Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Muíños, moendas e muiñadas

O Muíño das Raposeiras, onda o río do Seixo, ten una tríade de Salomón na porta para espantar os espíritos

Riscos de Salomón tallados na porta do muíño das Raposeiras.

Leo no papelorio vello, ao aconchego de gabetas e cartafoles, que os Márquez de Meilide gozaban dunha quenda no muíño das Raposeiras: "cada quince días, dende as nove da mañá do sábado até as seis da tarde do domingo".

Á beira dereita do río do Seixo, o muíño das Raposeiras (muíño de herdeiros) é unha construción de cachote, hoxe arruinada, con cuberta a dúas augas (tella país). O aparello constaba de cubo, unha moa (daquela, roulón), caixón, burro, apeadoiro de manivela (óese: "leveadoiro") e rodicio de ferro.

O muíño das Raposeiras ten, cando menos, 263 aniños, posto que, xa constaba no Catastro de Ensenada (ano 1752): "Otro llamado das Raposeiras, sito en el río da Pontemouteira. Es de canle y piedra negra. Muele ocho meses al año. Le regularon en siete ferrados de fruto: los tres de mijo maiz, dos de centeno y dos de mijo menudo. Son ynterezados Bernardo de Fraguas, Pedro de Bouzas, Juan Mouteira y otros". A pedra negra, ou borneira, é a axeitada para triturar as sementes do millo "maís" (Zea mays).

Consultado Xocas, escúsase procurar máis nada, pois, o eximio etnógrafo ourensán (Letras Galegas 2004) dixo todo o que había que dicir sobre muíños. Tentarei, xa que logo, ser orixinal, tirando do anecdotario persoal.

Cando tocaba acompañar a miña avoa, Isolina Márquez, ao muíño das Raposeiras, baixabamos da man pola congostra dos Outeiros. En chegando ao Souto, torciamos á dereita polo camiño das Preghadiñas e das Cacharelas. Na encrucillada dos Verdughos, colliamos á esquerda polo camiño das Pezas Ghrandes deica os Seidoiros (ou Liñares). Todo isto, despois do parcelamento que, en Meilide, acontecera na década dos 60.

O muíño das Raposeiras tiña unha porta que abría no sentido contrario á corrente fluvial. A chave nunca mudou o seu postoiro: encol do penal e debaixo da terceira tella da aba leste do tellado.

Nas táboas da porta labráronse tres riscos de Salomón (pentagramas, pentáculos, pentalfas) formando un ángulo recto. O anónimo tallista non só procuraba pór o froito ao coidado da venturosa proporción áurea, senón tamén, gorecer a xente que lle tocaba gobernar a moenda de noite. É sabido que, cando se venta morte na parroquia, do antigo camposanto de Cavenca emerxe fatídica a Pantalla. Envolveita na escuridade, a fantasmal procesión rolda a casa mortuoria, desce pola corredoira do Rapenlo e sómese nas Veighas das Almas, na beira esquerda do río do Seixo.

De enxergarmos a Compaña, non hai mellor acubillo que o tremiñado do muíño das Raposeiras. O río entremedias. De atopármonos lonxe do muíño, o pentágono obtido ao debuxar no chan o selo de Salomón é couto vedado para o maleficio. Abrenuncio!

Aquela tríade de estrelas de cinco puntas moito me deu que pensar. Dos sumerios a Pitágoras, de Pitágoras a Leonardo da Vinci, de Leonardo á valiña de Cerdedo. Inescrutábeis camiños da xeometría sagrada.

O finado do señor Francisco Dapena, veciño de Abelaíndo, ensinoume, entre outras curiosidades, a xogar ao "risco", unha sorte de "catro en raia", "pai, fillo, nai" ou "xogo da vella" cuxo taboleiro era unha pentalfa debuxada na terra. O xogador "A" movía catro coíños e o xogador "B" catro anacos de tella. Ao parecer, no templo exipcio de Kurna (1.400 a. C.), atopárase gravado na pedra un enredo semellante, aínda que suxeito a outras regras.

Contáronme en Arén que o primeiro muíño do mundo fora enxeñado polo demo. Cando o perello se pon, non hai canteiro que lle faga sombra: xa un muíño, xa unha ponte, xa unha casa de sete portas.

O demo convocou a veciñanza, explicoulles as vantaxes do invento e púxollelo en funcionamento. Moeron os parceiros a vontade no trebello do diabo, mais, cando se esgotou o gran, ninguén sabía como detelo. Probaron de mil maneiras diferentes sen resultado, o muíño seguía e seguía ronceando en van. Desesperados, fóronlle pedir consello ao cura.

O crego reconveunos, lembrándolles as consecuencias de deixarse engaiolar por Satanás, porén, acudiu solícito á beira do río para, en nome de Deus, pórlle freo a aquela máquina infernal.

