jubencos, jubencas y terneros, ovejas, cerdos, cabras y yeguas", así como o rendemento que producían. Ademais, aclarábase a cantidade de colmeas que había e os beneficios que se obtiñan: "en la feligresía de San Miguel de Ponte en el término de este coto hay treinta y seis colmenas, Antonio Conde tiene treinta, Domingo Fernández Cabaleiro cuatro y María de Outeiro dos; en la de Villar hay veinte colmenas, Andrés Criado tiene dieciocho y Tomás de Castro dos, que cada una da de utilidad al dueño cada año real y medio". Explicábanse tamén os tipos de terra que había, as clases desta, os cultivos que se producían e o rendemento que con isto se obtiña, especificando se se atopaban en Ponte ou en Vilar. Así, por exemplo, declararon "que en las especies de tierra que llevan declarado hay tres calidades: primera, segunda y tercera, excepto los frutales en el término de San Martín de Villar y los retamales con robles, tojal y retamal sin ellos en la de Ponte que son de primera calidad, y el retamal sin robles en el término de San Martín de Villar y la hortaliza de secano en el término de la de Ponte son de primera y segunda".

Este interrogatorio tamén nos serve para coñecer cantos veciños (non habitantes) tiña o couto, pois "en la feligresía de San Miguel de Ponte en el término de este coto hay trece vecinos y en el de San Martín de Villar diez", e tamén nos mostra cales eran os seus oficios, pois ao finalizar o Interrogatorio aparecen dúas listas coas distintas profesións que desempeñaban os habitantes dunha e outra parte, cos seus correspondentes beneficios. Así, na parte de Ponte vivía o xuíz do couto; Alonso Criado, María de Outeiro, Alberto Fernández e Antonio Conde, que eran arrieiros; un carreteiro de sardiña, Roque Cidre; dous tecedores, Antonio Gamallo e Domingo Costoya; o xastre Gregorio Fernández, o miliciano José Garrido e nove labregos (Antonio Conde, Domingo Conde, Alonso Criado, Francisco Fernández, José Conde, José Garrido, José Gamallo, Narciso Fernández e Pedro Criado). E na de Vilar, cinco arrieiros (Domingo Criado, Cayetano de Otero, Domingo Fernández, Pedro do Campo e Tomás de Castro), o curtidor Andrés Criado, o zapateiro Domingo Criado e oito labregos (Antonio Criado, Cayetano de Otero, Domingo Ares, Gabriel Míguez, Pedro de Fondo de Vila, Juan Fernández, Pedro do Campo e Francisco do Campo). Pola repetición de varios nomes, obsérvase que algunhas persoas desempeñaban máis dun oficio, complementando así as ganancias dos traballos da terra.

A partir da Revolución Francesa, a Orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta iniciou unha etapa de decaemento. Pero o seu golpe de graza veu coa Desamortización de Mendizábal de 1836, cando se iniciou a expropiación e venda dos bens das ordes relixiosas, que puxo fin á Encomenda de Beade e a outras que administraban as propiedades da Orde. Foi probablemente por estas datas cando desapareceu o couto de Rosende, poñendo deste xeito o punto e final a unha xurisdición da que quedan poucas pegadas, entre as que se atopa o antigo emprazamento do cruceiro parroquial, a uns metros do actual. Segundo a tradición oral, foi colocado nun lugar polo que pasaba o linde entre Rosende e San Miguel, é dicir, entre o couto e o resto da parroquia de Ponte. A historia do couto de Rosende aínda ten moitos capítulos que agardan o momento en que alguén os saque á luz.

Nota: Este artigo foi elaborado a partir do Interrogatorio do Catastro de Ensenada sobre o couto de Rosende, consultado polo autor no Portal de Archivos Españoles (PARES) do Ministerio de Cultura.

Compartir el artículo

stats