Hai dous anos os que subscriben publicamos un extenso traballo sobre a historia da Torre de Guimarei que comezaba a mediados do século XVI co fundador do morgado de Guimarei, don Simón Rodríguez, ata a actualidade. Sen embargo daquela non puidemos chegar ata máis atrás. Afortunadamente agora estamos en disposición de de ofrecer aos lectores do FARO DE VIGO os prolegómenos desta torre.

A comezos do século XV o escudeiro e rexedor de Pontevedra Men Suárez Gallinato era o señor do coto de San Xiao de Guimarei, polo que se lle pagaban seis celemíns de pan e dous marabedís por cada casa. E o 4 de decembro de 1413 ante o notario de Tabeirós e Ribadulla don Afonso Ballón, dito Men Suárez recibiu en doazón de Teresa García (veciña) de Gudín na freguesía de San Xiao de Guimarei a terceira parte de todas as casas, herdades e "chantados" que tiña no lugar de Gudín polas "obras boas e ajudas" que recibiu de dito escudeiro .

Dito Mens Gallinato debía ser da familia de Afonso Gómez Gallinato, que o 29 de xullo de 1366 xunto con Fernán Pérez de Deza asasinou o arcebispo compostelán Suero Gómez de Toledo, dada a súa ligazón con Guimarei, como vemos no seu testamento en que efectuou unha manda a favor do convento de Acibeiro de "quantos herdamentos e casas e coutarias e dereitos eu aio em toda terra de Taveiroos e no couto de San Xiao" de Guimarei.

A Men Suárez Gallinato, que testou en 1417, sucedeuno a súa filla Leonor Suárez Gallinato, que casou con Ruy López de Montenegro e foron pais de Gonzalo López de Montenegro, rexedor da vila de Pontevedra.

Gonzalo testou en 1491 e deixou por herdeira á súa esposa dona Inés Gómez, a cal consentiu que os seus cumpridores Jácome Rodríguez e Tristán Francés, seguindo as súas instrucións e co obxecto de fundar dotes para cinco ou seis mozas pobres, vendesen en 1492 o coto e señorío de San Xiao de Guimarei e os padroados dos beneficios de Santeles, o padroado de Lagartóns e outros bens, todo elo ao clérigo de Santa María de Mourente chamado Lope Díaz.

Claro que este clérigo era un mandado do testamentario Jácome Rodríguez, polo que ao ano seguinte fixo cesión do coto de Guimarei e dos padroados dos beneficios de Santeles e Lagartóns a favor de dito Jácome Rodríguez, rexedor da vila de Pontevedra.

Jácome Rodríguez casou en primeiras nupcias con dona Clara Sánchez, quen testou en 1487 en Pontevedra, e foron os pais, entre outros, de Simón Rodríguez, que como dixemos foi o fundador do morgado de Guimarei, que logo herdou a súa filla Luisa Sarmiento de Meira, pois o seu fillo Bartolomé morreu ao pouco de casar -en 1543- con María de Neira, dona e fundadora do morgado do pazo de Oca.

Simón Rodríguez, nacido en Pontevedra na parroquia de San Bartolomeu, foi rexedor de Pontevedra en sucesión a seu pai en 1518, rexedor de Santiago en 1520 e en 1525 asistente e xustiza maior de Santiago. E, unha vez viúvo, foi cóengo de Santiago por bula da súa santidade o Papa Clemente VII, reitor do "colegio nuevo y universidad del señor Santiago Alfeo que fundó y dotó en Santiago en Ilmo. Señor arzobispo D. Alonso de Fonseca" entre 1545 e 1551, e foi axudante e testamentario de Alonso III de Fonseca, arcebispo de Santiago e de Toledo.

En 1534 mercou ao clérigo de San Pedro de Quintillán (Forcarei) dous terzos enteiramente do lugar e casal de Gudín na freguesía de Guimarei, do que a outra terceira parte xa lle pertencía. En 1545 adquiriu o lugar e casal denominado O Francés sito en San Xiao de Guimarei, con todas as súas casas e herdades a montes e a fontes. En fin, ao longo da súa vida foi adquirindo outras moitas propiedades e dereitos na freguesía de Guimarei, Lagartóns, Somoza, Santeles, etc.

Proba documental

E trala súa morte en 1555, no "Memorial de toda la hacienda, muebles raíces dineros plata e deudas que dejo el señor Licenciado Rodríguez que santa gloria haya, primeramente dejó? el coto de san Xiao de Guimarei con una torre, casa e huerta, tiene cuatrocientos treinta y cuatro celemines de todo pan?"

Agora ben, hai que destacar que sendo xa dono por herdanza da torre e casa anexa de Guimarei, en 1524 aforou tamén "el lugar y casal de A Torre también llamado de Outeiriño en Guimarei".

Isto nos permite pensar que se dito lugar era coñecido por A Torre pero aínda se coñecía o nome antigo, Outeiriño, temos que presumir que pasarían dúas ou tres xeracións desde que se fixo a torre e que pola súa importancia desprazou o seu antigo nome.

Pómonos así arredor do ano 1480, é dicir, despois da revolta dos Irmandiños e cando se comezaron a reconstruír as novas fortificacións sobre todo as arcebispais, e por iso no proceso Tabera-Fonseca sobre o derribo das torres polos Irmandiños non aparece citada a nosa torre.

Propoñemos pois que a torre de Guimarei foi ergueita en tempos do rexedor da vila de Pontevedra don Gonzalo López de Montenegro (falecido en 1491) e da súa esposa dona Inés Gómez.

*Luís Ferro Pego é garda civil e diplomado en Heráldica Militar e José Manuel Bértolo Ballesteros é catedrático xubilado de Griego e Francés. Ambos son membros da Asociación de Xenealoxía Heráldica e Nobiliaria de Galicia