Os comerciantes e empresarios silledenses están chamados a participar no 1º Premio Concello de Silleda á Normalización Lingüística nas Empresas e Comercios, que convoca a Administración local en colaboración con instituto Pintor Colmeiro, a asociación ECOS e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa intención de galardoar a aqueles establecementos que empreguen a lingua galega no seu trato, na cartelería, na facturación e na relación cos medios e a publicidade.

A iniciativa parte do estudo sobre a paisaxe lingüística realizado o curso pasado polo centro educativo, que conclúe que as administracións públcias cumpren nun 90% no uso do galego, pero as empresas só o fan, no tocante a sinais indicadoras e outro tipo, nun 20%. "O obxectivo era que asumiran que hai un problema, que se fixaran nel e que contribuiran a cambialo", explica Cibrán Arxibai, un dos mestres do instituto que onte participou na presentación do concurso, xunto á súa homóloga Helena González, o director, Xesús Fernández Sulleiro, o alcalde, Manuel Cuiña, e o edil de Industria e Comercio, Luis Rodríguez.

Os comerciantes e empresarios do concello poderán formalizar unha ou varias candidaturas perante a Concellería de Normalización Lingüística ata o próximo día 17. Unha comisión de adminisión poderá tamén propoñer establecementos e determinará os que formarán parte do concurso final. O premio consitirá nun diploma outorgado polo Concello, unha invitación para dúas persoas para visitar o Museo do Pobo Galego e a Casa-Museo Rosalía de Castro, unha visita guiada para oito persoas á exposición Auga Doce e un lote de produtos de lecer en galego outorgado pola Xunta. O xurado, presidido pola concelleira Margarita Campos e no que participarán alumnos do ciclo de Xestión Comercial e Marketing, valorará os medios e recursos cos que conte cada establecemento así como o esforzo feito no proceso de normalización do galego. As bases poden consultarse na páxina web municipal. O alcalde aproveitou para destacar o "éxito" de participación no concurso de Microcurtas e Microrrelatos, que este ano bateu récord con 143 traballos. "Estase facendo unha moi boa labor con esta iniciativa", sinalou.

Goza do Ulla, o 6 de xullo

Por outra parte, Cuiña anunciou que a ruta do programa 'Goza do Ulla' será o 6 de xullo, cun roteiro botánico no que os participantes irán recollendo prantas medicinais asesorados por un experto.