Non se apelidaba Fontán, nin Cornide, nin Aller... nomes eufónicos onde os haxa. Chamábase Joseph Rodríguez González, e non podía axudar isto moito á súa "inmortalidade". Aínda que nesta terra nosa o que máis fixo por esquecer o seu nome, e borralo mesmo, da historia rexional foi a súa fama de home "afrancesado", como non crente, anticlerical... Cando durante o trienio liberal (1820-23) dirixía o Observatorio Astronómico de Madrid, os cóengos e curas de Santiago prohibíanlles aos fieis que mercasen os calendarios que o noso sabio escribía e vendía para arranxar diñeiro co que restaurar o Observatorio que deixaran desfeito os franceses... Nada hai que nos permita pensar nun home ateo, nin moito menos; tiña a carreira eclesiástica completa, coa máis alta graduación en Teoloxía, e so hai que ver os consellos que lle da ao seu sobriño (a quen lle encarece "una virtud algo ilustrada") para intuír o que pensaba el daquela clerigalla dun tempo escurantista.
O primeiro gran recuperador da figura do Matemático sería Don Ramón Aller, cando no ano 1926 lle dedica un libro biográfico e científico, que segue sendo fonte de datos e cita obrigada para cantos queiran recabar datos sobre do nosos sabio.
A cama do Matemático
¿E qué memoria deixou o noso paisano na súa parroquia, na súa casa de Bermés do Fondo (na que nacera no 1770), na súa familia? Recordos físicos poucos: Unha cama de ferro -"hoxe vas durmir na cama do Matemático", escoitei de rapaz-, que sería vendida a un xitano tempo despois, e un almirez de latón... con anécdota incluída. O gran historiador da cultura galega, Don Armando Cotarelo, visitou dúas veces aló polo 1940 a casa natal do Matemático e do seu sobriño Francisco Javier (autor do primeiro dicionario galego-castelán, do que publicaría en Madrid un opúsculo biográfico no 1943). Don Armando, que tamén andaba buscando datos inéditos do Matemático, non conseguiu que lle venderan a citada cama, que pensaría levar para algún museo; pero si o almirez de latón... que fora mercado na feira de Lalín pouco tempo atrás.
O noso sabio, que pasou media vida por Europa, impartindo ensinanzas, redactando informes científicos, adquirindo instrumental pedagóxico para a Universidade de Santiago, e ampliando sempre coñecementos sobre das máis diversas ramas da ciencia (matemática, astronomía, xeodesia, mineraloxía), non prodigou moito as estancias na súa parroquia natal, ainda que por aquí viña sempre cando andaba por Santiago. E daquelas visitas quedou na memoria colectiva a lembranza dalgunhas anécdotas e feitos del. E tamén unha mágoa familiar, segundo a miña tía Esperanza: "Disque para a casa non serviu de moito. Seica podería ter librado de servir a El Rey a tódolos mozos da familia, e non o fixo; iso si, a súa herdanza deixouna na casa".
Certo que o noso home non lle legou á familia riquezas, nin títulos, nin privilexios, pero nunca se desentendeu dela. Desto quedan moitas probas na súa correspondencia. Preocúpase pola situación da economía e da saúde dos seus dous irmáns, Manuel e Andrés (a este tívoo un tempo hospitalizado en Madrid); manda diñeiro para unha prima que tiña casada en Sanguiñedo, e para outros parentes. E tampouco se esquece dos seus paisanos; sobre unha recomendación que lle tiñan pedida, comenta nunha carta: "Somos todos de Deza, y no ay (sic) mas remedio sino hacer unos por los otros quanto sea posible".
Buscando pedriñas
Onde non escatima gastos é na formación eclesiástica do seu sobriño Francisco Javier, o futuro filólogo. Segue de cerca os seus progresos, mándalle diñeiro para que siga estudando durante o inverno en Santiago, e faille chegar libros a miúdo... unha das veces con media ducia de exemplares da Constitución de Cádiz. So quere "que Dios le haga un buen clérigo, bispo (sic) y todo lo demás que quiera". E noutra carta: "Que el Señor lo haga y conserve buen clérigo de costumbres y una virtud algo ilustrada, a lo menos que no sea uno de aquellos nuestros eclesiásticos rapalleiros de aldea".
Cando a Xunta Central lle encarga a Rodríguez a redacción dun sistema xeral de pesas e medidas e a triangulación de España, poida que iniciara esta pola nosa rexión, e sería daquelas probablemente cando situou o centro de Galicia na fonte local de Castiñeiroa, que era a fonte-lavadoiro dos veciños do Vento.
Este é un dos feitos de Rodríguez que garda a memoria local, coma cando conta que o noso Matemático adoitaba pasear por unha calexa de madeira que levaba auga por enriba dunha congostra, coas mans detrás do lombo, e cavilando... Ou cando recorda que andaba sempre de camiño, falando con todos e facendo moitas preguntas; que se cadra pasaba o día no monte do Carrio, e tornaba cun saquiño de pedras... das que máis dunha poden estar hoxe no museo madrileño de Ciencias Naturales, que garda a súa colección de minerais.
Tan so resta desexar que este día-memorial de O Matemático de Bermés axude a lembrar a súa figura de fillo ilustre de Galicia, e de Deza, e de Lalín, onde leva tempo co seu nome posto nunha rúa, pero sen un recantiño no que se poida ver a súa efixie enriba dun pedestal labrado con cantería do monte do Carrio.