No verán do ano 2006, o autor deste artigo, nunha visita ao xacemento, observou diversas marcas, colocadas no terreo polas empresas adxudicatarias da obra, que non presaxiaban boas intencións. O seguinte paso foi consultar, nas oficinas municipais de Lalín, o proxecto deste tramo do TAV e alí saltou a sinal de alarma. A liña férrea da Alta Velocidade cruzaba, polo medio, a croa do Castriño, onde situaban a boca dun pequeno túnel, que atravesaba a lomba do Agro de Castro. A ámbolos dous lados da boca do túnel estaba previsto abrir dúas pistas de servizo, que aumentaban, significativamente, a superficie afectada, de tal xeito que, o Castriño de Bendoiro, quedaba destruído por completo. A gran paradoxa de todo isto era que arrasando, impunemente, este xacemento arqueolóxico, sen embargo, nos mapas continuaba marcado o Castriño de Bendoiro como tal.

Nos meses seguintes, a Consellería de Cultura ordenou que o contorno do Castriño quedara libre de obras, mentres un equipo de arqueólogos realizaba sondaxes valorativas na zona que estaba previsto destruir coas obras do TAV. A realización destas sondaxes non só se levou a cabo dentro do recinto castrexo principal, a croa, senon tamén na área externa, seguindo sempre a dirección N-S, por ser esta zona a máis afectada polas obras. As sondaxes consistiron, basicamente, na escavación arqueolóxica de varias cadrículas distribuídas de forma programada dentro da zona afectada, recollida de material e elaboración dun informe, que foi remitido á Consellería de Cultura e ao ADIF.

Unha valoración destas características sempre ten carácter provisional pero, neste caso, deu a sensación de que era algo máis que un simple informe. Para o ADIF, naquel lugar non había un castro, senón unha lomba que seccionarían transversalmente, na que tiñan previsto escavar unha gran trincheira, con uso de maquinaria pesada e explosivos, se era preciso. Posteriormente, quedaría transformada nun túnel ("falso túnel"), unha que voltasen a botarlle encima o material removido e depositado nunha escombreira. O informe debía demostrar que alí había un castro e, de non ser así, as obras continuarían sen ningunha clase de miramentos. Isto, sen dúbida, como ben se di coloquialmente, era o quid da cuestión.

Este plantexamento pode parecer estraño, a todas luces, desde unha visión galega da nosa realidade histórica, pero lévanos a pensar en situacións que se teñen dado noutras épocas do pasado, concretamente nas obras realizadas durante o Colonialismo. Un exemplo esperpéntico, coma este, ten sido o intento de construción da "liña férrea transafricana" que os ingleses, durante a época do colonialismo rancio, pretendían realizar entre a Cidade de O Cabo, Sudáfrica, e Alexandría, en Exipto, enlazando o Sur de Africa co Norte (Mar Mediterráneo). Que lles importaría daquela aos ingleses pasar por encima dun xacemento arqueolóxico exipcio? Naquel momento o único visible para eles era o trazado que debían seguir coa liña férrea e o demáis ignorábano.

Cando os castros estorban

Esta lóxica foi a que se impuxo no noso caso, como é ben fácil de deducir. Unha gran empresa capitalista metropolitana consegue do Estado a adxudicación dunha gran obra, considerada infraestrutura estratéxica e comeza todo o proceso administrativo previo á súa execución (realización das obras). Este é un traballo complexo, que se encarga a varias empresas subcontratadas e de diferentes lugares, que na maioría dos casos nada teñen que ver coa realidade galega nin coa nosa cultura, pero están legalizadas e acostumadas a este tipo de actuacións. Redactan o proxecto, elaboran presupostos, expoñen a lista de damnificados (expropiados)... e realizan o resto do proceso. No proxecto de obra, o Castriño de Bendoiro, como se indicou anteriormente, non foi eliminado, senón colocado nun lugar onde non lle correspondía, de xeito que non afectaba ao paso da vía férrea. O máis triste de todo é que, posiblemente, non souberan nada de castros, nin do que representa a cultura castrexa. Iso, a lo menos, é o que se desprende das afirmacións dalgún encargado de obra: "Xa están eses aí coas súas tonterías de sempre. Estas cousas que eles din que teñen moito valor na realidade non valen para nada, senón para dar a lata".

No momento en que as obras tiñan comezado plantéxase toda esta problemática e as prospecións arqueolóxicas non fan máis ca dilatar, temporalmente, o problema. Por aquel entonces o pesimismo de moitas persoas era patente e así o manifestaron: "Coa protesta o único que conseguides é facer que a obra sexa máis cara e que nos coste máis a tódolos contribuíntes". E isto era certo porque, como sempre sucedía, non se esixiron responsabilidades aos que trazaron a liña sen ter en conta a existencia do Castro e, por iso, houbo todos eses problemas. Os que protestaban, porque percibían que se ía a desfacer un castro dubidando a súa existencia, non eran os que tiñan a culpa do problema creado, senón que a culpa viña doutra parte. Houbo quen afirmou: "Esta obra non a van a cambiar, pase o que pase, porque hai moitos intereses en xogo e pode máis o carto ca razón".

O Castriño de Bendoiro estivo sempre no mesmo sitio, integrado dentro dunha área castrexa na que, aparentemente, debeu ser un núcleo secundario unido ao Castro e, por esta razón, a súa fácil localización, sempre fixo posible que fora ben coñecido no contexto arqueolóxico e histórico. O que sucedeu coa chegada do TAV (Tren Alta Velocidade) é algo que quedará na nosa historia como un episodio triste, nunha época de políticos mediocres e enxeñeiros tecnócratas que manexan moi ben a informática pero están desconectados do mundo real.