O xoves tróuxonos unha perda importante para Lalín, un home da talla de Perfecto Navaza deixounos sen contalo. Persoa discreta, honesta e moi traballadora, deu o mellor de si mesmo para dignificar durante máis de catro décadas unha profesión pouco común en Lalín e en Galicia, a da repostería con maiúsculas. Lembro charlas con el nas que transmitía toda a paixón polo seu oficio e nas que me deixou abraiado polo seu coñecemento sobre o mundo do chocolate, fose cal fose a súa procedencia.

Perfecto foi unha de esas persoas co espítitu típico dos lalinenses, serio, emprendedor, traballador; un lalinense de pro que sempre se preocupou do seu pobo e da súa familia. Foi o mellor compañeiro do xeógrafo holandés Hilgen para coñecer as nosas terras e para axudarlle a enamorarse da serra do Candán. Unha amizade compartida da que sempre quedará testemuña co importante legado material e inmaterial que o investigador centroeuropeo deixou para as futuras xeracións de lalinenses como unha parte máis do patrimonio dos lalinenses.

A Perfecto lembrarémolo sempre ao pé do seu obradoiro, coa calma, o tino e o esforzo co que se fai a mellor respostería que ao longo de moitos anos endulzou os padais de varias xeracións de lalinenses. Uns padais que hoxe están orfos de sabores que Perfecto elevaba a condición de excelencia reposteira.

*Alcalde de Lalín