Capitán Gosende descobre un petroglifo en Fondós

O colectivo cerdedense atopa nas inmediacións da carballeira ''A Granxa do Hospital'' un gravado rupestre de 4.000 anos

11.08.2015 | 02:11
O colectivo cerdedense Capitán Gosende co novo achado na zona de Fondós, en Quireza.

Capitán Gosende desprazouse ao lugar de Fondós, na parroquia cerdedense de Quireza, para continuar coa exploración da zona. Nas inmediacións da carballeira ''A Granxa do Hospital'', un dos membros do colectivo, Anjo Torres, atopou un novo gravado rupestre. Con 4.000 anos de antigüidade, o petróglifo ten catro elementos circulares, dispostos nun afloramento granítico de gran groso e perfil irregular. Capitán Gosende, en honor ao lugar onde foi atopado, decidiu denominalo ''Petróglifo da Granxa do Hospital''. Con ese novo gravado, o colectivo suma quince achados en Cerdedo.

O domingo 2 de agosto, membros do colectivo Capitán Gosende escollemos a parroquia de Quireza para proseguir, en Cerdedo, a nosa angueira de exploración e inventario.

Apeamos dos vehículos no lugar de Fondós, á beira da carballeira da Arrotea (ou da Rotea), espazo arborizado que, a comezos de 1918, a efémera alcaldía agrarista de Cerdedo, presidida por Xosé Fentáns Barros, escolleu para a celebración dunha feira de gando. Moito estrañamos aquel Cerdedo próspero e emprendedor. O boticario local, Constantino Gamallo, líder anticaciquil e correspondente do xornal pontevedrés Progreso (30-1-1918), contábao do seguinte xeito:

"En el lugar de Fondós, de la parroquia de Quireza, en el ayuntamiento de Cerdedo, se ha elegido un espacioso sitio, el mejor paisaje que se conoce en aquel municipio, con objeto de celebrar todos los días 19 de cada mes una importante feria de ganados de todas las especies.

El lugar escogido para dicha feria reúne unas condiciones especiales: grandes, animadas carreras para caballos; toda la extensión que ha de ocupar el ganado aparece tupidamente cubierta por frondosos y corpulentos árboles que con sus hojas producen agradable sombra en la época de verano.

Por el mencionado campo corre abundante agua potable lo que constituye una importantísima ventaja para el ganado.

Y como además, se halla instalado en un sitio poblado, existen bastantes y buenos establecimientos de comidas y bebidas".

Metidos en gastos, deteñámonos un intre nos topónimos "Fondós" e "Arrotea". "Fondós", plural dialectal de "fondón", é unha forma orotoponímica, é dicir, o nome escolleito para o lugar salienta, neste caso, a súa menor altitude con respecto á contorna. Fondós, comparado coas aldeas veciñas, localízase a unha cota inferior. O poboado instalouse nunha depresión do terreo. No Diccionario enciclopédico gallego-castellano de E. Rodríguez González (1958-61), lemos para "fondón": "Lo más hondo o bajo de un terreno". Ídem en L. Carré Alvarellos (1979) e E. Rivas Quintas (1988). Desbotamos a posibilidade de derivalo do latín fundu(m) "propiedade rústica".

"Arrotea", forma protética de "rotea", denomina, hoxe, unha carballeira chá e frondosa, situada a poñente do núcleo de Fondós. Porén, se consultamos os dicionarios, achamos "arrotear", do latín ruptum < rumpere "romper", co significado: "Arar ou labrar para dedicar ao cultivo as terras antes non cultivadas; bouzar, decruar" (Dicionario Xerais). Os dicionarios de L. Carré Alvarellos (1926-31), J. Ibáñez Fernández (1950), E. Rodríguez González (1958-61) e X. L. Franco Grande (1972), consignan para "arrotea": "Tierra que empieza a ser cultivada". Así mesmo, E. Rivas Quintas (1988) rexistra para "rotea": "Terreno roturado para cultivar".

Xa que logo, respecto ao topónimo "carballeira da Arrotea", barallamos dúas hipóteses: ou ben, antes de prosperar o arboredo, o lugar foi terra de labor, ou ben, como especificativo, distingue o conxunto de carballos de ao pé da agra doutros carballais que houber nos arredores.

Tras a selva onomástica agardaba por nós a selva ("nosa de cada día") dos toxos e as silveiras. Sen máis demora, abandonamos o rueiro, pois, a nosa intención era acadar algún dos dous cimos sobranceiros que, no rumbo noroeste, pechan a terra de Cerdedo: o coto do Montouto (769 m) ou a cimeira da Conla (768 m). Como ben sendo habitual, gozabamos da compaña de Trooper, un chacurro fidel e espelido que ten gañado a pulso a súa condición de "can petroglifeiro".

Levabamos percorrido apenas un quilómetro cando, á esquerda do camiño, observamos un outarelo pedroso dos que adoitamos cualificar "de libro". A peneda localízase nas inmediacións da carballeira mesta e choída nomeada A Granxa do Hospital. O recinto murado supera as 8 hectáreas de superficie.

Instintivamente, galgamos lomba arriba. Co bo ánimo que nos caracteriza, o grupo esparexeuse polo laxedo, afastándonos da verea uns 40 m. Ao pouco, o compañeiro Anjo Torres, dos Cortizo de Carballás, reclamou eufórico a nosa atención. Nas coordenadas X: 545.085; Y: 4.712.189 e a unha altitude de 396 m, Torres batera cun novo gravado rupestre que, tras os vítores, as apertas e a foto para a posteridade, foi bautizado co nome de "Petróglifo da Granxa do Hospital".

