De todas cantas historias de piratas, corsarios, bucaneiros ou filibusteiros lin ou me contaron, as protagonizadas por Benito Soto, "o pirata da Moureira", son as máis fascinantes. Aínda que soe a tópico, se for ianqui, a Igrexa de Hollywood xa tería santificado este avantaxado súbdito de Jolly Roger. Sen dúbida, o camaleónico Johnny Depp bordaría o papel.

Benito Soto Aboal (1805-1830) veu ao mundo nunha humildosa casiña sita no nº 31 do camiño de San Roque de Abaixo, no rueiro pontevedrés da Moureira. Outrora puxante arrabalde mariñeiro, A Moureira viviu o seu apoxeo durante os séculos XV e XVI.

Estrullado en época recente pola upa da burbulla inmobiliaria, aquel labirinto de ruelas aberto ao esteiro do Lérez foi, no solpor da décimo quinta centuria, o escenario onde se forxou a descuberta do Novo Mundo. Dos estaleiros da Moureira saíu a nao "A Galega" en cuxa construción, sufragada por Xoán da Coxa (cf. Juan de la Cosa), empregouse a madeira rachada na carballeira de Santa Margarida (A Seca). Cristovo Colón, nado en Portosanto (Poio), na outra beira da ría, fretará e rebautizará a embarcación co nome de "Santa María", na honra da padroeira dos mareantes da Boa Vila.

O almirante galego Cristovo Colón, ao mando d'A Galega, atinxiu as Indias Occidentais o 12 de outubro de 1492. Colón escollerá o nome de San Salvador (patrón de Poio) para designar a primeira das illas nas que recalou a expedición (Guanahani-arquipélago das Bahamas). Sen ignorar o subsecuente e criminoso proceso de conquista, cómpre rebelármonos contra a consigna "mellor xenovés ca galego".

O alfoz da Moureira tamén foi o berce (sécs. XVI-XVII) doutros navegantes ilustres: Pedro Sarmento de Gamboa (descubridor do arquipélago das Salomón, no Pacífico; explorador do estreito de Magalláns...), os irmáns Nodais, a liñaxe dos Matos...

Testemuña inqueda do declive portuario, Benito Soto, mozo de 22 anos, ollos negros, rostro cribado da variola, rudo, intrépido, temerario, conxurouse para emendar os designios do destino.

O 22 de novembro de 1827, en Rio de Janeiro, Benito Soto fíxose ao mar enrolado co grao de contramestre no bergantín negreiro "Defensor de Pedro", de bandeira brasileira. O 26 de xaneiro de 1828, fondeados fronte ás costas de Ghana, na outra punta do Atlántico, Soto e os seus afíns amotináronse, aseñoráronse do barco, tinguírono con chapapote, izaron a bandeira da calivera e, abrazando o código da pirataría, sementaron o terror polo Atlántico. Nacía a lenda d'A Burla Negra. Nas tascas mariñeiras de Inglaterra, a ubicua ameaza da "Black Joke" aproaba en cada gulapo de ron.

O capitán Soto e os seus secuaces amosaríanse crueis e implacábeis. A frota británica foi, xaora, a gran damnificada. Velaquí unha listaxe das presas, ben seguro incompleta: a fragata inglesa "Morning Star", a fragata estadounidense "Topaz", o bergantín inglés "Cessnock", o bricbarca inglés "Sumbury", a fragata portuguesa "Ermelinda", o bergantín inglés "New Prospect".

En posesión dun cuantioso botín, "A Burla Negra" puxo rumbo ao peirao de Pontevedra, camuflado baixo o pseudónimo "Buen Jesús y las Ánimas". O 10 de abril de 1828, ao abeiro da ría, Benito Soto decide botar a áncora e trasladar parte do tesouro a terra, para a súa ocultación e posterior venda.

O 26 de abril fan o propio no porto da Coruña. O 5 de maio, parten da vila herculina con destino a Xibraltar, praza na que o pirata pretendía trocar por moeda común unhas letras de cambio valoradas en 25.000 pesos fortes (ou reais de a 8) e satisfacer, deste xeito, o quiñón.

