Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O primitivo escudo da Estrada

O remate triangular da fachada do consistorio amosa un pétreo blasón que se empregaba no século XIX

O primitivo escudo da Estrada. // Juan Andrés Fernández

Calquera que se deteña a admirar a magnífica casa consistorial da Estrada, obra sobranceira do arquitecto José Franco Montes, pode observar, no remate triangular da súa fachada, o pétreo blasón que o culmina. Esta labra, primorosamente executada por algún dos anónimos canteiros nos que foi pródiga esta terra, mantén un permanente diálogo co seu entorno pero a súa mensaxe non se sustenta nas palabras senón que obedece a un programa iconográfico simbólico que precisa de certas claves para a súa doada comprensión.

1 | Por que ten forma elíptica? Porque esa era a feitura do selo municipal de onde procede, que xa se empregaba no 1878 según demostra María Jesusa Fernández. Sen embargo a transformación de aquel selo en escudo esixíu a incorporación de novos elementos: unha bordura vexetal de palma e de carballo, unha base de pergamiño ou papiro e unha coroa real no cumio.

2 | Cal é o simbolismo dos ramos que forman a bordura? O carballo, árbore totémica de Galicia, perfectamente caracterizado coas correspondentes landras, representa a nobreza e o traballo dos estradenses e tamén o seu indisoluble vencello coa terra. A palma simboliza o martirio e a victoria.

3 | Por que chora o anxo? A figura axeonllada a carón dun túmulo funerario que oculta parcialmente co seu corpo, laméntase pola morte de cinco homes a mans dunha cuadrilla carlista rebelde como represalia pola derrota e captura do caudillo Gorostidi o día 13 de maio de 1835 nas proximidades da capela do San Sebastían.

4 | Sabemos o nome dos falecidos? Aínda que seguramente houbo máis, coñecemos a identidade de catro deles: Eduardo Otero e Gonzalo Arén, de Riobó; José Rey, de Figueroa; un mozo de Berres e Fernando Lorenzo, capitán da tropa que derrotou á facción carlista e Escribán do Rei en Codeseda. Este luctuoso suceso ocorreu o día 7 de abril de 1836.

5 | Limitouse a vinganza carlista a estes asasinatos? Non, exerceron reiteradamente as persecucións, rapinas, roubos e asaltos a domicilios no sufrido pobo e comarca da Estrada, onde residían os máis significados liberais, defensores a ultranza da monarquía isabelina. Andando o tempo e rematada a contenda carlista, a máis cruenta das guerras civís que sufriu España, aquelas elites locais consolídanse definitivamente como depositarias dun poder que detentaron deica ben entrado o século XX.

6 | Que simbolizan as espadas cruzadas que vemos no terzo superior da elipse? As espadas fan referencia a un feito de armas e a coroa de loureiro ou laurea evoca a victoria, de forma que o conxunto recórdanos o triunfo dos realistas mandados por Fernando Lorenzo sobre os carlistas (13.5.1835) ó que antes nos referimos. É digno de mención o empeño do escultor en representar fielmente as follas e os froitos ou bagas do loureiro de forma que non coubese dúbida ningunha sobre a identidade da planta.

7 | Por que hai unha coroa real na cima do timbre do escudo? É unha forma de exaltación da monarquía, forma de goberno vixente ao tempo dos feitos a que nos referimos (1836, reinando Isabel II) e tamén cando se construíu a casa consistorial (1908-1916, reinando Alfonso XIII).

8 | Cal é o motivo de incluir unha data no escudo? ? A data gravada aos pés do túmulo funerario -1840- sinala o establecemento da institución municipal na vila de A Estrada. Tamén nese ano o novo concello ergue un monumento á Constitución de 1837 e dinos Juan Manuel Fontenla, párroco de Ouzande e convencido liberal, que se colocara nel unha placa "en perpetua memoria del siete de abril fatal", en clara alusión ás morte acaecidas no 1836. Sen embargo esta iconografía bélico-funeraria cae pronto en desuso e xa no1928 adóptase un novo escudo, vixente deica o 2014, ano en que, en conformidade ao prescrito no artigo 258 da lei 5/1997, apróbase o agora vixente.

9 | É aceptable o estado de conservación que presenta este escudo municipal? Non, apréciase un evidente deterioro nas seguintes partes: a) Coroa real, sufriu fracturas en cinco sitios a causa de diversos golpes e impactos. b) Bordura esquerda, ramo de carballo, sofre unha grave colonización de liques epilíticos que degradan física e quimicamente a pedra. c) A falta de cemento en certas xunturas da pedra facilita a entrada de auga ao interior da parede. d) Intensa abrasión nalgunhas partes, resultado das agresivas limpezas con auga a alta presión.

10 | Onde se pode encontrar máis información sobre este tema? Recoméndase a lectura dos seguintes artigos da revista "A Estrada, miscelánea histórica e cultural", na súa edición impresa ou ben na dixital, tecleando simplemente no buscador "Miscelánea, perfil divulgación": "A casa consistorial da Estrada" (volume 5); "Os escudos do concello da Estrada" (volume 6) e "Carlistas e liberais en terras estradenses" (volume 9), de María Jesusa Fernández. "Don Xoán Manuel Fontenla" (volume 6) de Manuel Castiñeira. "A Primeira Guerra Carlista nas terras de Tabeirós" (volume 16), de Olalla Barreiro.

Compartir el artículo

stats