Orixinalidade estrutural e densidade humana resultante da caracterización do protagonista. Son dous dos aspectos que o xurado destacou na obra gañadora do XXVI Premio de Novela Manuel García Barros, da autoría do xornalista compostelán Alberto Ramos. A novela presentouse baixo o título Sebastian Nell que, unha vez aberta a plica corresponde á obra Máscaras rotas para Sebastian Nell. A peza foi elexida nunha edición especialmente disputada, xa que este resultou ser o ano no que máis escritores presentaron texto ao certame, cun total de 33 obras.

O xurado -estivo composto por Inma Otero Varela, Carlos González de Lema Malvar, Armando Requeixo Cuba, Luis Alonso Girgado e Carlos Loureiro- reuniuse ás 11.00 horas na sala de xuntas do Concello da Estrada para escoller a novela gañadora. Despois de ter lidos os orixinais e das correspondentes seleccións e constrastes de opinións previas a esta cita, a novela de Alberto Ramos resultou elexida por maioría. Salientaron a súa capacidade para "xunguir distintos tipos de escrita que conxugan o narrativo co xénero da entrevista".

A través deste innovador formato, o lector é introducido nunha historia protagonizada por un actor inglés de teatro nas súas derradeiras horas. Nelas lembra os seus días de luces e sombras diante dunha xornalista, a gran protagonista feminina da obra, debuxando un retrato do mundo do teatro e o espectáculo británico, sen que falten as referencias ao universo hollywoodiense. O crítico literario Armando Requeixo suliñou de igual xeito que a obra non decae en ningún momento e que plantexa un desafío ao lector.

Do autor, o xurado resaltou que ten xa unha recoñecida traxectoria pese a súa xuventude. Aos seus 28 anos, a gañadora do Premio Manuel García Barros é a súa cuarta novela, despois de Dor pantasma, Con acuse de recibo e Todos os días. As catro pezas foron premiadas. Ademais, o xurado destacou que Ramos reinvéntase a si mesmo como escritor con cada libro que publica, xa que todos son moi diferentes. Como xornalista exerce na actualidade como freelance.

A novela gañadora será publicada no mes de novembro pola editorial Galaxia. Como vén sendo habitual, a entrega do galardón e a presentación da novela farase nun acto aberto no Teatro Principal da Estrada cara o mes de decembro.

Unha vez aberta a plica, o alcalde da Estrada, José López, púxose en contacto co gañador para comunicarlle a nova. Sinalou o mandatario que o García Barros goza de "moi boa saúde" e asegurou o compromiso do Concello con este premio, ao que se referiu como un dos principais galardóns da literatura galega. Manifestou tamén que o nivel de este ano incrementa e consolida o acadado en edicións anteriores. Non se esqueceu de aplaudir o papel de Galaxia no impulso deste premio e tampouco dos xurados que cada ano elixen a peza gañadora entre os numerosos títulos que se presentan.

En calidade de gañador, Alberto Ramos recibirá 9.000 euros e a publicación da novela. O Concello da Estrada, en colaboración coa Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Editorial Galaxia, leva 26 anos convocando este premio de novela que vén ser tamén unha homenaxe ao célebre Ken Keirades.

O escritor e xornalista compostelán suma así o seu nome á xa longa nómina de gañadores do García Barros, xusto despois de Anxos Sumai, que se fixo o pasado ano co galardón coa obra A lúa da colleita. O García Barros iniciou no ano 1989 a súa andaina con Paisaxe con muller e barco, de Manuel Forcadela e ten no seu haber obras como Magog, de María Gándara, O espírito de Broustenac, de Álvarez Cáccamo, Tal vez melancolía, de Xoan Carlos Caneiro, As rulas de Bakunin, de Riveiro Coello ou Un nicho para Marilyn, de Miguel Anxo Fernández, entre outras moitas.