Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Rodríguez Fraiz a García Leiro

O crego recórdase polas súas boas obras e a súa loita contra a herexía

Fotografía do cura Fernando García Leiro.

O artigo publicado a semana pasada no FARO valeu para restituír a memoria de Antonio Rodríguez Fraiz. Metidos os cans na bouza, decidín deixarme levar polas corredoiras xa transitadas da súa ampla bibliografía.

Andado un anaco do camiño, fixen un pouso na vida e milagres doutro crego cerdedense, Fernando García Leiro (1866-1936), laudatio redactado por Fraiz, o seu paisano de Tomonde e avantaxado alumno, co gallo da serodia homenaxe que, fregueses e discípulos, lle dispensaron en 1972, cadrando cos cento seis anos do seu nacemento, os cincuenta e un da súa toma de posesión do curato de Cerdedo e os trinta e seis do seu falecemento.

A través da lembranza emocionada de Rodríguez Fraiz achegueime a García Leiro e, asemade, recunquei nas atinadísimas reflexións que o cura de Campañó, no principiar dos 70, ofrece deste malfadado territorio. As pasaxes entrecomiñadas extraínas, daquela, do seu libro "Dr. D. Fernando García Leiro, obrero, sacerdote y maestro" (1972).

Fernando García Leiro, don Fernando, naceu en Cerdedo nunha casiña sita á beira da estrada de Ourense, "frente a la que tiene en su fachada una imagen de san Pedro". Leiro veu ao mundo no seo dunha familia humildosa. A súa irmá, Filomena, casará con Francisco Cerdeira Xil, célebre compositor cerdedense, director dunha das bandas de música da localidade.

O neno Fernando acudiu á escola da aldea, onde cursou con brillantez os estudos primarios. Aos nove anos, a precaria economia familiar obrigouno a compaxinar a formación autodidacta co oficio de zapateiro. Non refugou o exercicio musical (intérprete de bombardino), guiándose, abofé, polo exemplo do seu virtuoso cuñado. Desenvolveu estas ocupacións dende 1876 deica 1891, data na que, contando 25 anos de idade, ingresa no Seminario de Santiago. Parafraseando o refrán, Leiro foi zoqueiro antes ca cura. En Compostela (1891-1908), acada o doutorado dándolle lectura á súa tese de Teoloxía, versada na omnisapiencia divina: "Deus distincte cognoscit omnia preterita, praesentia et futura libera".

En 1905, ocupa a vacante de cura ecónomo na parroquia de San Martiño do Grove. No Concurso Xeral a Parroquias de 1907, obtén a praza na de Santa Xusta de Moraña. Fai efectivo o seu traslado en febreiro de 1909, tras rematar o doutoramento.

García Leiro botou doce anos en Moraña "feligresía de gran laboriosidad y buenas costumbres, aunque un tanto adulteradas por la superstición que alrededor de la santa titular y cultos lustrales, todavía presentes en nuestras gentes campesinas y sencillas que ven en cada fuente, regato o río algo que puede devolver la tranquilidad, la salud y la paz al cuerpo y al espíritu".

Porfiou o crego García Leiro en combater a zuna dos "heréticos" morañeses. Labor en van, posto que, dende o albear da memoria, aquel pobo albisca na auga da fonte de Santa Xusta o prodixio da curación. Con certeza, o culto á santa é posterior ao culto á fonte cuxa devoción, acomodada aos intereses do credo cristián, exemplifica á perfección o sincretismo relixioso da galeguidade e, asemade, a estratexia do "quita ti, que me poño eu", tan do gusto da Igrexa católica.

Nun folleto turístico editado polo Concello de Moraña, lemos: "Esta fonte pertence á tipoloxía das "fontes de cano" e, dentro delas, identifícase como "fonte de cabaliño". Está constituída por un muro de cachotaría de granito que pecha o manancial, no que vai embutido un cano de pedra semicircular [...] O cano (hoxe, entubado) adiántase sobre unha mesa de pedra que serve de pousadoiro. Consta dunha inscrición que di: "Esta fuente se hizo a costa de santa Xusta V. y M. Año 1501". A súa auga acadou moita sona, atribuíndoselle calidades curativas (disque se chegou a comercializar). Moita xente acudía para sandar doenzas, tanto físicas como espirituais. Isto escenifícase na Romaría dos Esconxuros (invocacións para espantar os demos e malos espíritos) que cadra o día da festa da patroa (o 19 de xullo). Crese que, para que obre a maxia, hai que seguir un ritual: facer un nó con follas de millo, empregando a man esquerda; asistir a unha misa e beber a auga da fonte".