Armado cun hisopo, asperxiu o abade auga bendita por riba da moa, ao tempo que, a berros, enfiaba unha retrónica con moito latín. O remedio resultou ineficaz. Non se engurrou, baixou o crego ao inferno e repetiu a mesma operación, exorcizando, desta volta, o rodicio. De socato, unha pena da enlouquecida buxaina traboulle a sotana, deulle dúas voltas e, á terceira, lanzou o predicador contra as paredes do desaugadoiro. O impacto foi tan violento que o amasillo de farrapos, ósos e tripas tupiu o afiridoiro e apeou o xogo do muíño.

Dixéronme os de Arén que, dende aquelas, así que os veciños acababan de moer, chimpaban un crego ao inferno.

O pousadoiro ou pousafoles é o cachote pasante que, á altura dos cadrís, sobresae da parede exterior do muíño para facilitar a pousa da carga.

Lembro -éralles aínda un cativo- terlle preguntado a meu padriño pola función deste saínte de pedra. Facendo gala do seu xorne retranqueiro, padriño respondeume que era o sentadoiro do muiñeiro.

A imaxinación representoume un home fraco, esguío, todo el enfariñado. Vendo a distancia do chan á que se situaba o suposto asento -eu non o atinxía nin poñéndome de puntas-, o muiñeiro debía ser unha persoa de longas pernas, un xigante, un Abdul-Jabbar que, no canto de pelota, armaba o seu "skyhook" con presadas de millo que acababan entrando limpas na moega. Así e todo, non me cabía na cabeza como aquel langrán podía remexerse nun espazo tan pequeno. Bendita inocencia.

A condición de raparigo urbanita tamén me levou a confundir o óleo, o celme da fariña que pousa a rentes do pé, cos óleos que, no culto católico, se lles administran aos moribundos.

Cando oía que o cura lle levara os santos óleos a un desafiuzado, eu pensaba talmente que o fora enzoufar de fariña.

De neno, acudín, na compaña dos meus, aos velorios da aldea. Corpo presente, os rostros dos defuntiños, tan aquelados, tan abrancuxados, graváronseme a lume no maxín.

Foi lideira infantil crer que cumpría enfariñar os cadáveres antes de metelos no nicho que, xaora, semellaba un forno. Ben cocidos e levedados, Deus tafoneiro exporíaos como pan de cada día nos lustrosos andeis do ceo. Hai cada ocorrencia!

Un dos muíños máis curiosos do río do Seixo é o de Pedraboa. O muíño de Pedraboa é muíño de herdeiros. Revestido co brión da historia e do mito, alguén me fixo saber que o nome, "Pedraboa", proviña do penedo no que se alicerza. Os usuarios do muíño tiñan por costume ciscar no inferno un puño da primeira fariña para acirrar a prodigalidade da moa. Segundo explicaron, moer un fol de cereal en Pedraboa, respectando o precepto, garantía fol e medio de fariña. "Pedraboa", ritual litolátrico propiciador da fartura.

Á altura de Pedraboa, érguese no río o encoro da presa de Cavenca. Durante o verán e dende que hai memoria, unha pedra medianeira parte a auga dos regantes de Cavenca, que discorre pola canle adiante, e a auga dos regantes de Meilide, que volve ao leito.

Uns metros máis abaixo, nos Barreiros, o río bate con outra barraxe que desvía parte do caudal a través da presa Ghrande, levada coa que se fornece a agra de Meilide.

Conforme outros pareceres, o chamadeiro do muíño non llo outorgou o penedo, senón esta marca de nivel disposta no principiar da presa de Cavenca. A "pedra boa" dirime, pois, o consuetudinario dereito de rega, hoxe conculcado co proxecto de canalización que, río arriba e beneficiando só os de Cerdedo, fará minguar o volume hídrico do Seixo. "Pedraboa", o fito que, en boa lei, garante os usos e costumes.

A construción da presa Ghrande de Meilide e da presa de Cavenca foi promovida no século XVI pola liñaxe dos Gosende, fidalgos rurais. A auga da presa de Cavenca acciona o rodicio do muíño de Cavenca, outro muíño de herdeiros no que, pola banda do meu avó Xosé María ?dos Varela de Cavenca?, tamén tiñamos dereito a moer: "cada oito días, ou o día ou a noite; e un día e unha noite cada dezaoito días".

Para rematar e aproveitando que non hai zocas debaixo da cama, lémbrolles que o muíño, amais do seu uso agrícola, servía de marco para a muiñada, concepto co que designamos todos os actos de socialización que se desenvolvían en paralelo á moenda, con frecuencia, pola noite e á luz dun farol: o parrafeo, a rexouba, o canto, o baile, o namoro, a fodenda... O cantigueiro popular é explícito abondo: "Unha noite no muíño, unha noite non é nada; unha semaniña enteira, iso si é muiñada".

Compartir el artículo

stats