Nos XV Encontros de Música Tradicional do Mosteiro de Carboeiro as procesións serán punto clave da xornada. Nesta ocasión, ademáis da tradicional comitiva que acompaña na súa peregrinaxe á Santa Ferreña ás 14.00 horas cos cabezudos de Viravolta e os papamoscas de Santiso, as manifestacións folclóricas arredor das procesións de Galicia vertebrarán a exposición baixo o título "A procesión vai por dentro".

Como de costumbre haberá unha feira de artesanía que, está previsto, que conte con máis dunha ducia de postos de artesáns. O tradicional xantar popular custará 13 euros e estará composto por empanada, carne ó caldeiro, larpeira, pan e viño. Pola tarde haberá xogos tradicionais para cativos e maiores con Xandobela e Ítaca de Compostela. O contacontos Celso Fernández, Celsiño, falará de "A procesión vai por dentro e o cantar por fóra". Ademáis, o grupo Fantoches Baj mostrará o seu espectáculo Máscara Fóra! e a festa continuará, como é tradición, ata que "o corpo aguante".