Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vinte anos de Premio Xornalístico

Naceu para fomentar a lectura en lingua galega e manter viva a memoria de Manuel Reimóndez Portela

Acto de entrega do terceiro Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, no ano 1998.

Pasa o tempo. Van alá dúas décadas dende que botou a andar este certame literario que hoxe goza de prestixio e aceptación entre os amantes das nosas letras. Foi o inquedo maxín do escritor David Otero quen ideou a iniciativa, creándose de inmediato un comité de seguimento que vela dende entón pola saúde e permanencia do "Premio Xornalístico Man -uel Reimóndez Portela".

Foron fundamentalmente dúas as motivacións polas que se puxo en marcha este concurso: fomentar a lectura en lingua galega e manter viva a memoria do persoeiro estradense que lle da nome. De camiño, o premio serviría para espallar o nome da Estrada, atraer visitantes e enriquecer a actividade cultural no pobo, xa de por si frutífera e abundante. Manuel Reimóndez, activista cultural e galeguista convencido, estaría orgulloso e satisfeito polo primeiro e o último dos fins perseguidos; non tanto polo segundo.

É ben coñecida a grande oferta turística que A Estrada ofrece a quen a visita. As rutas do románico, o Pazo De Oca, as casas fidalgas ou o turismo rural, así como a Rapa das Bestas, a Festa do Salmón, a Feira do Moble, a variada paisaxe, a gastronomía e a hospitalidade do pobo son so uns exemplos.

Son non obstante este tipo de certames, os que congregan á máis importante representación da intelectualidade galega. Por decisión do comité de seguimento do premio convídase anualmente como mantedor do acto de entrega do galardón, a un persoeiro que reúna a condición de ter tido relación (familiar, profesional ou de amizade) co "médico de San Miguel" e, obviamente, que posúa a relevancia social e intelectual á que me refería. Cumprindo estas premisas, pasaron pola Estrada e agasalláronnos co seu parlamento personalidades como Agustín Sixto seco, Carlos Baliñas, Xosé Neira Vilas,Xosé Luis Barreiro Rivas, Xerardo Fernández Albor, Xosé Manuel Beiras Torrado, Xosé Carro Otero, Isaac Díaz Pardo, Carlos Mella, Ofelia Rey Castelao, Manuel Cabada Castro, Alfonso Varela Durán, Víctor Vázquez Portomeñe, Víctor Fernández Freixanes e Valentín García entre outros. Será este ano o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos Fernández quen nos faga a honra de acompañarnos.

Os premiados

Acudiron a este concurso que premia traballos escritos en lingua galega, publicados en prensa ou medios dixitais, gran cantidade de autores dende as primeiras convocatorias.

Foi o recordado Olimpio Arca o primeiro en obter o premio, pasando despois a formar parte do comité de seguimento no que deixou fonda pegada. Viñeron a continuación moitos máis escritores, algún xa consagrado como Fernán Vello, Neira Vilas, Jaureguízar , Vicente Araguas, Francisco Fernández Rei, Rochi ou Xosé Luna, mesturados con nomes menos coñecidos pero que demostraron dominar o xénero e nos fixeron gozar coa súa escrita.

O Premio Xornalístico estivo sempre arroupado polas diferentes administracións. A Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello da Estrada acoden cada mes de setembro á nosa chamada, achegando patrocinio, participando na organización ou dignamente representadas por destacados membros das diferentes corporacións. Tal é o caso de todos os alcaldes do noso concello nestes últimos vinte anos, do actual secretario xeral de Política Lingüística, sempre fiel á cita, ou mesmo do propio presidente da Xunta que na edición do 2011 entregou persoalmente o premio.

Asociacións culturais e veciñais da Estrada, así como un numeroso público, asisten puntualmente a cada edición deste entrañable acontecemento.

A Fundación de Exposicións

O recinto feiral da Estrada acolle ininterrompidamente dende a súa creación o acto de entrega deste premio, durante a celebración de Feira do Moble (hoxe Internacional) de Galicia. É a súa casa. Alí está chantado o monolito que lembra permanentemente a figura do "médico dos pobres" ante o que, anualmente, ten lugar unha emotiva ofrenda floral realizada polos máis achegados.

Non hai palabras para agradecer suficientemente o traballo e esforzo do persoal da fundación, así como a implicación no proxecto de todos os xerentes (homes e mulleres) que a teñen dirixido a través dos anos.

Outro tanto corresponde aos compañeiros e compañeiras do Comité de Seguimento do premio, os que están e os que nos deixaron, pola súa desinteresada, emotiva e imprescindible colaboración.

Cada ano, en setembro, na Feira do Moble, o xornalismo como xénero literario, ten cita na Estrada. Están todos convidados.

*Membro do comité de seguemento do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela

Compartir el artículo

stats