O bufido das gaitas, o son das ferreñas, as verbas que traen contos do alén, o saber popular e tradicional mesturado con conferencias que aportan novas nocións, os oficios que premian o xeito artesanal, e sobre todo as ganas de facer festa e fomentar o patrimonio inmaterial da cultura galega son señas de identidade. Son os Encontros de Música Tradicional de Carboeiro (Silleda), que mañá celebrará os quince anos de andaina.

Comezaron no ano 2000 a modo de protesta frente ó rumor de que xurdiría unha banda de gaitas do municipio con xeitos e música foráneos pero que se gababa de tradicional. A resposta dun grupo nutrido de veciños foi clara: organizaron tres días onde a tradición oral nas súas distintas vertentes reinou na Casa da Cultura de Silleda. Foi o respaldo veciñal o que fixo que ó ano seguinte se volvesen celebrar, desta volta xa no marco do Mosteiro de Carboeiro, que non gozaba de ningún tipo de actividade naquela época, e onde se asentaron ata o momento.

Dende a súa terceira edición, o encontro conta, ademáis, con patroa propia, a Santa Ferreña, á que os seus devotos mostran admiración con cantos e bailes, e sacan en procesión dende o campo da festa ata o claustro do mosteiro. Nestes quince anos a romería tradicional pasou por altos e baixos e, dende a organización gardan dúas datas con especial agarimo. A primeira cita marcada na memoria foron os chamados Encontros Limitados, celebrados no 2005, ano dende o que a cita, que ata o momento se celebrada durante dous días, pasaría a centrarse nunha xornada. Nesa ocasión a comisión tivo que facerlle fronte a unha importante débeda pola falta de cobro dunha subvención. Porén, o público volcouse de tal xeito na organización de actividades e na promoción da cita que os organizadores conseguiron non só subsanala débeda senon tamén facer fronte a esa edición sen problema. E de novo a resposta agarimosa do público marca a segunda cita destacada, cando hai cinco anos a chuvia se sumou de xeito moi marcado á celebración. Os devotos da romería lonxe de verse aplacados pola auga fixeron fronte ós case 150 kilos de carne que había preparados e a festa non parou.

Son tamén moitos os que nestes anos se deron cita en Carboeiro. Algúns dos habituais son o contacontos lalinense Celso Sanmartín, máis coñecido como Celsiño, os títeres Viravolta ou Xandobela. No panorama musical as Pandereteiras de Zobra, que cada ano vai recoller en autobús para garantir que asistan, son todo un emblema da romería. "Elas son a encarnación da Santa Ferreña na terra", comenta unha das organizadoras do evento, Chus Caramés. Outra das figuras claves neste encontro folclórico era Ramiro Cortizo, coñecido por todos como o Capador de Muras, este gaiteiro e festeiro empedernido era o encargado de iniciala sesión vermú co son da súa gaita. O seu pasamento deixou un sentido recordo na edición do ano pasado cando o arranque da sesión vermú se demorou debido a que ninguén se atrevía a botar a primeira peza e tomar o testigo. Os organizadores quixeron agarimalo seu recordo colgando da árbore na que acostumaba deixar pousada a súa gaita verde unha imaxe deste instrumento, así como tamén unha fotografía do gaiteiro. Ademáis as súas pezas siguen a resoar nos paraxes de Trasdeza durante a cita para que o seu legado non quede no esquecemento.

A esencia do encontro é "facer unha romería como as de antes, sen amplificación e nas que poder facer festa coa gorxa, os instrumentos ou o corpo, na que nos se precise nada máis que gañas", asegura Caramés. E como obxectivo os organizadores márcanse a meta de seguir mantendo viva a tradición inmaterial da zona, para iso tentaron dende o comezo implicar os colectivos e os veciños da zona e tentar deste xeito que as novas xeracións tamén se enchoupen dese patrimonio inmaterial que cada ano aflora no entorno do cenobio de Carboeiro.