No tocante ao suxerente topónimo "Granxa do Hospital", reproduzo o xa publicado en O código da vincha (2012):

"A Ghranxa do Hospital é, na actualidade, unha carballeira, coutada ?mellor, choída?, con valo de pedra, propiedade do reitor da parroquial de Pedre.

E. Rivas Quintas deriva a palabra "granxa" do francés grange e este, do latín vulgar *granica, de granum "gran". O termo "grange" difundiuse dende Francia cos monxes do Císter.

No medio da propiedade aínda son visíbeis as ruínas do que foi construción de cachote, a carón dunha mina de auga.

Segundo lemos no Dicionario Xerais da Lingua (páx. 667), "hospital", do latín hospitale(m), "relativo ao hóspede", significaba no antigo "establecemento onde se asistía os enfermos gratuitamente". Tamén, "casa onde se acollían durante certo tempo peregrinos e mendigos".

O feito de non aparecer consignado este hospital no Catastro de Ensenada (1752) evidencia a súa antigüidade.

A presenza da auga, quizais medicinal, e o seu afastamento do poboado, redundaría no emprego deste edificio como sanatorio, quen sabe se de orates ou lazareiros".

Ocupémonos agora do belísimo gravado rupestre. O conxunto que, após 4.000 anos de avatares, deu chegado aos nosos días, componse de catro elementos circulares dispostos nun afloramento granítico de gran groso e perfil irregular con caída norte-sur. Cara ao leste, o elemento de meirande tamaño (uns 60 cm de diámetro) está formado por seis círculos concéntricos con cazoleta central e apéndice. O motivo representado semella unha transición entre os círculos concéntricos e o labirinto.

Fragmentos de pedra esgazada e dentadas de cuña testemuñan o emprego daquel outeiro como canteira. Se comparamos o devandito elemento circular coa esfera dun reloxo, diremos que, "ás dúas", presenta un furado fondo e cilíndrico producido por un pistolete ou punteirola, ferramenta empregada polos canteiros para rachar na pedra. O furo afectou o trazo da circunferencia exterior. Por mor da operación de corte, o penedo viuse privado dun dos seus cantos.

Observando o panel por enteiro, preguntámonos se, noutrora, o pedreiro que extraeu o cachote "respectou" a inscultura ou a mutilou. É probábel que nalgunha das paredes da aldea se embutise un pedrullo enfeitado con motivos circulares.

Cara a poñente, a escasos centímetros, a pena presenta dúas protuberancias separadas por unha regaña que coidamos natural, aínda que, dependendo da perspectiva, o avultamento semella unha vulva. O escultor prehistórico escolleu ditas prominencias para labrar senllos elementos circulares, formados por catro círculos concéntricos con coviña central. Un dos elementos dótase de apéndice e anexos.

Cara ao sur, apenas perceptíbel, riscouse outro elemento circular con foquiña central. Con certeza, a erosión fixo desaparecer algún máis detalle.

As medicións e os debuxos ao natural entretivéronnos un bo anaco e, aínda que reemprendemos a marcha a bo paso, en chegando á encrucillada que sortea os dous cumes, botóusenos a lúa enriba, polo que decidimos desandar o andado sen asomarnos ao balcón da Conla. Volveremos.

Co petróglifo da Granxa do Hospital, o colectivo Capitán Gosende suma, en Cerdedo, quince achados. O número de petróglifos inventariados no concello cerdedense acada na actualidade a cifra de vinte e sete. E a cana pescando.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Deportes Deza

El CD Lalín homenajea a Ana Mouriño

El CD Lalín homenajea a Ana Mouriño

La trabajadora llevaba trece años a cargo de la lavandería del club

"Haremos un buen papel este año"

"Haremos un buen papel este año"

"La clasificación nos colocará donde lo merezcamos, según el nivel de entrenamientos"

El Estudiantil revalida el título del Torneo Concello de A Estrada

El Estudiantil revalida el título del Torneo Concello de A Estrada

Venció al Estradense en los penaltis tras empatar 1-1 en los primeros 90 minutos

Javier Busto: "Es la prueba más dura que corrí este año"

Javier Busto: "Es la prueba más dura que corrí este año"

"Vi el nivel que hay en España y sabía que podía estar arriba"

El CD Lalín ficha al entrenador de porteros Ángel López

El CD Lalín ficha al entrenador de porteros Ángel López

| El Club Deportivo Lalín acaba de confirmar la fichaje del entrenador de portero...

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 

Deza-Tabeirós-Montes

Los concellos llaman al consumo responsable de agua y la sequía afecta a traídas particulares

Los concellos llaman al consumo responsable de agua y la sequía afecta a traídas particulares

Una veintena de casas de Vila de Cruces están sin suministro comunal -Agolada multará a los que...

Multas de entre 600 y 30.000 euros

Según la Ley de Tráfico, la administración podrá ordenar el traslado del vehículo a un centro...

Doble bombeo para Silleda y A Bandeira

Silleda es el único municipio de Deza que no está teniendo ningún tipo de...

Arde casi una hectárea de arbolado en Cortegada

Arde casi una hectárea de arbolado en Cortegada

El incendio estuvo activo más de una hora y arrasó con 2 hectáreas cerca de la PO-201

Crespo acusa al Concello de desatender el cuidado de zonas verdes y rotondas

Crespo acusa al Concello de desatender el cuidado de zonas verdes y rotondas

-Atribuye el deficiente de estos espacios públicos "a que no se regaron en todo este año" -Pide...

Enlaces recomendados: Premios Cine