Din en Moraña que a fonte foi redescuberta a comezos dos anos trinta, despois de permanecer oculta durante moito tempo. O crego García Leiro foi o artífice da súa ocultación. Rodríguez Fraiz é explícito: "El nuevo pastor de Santa Xusta, respetuoso con las personas, pero intransigente ante la ignorancia y la superstición, uno de los primeros actos a realizar en la feligresía fue cegar el objeto del culto popular, la célebre "fonte de Santa Xusta", visitada y venerada sobre todo en el solsticio de verano y en el otoño".

Na web do concello de Moraña, engádese: "Parece que foi descuberta [...] despois de estar soterrada moitos anos, froito da revelación dunha muller que se lle apareceu en soños ao párroco. A sona das súas augas curativas, pois tiñan propiedades milagreiras para as feridas e outros males, estendeuse por toda a xeografía galega e atraía unha multitude de persoas, ansiosas por saborear a auga que sandaba todos os males. Mesmo se chegou a comercializar como xabón dentro e fóra da Galiza. Esta atracción durou algúns anos, ao longo da década dos trinta, e supuxo un importante movemento económico para a zona. Non obstante, as autoridades provinciais da época consideraban perigosa a auga da fonte e ordenaron que se cortara a subministración dun manancial que, segundo o seu criterio, proviña de debaixo do cemiterio".

En Moraña, a Meca dos milagres, a Igrexa ben sabe o que é pactar co inmigo en prol da rendibilidade. Ao pouco de abandonaren García Leiro e a súa ortodoxia aquela parroquia, a fonte volveu deitar auga a chorro, para gozo dos devotos e alivio dos endemoñados e, de tanto meigallo e enmeigotado, os reitores da Santa Xusta adeprenderon a exorcistas e conciliaron o catecismo coa taumaturxia do allo que, naquel santuario, é apoteose. Tamén en Moraña, na parroquia de Amil, a comezos do mes de setembro, os fieis pasean en andas unha Virxe empapelada con moeda de curso legal. Os acólitos que arman a escolta, abríndose paso entre a multitude, berran compasados: "¡No se acerquen a la Santa!". Moraña segue sendo tarefa pendente para os evanxelizadores.

O 9 de febreiro de 1921, Fernando García Leiro foi nomeado reitor de San Xoán de Cerdedo. O 20 de abril, a pé dende Moraña, fai a súa entrada triunfal en Cerdedo a toque de campá e comitiva musical.

Alén dos oficios relixiosos, investiu García Leiro o seu tempo na docencia e na atención dos enfermos e dos necesitados "a cualquier hora del día o de la noche allá se marchaba solo o acompañado de algún alumno que, a altas horas de la noche, nadie tenía mucho interés en acompañar, puesto que, tanto a la ida como a la vuelta, se ocupaba en preguntar la gramática latina, conjugar, declinar y demás elementos que se pudiesen desarrollar andando por caminos infernales". O natural ascético e dadivoso do cura exasperaba a súa irmá Balbina que non daba feito a comporlle o atavío, pois, ao parecer, xamais lle preocupou o seu aspecto e sempre compartiu cos pobres a súa pobreza.

"Mahatma" Leiro dotou de electricidade o templo parroquial, favoreceu a construción da estrada de Presqueiras (ano 1924), trasladou a esmorecente feira da carballeira de San Xoán ao igrexario (onde hogano se localiza o cemiterio), non lles negou os sacramentos aos integrantes das sociedades agrarias, deulles tabaco aos fumadores menesterosos, promoveu as corais, integrando nas actividades culturais tanto a represores como a represaliados (o 36 estaba próximo): "¡Cuánto se conmovió su corazón de padre al conocer la trágica muerte de unos, la cárcel y el exilio de otros, la dispersión de los más y la violencia en todos, que todo lo parecía aniquilar y de hecho traumatizó de tal modo las gentes de Terra de Montes que todavía al filo de los ciencuenta años parece que no se han repuesto!".

A piques de cumprirse os oitenta anos da contenda fratricida, aínda non deron cicatrizado as feridas. Os muros da igrexa seguen homenaxeando o franquismo, para incomodo da maioría e escarnio da legalidade e da xustiza.

Compartir el artículo

stats