Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Silvia Penas Estévez: "A miña musa é a desorde do mundo"

A viguesa Silvia Penas é a galardoada do XIX Premio de Poesía Avelina Valladares

A gañadora do premio, Silvia Penas.

Vigo tinguiuse onte dun manto poético porque as palabras que configuran Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores conseguiron gañar o consolidado galardón estradense Avelina Valladares. O distintivo, recibido pola moza Silvia Penas, leva 19 anos homenaxeando unha lírica que, coma este ano, soubo descubrir un fermoso talento da lingua galega.

- Este non é o primeiro premio de poesía que recibe. Que significa para vostede conseguir o galardón?

- O Avelina Valladares é un premio que xa vai na XIX edición e foi gañado por xente que eu admiro moito como María Lado ou Elvira Riveiro. Nese sentido sempre é unha honra compartir os premio cos anteriores galardoados e galardoadas pero, sobre todo, tamén é a oportunidade de publicar un traballo novo. Moitas veces, se non é a través dos premios, é complicado.

- O título da obra gañadora é Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores.

- Vai contando os diversos momentos, a diario, de distintas mulleres. Co título quixen tocar, dalgunha maneira, eses tópicos pero non dunha maneira tan tópica. Bailarinas e flores oposta a ladras e asasinas. Son esas dúas caras nas que adoitan clasificar ás mulleres que son ou dóciles e suaves ou unhas bruxas. Por iso está cargado de certa ironía.

- E a súa musa, ten nome?

- Non, non ten nome. Eu inspírome como creo que o fai todo o mundo, na vida. É dicir, o que un quere contar. En xeral hai moita literatura e filosofía respaldadas por distintas posturas pero o habitual é que a xente escriba sobre a vida. Como cada un ve as cousas no día a día e as cousas que crean unha fisura. Se non houbese nada que nos desgustara ou non nos cadrara... De que escribes? Por iso, nese sentido, a miña musa é a desorde do mundo.

- Que ten a poesía que non teña outro xénero literario?

- Teño escrito algunha cousa de narrativa e tamén me interesa moito o teatro. De feito, eu o que fago coa poesía é levala ao terreo teatral. É máis, teño un grupo, Cinta adhesiva, que é literatura e música pero ten dimensión escénica. De todas formas, a poesía permíteme estar a cabalo de todos os xéneros. Tamén me axuda moito coa brevidade.

Compartir el artículo

stats