A parroquia lalinense de Moneixas albergará o sábado 12 de xullo o Memorial Os Dezas, organizado pola asociación veciñal e o propio grupo de música. A cita inclúe un concurso de gaiteiros solistas, un concerto da Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas, unha comida popular e un certame no que participarán sete agrupacións dezás.

O evento foi presentado onte polo alcalde de Lalín, José Crespo, e, por parte da asociación veciñal, o seu presidente, Francisco Vilariño e os directivos Beatriz Fernández, Lorena Taboada e Alfonso Carrón. "Nace con vocación de continuidade no tempo, para lembrar e poñer en valor un dos patrimonios máis importantes da parroquia, como son Os Dezas", declarou Vilariño. "Vai máis alá do que é Moneixas, é un evento moi interesante para o Concello de Lalín", engadiu Crespo. A raíz da iniciativa veciñal, o alcalde anunciou que retomaba a idea de facer unha estatua de pedra dedicada aos Dezas, que encargará á Escola de Canteiros da Deputación. Logo quedaría consensuar o seu emprazamento cos propios veciños.

O Memorial Os Dezas de Moneixas comezará ás 13.00 horas co Concurso de Gaiteiros Solistas, dotado con tres premios de 250, 100 e 50 euros. Poderán participar gaiteiros de Galicia maiores de 15 anos, sen acompañamento e con gaitas de estética tradicional. Disporán de seis minutos para interpretar a Jota de Cruces, obra dos Dezas, e outra peza libre. O prazo de inscrición remata o 27 de xuño. As bases pódense consultar no blogue http://moneixas14.blogspot.com.es.

A Banda de Gaitas Os Dezas dará un concerto antes do xantar popular, previsto para as 14.30 horas. Os bonos estarán á venda en distintos establecementos de Lalín e do resto da comarca ata a semana anterior cos seguintes prezos: 18 euros para maiores de 14 anos; 9 para nenos de 7 a 14; e gratis para menores de 7. Tamén é posible facer a reserva mediante ingreso nunha conta bancaria dispoñible tamén no blogue.

Contra as 17.00 horas dará comezo o Certame de Agrupacións Tradicionais, que contará coa participación de sete formacións de música e/ou baile: A Carballeira, de Cercio; Banda de Gaitas de Piloño; Os Trasnos, de Doade; Grupo de Baile Punteirolo, de Vila de Cruces; A Brincadeira, de Carbia; O Arco, de Merza; e Ailola, de Lalín. Os grupos proceden todos da bisbarra nun intento por "sentar ben as bases" desta primeira edición do certame.