Na anoitecida do 9 de maio, fronte ás costas de Cádiz, unha desafortunada manobra fainos embarrancar nas areas de Santa María. Os piratas, con cartolo no peto, lonxe de amuarse, fan festa rachada na capital gaditana durante seis días. Os seus excesos alertan as autoridades que dan orde de prendelos. Benito Soto e tres dous seus lugartenentes conseguen fuxir a Xibraltar onde, finalmente, son detidos e xulgados. O 25 de xaneiro de 1830 a Xustiza británica fai cumprir a sentenza. Benito Soto é aforcado, o seu corpo, despezado e a súa cabeza, espetada nunha alcaiata para escarnio público. Na fermosa recreación de Thais Feijoo (Chicapájaro), o foraxido aínda conserva a calamoucha sobre os ombreiros.

Segundo contan, no transo do patíbulo, Benito Soto, xenio e figura, axudou o seu verdugo a cinguir ben a soga. Antes de ser abaneado, dirixiuse ao xentío expectante e berrou en galego: "Adeus a todos, a función rematou!".

Benito Soto, o derradeiro pirata do Atlántico, morre á idade temperá de 25 anos, tras unha existencia tan intensa coma fugaz. A súa extemporánea aposta vital, moi do gusto da literatura romántica, inspirará "Canción del pirata", o coñecido poema de José de Espronceda (1808-1842): "Que es mi barco mi tesoro, que es mi dios la libertad, mi ley, la fuerza y el viento, mi única patria, la mar".

Xa case esvaecera en Pontevedra o recordo das andanzas do pirata Soto cando, case un século despois, o xornal El Diario de Pontevedra do 27 de xaneiro de 1926, na súa páxina 2, inclúe a seguinte nova:

"El suceso local. Los tesoros de un pirata y la fantasía popular

En las últimas horas de la tarde de ayer comenzó a circular por esta capital la noticia de haber aparecido en el malecón de la Moureira, inmediato al puente de la Barca, un gran tesoro enterrado.

Se aseguraba que al hacer explosión un barreno, en la obra que allí realiza el conocido contratista Sr. Fontao, quedó al descubierto una caja de grandes dimensiones.

Como es de suponer, por aquel barrio desfiló medio pueblo. La fantasía comenzó a hurdir la obligada historia alrededor del hallazgo, y se decía ya que la caja había sido enterrada en aquel lugar por el pirata pontevedrés Benito Soto y que en ella se guardaban numerosas alhajas y monedas de oro procedentes del buque inglés "Estrella Polar" (cf. Morning Star), que en alta mar fue saqueado por aquel famoso pirata.

Se afirmaba también que al lado del arcón misterioso aparecieron dos pistolas y un sable, todo ello perteneciente a Benito Soto, que no tuviera tiempo de conducirlo a otro lugar por haber sido preso por las autoridades y poco después condenado a muerte.

Esta mañana, y para aclarar lo que hubiera de cierto, visitamos al Sr. Fontao, quien nos manifestó que efectivamente había aparecido algo en dichas obras, pero que no creía procediese del robo al "Estrella Polar" por el pirata pontevedrés; pues se trata de una gran pila de piedra, que seguramente fue utilizada anteriormente para salazonar sardinas, y que la fantasía de nuestros convecinos convirtió muy pronto en una misteriosa arca llena de riquísimas joyas y enorme cantidad de monedas de oro.

Sin embargo, sigue afirmándose que se trata de un cofre grande y no de una piedra como dice el Sr. Fontao.

Algunos vecinos del lugar del hallazgo dicen que han visto la caja, que parecía de metal, y que la cubría una funda de cuero, sujeta con gruesos tornillos.

Añaden que su peso era grande, pues fueron precisos cuatro hombres para levantarla y colocarla en el carro que la llevó de allí.

La policía, enterada de todo esto, lo puso en conocimiento del Juzgado para que éste haga las oportunas diligencias de esclarecimiento de la verdad.

Veremos lo que resulta de todo ello."

(Continuará).