O domingo 16, tarde xélida de abertas e anubrados, os Gosende, tras o tempero do café, escudimos a nugalla cambeiro travesío polo monte de Cerdedo. A rota de ascenso, de non ser polo pouso obrigado a media costa, teríanos guiado deica a curota, distinguida co elucidativo chamadeiro de Coto de Mámoas.

Lémbrolles aos lectores que nas inmediacións do Coto de Mámoas, espazo arqueolóxico catalogado por Patrimonio, Fomento proxecta amorear uns 50.000 m3 de cascallo, provenientes dos desterramentos do túnel, trincheiras e viadutos do tren de alta velocidade, velocidade alta, ou espantagaliñas, no seu percurso por Cerdedo.

O Sangal, que foi noutrora nemorosa carballeira, é designativo do cotarelo que cara ao nordés, tras o rueiro cerdedense (e nas anellas fotografías), se ergue coma lombo de balea, petrificada nunha marusía de agros de pradelas.

Da devandita morfoloxía ofrece testemuño, verbigracia, unha oportuna panorámica en branco e negro que algún nostálxico, no ano 1973, tomou dende a atalaia da aldea de Lourido. "Tempus fugit". Se teñen curiosidade, non deixen de visitar a incipiente colección de retrato clásico que, sobre Cerdedo e os cerdedenses, acabará por encher as paredes d'O Meu Lar, establecemento hostaleiro sempre atento e agarimoso coa tropa dos Gosende.

O significado do topónimo Sangal non che é cousa para a présa, mais, por saír do paso, farei por engadilo aos fitotopónimos derivados de sanguiño (Rhamnus frangula), árbore de rechamante cortiza vermella (a cor do sangue) e bagañas a xogo, frecuente nos bosques de ribeira. Xa que logo, Sangal proviría dun antigo "sanguineale", lugar poboado de sanguiños.

A lenda local asociada desbota o rubio do vexetal e fai fincapé na hemoglobina, pois o pobo sabe que, alí onde se nomea Torre dos Mouros, na encosta norte do monte de Cerdedo (ou Sangal), tivo lugar, tempo recuado, o feroz combate entre o apóstolo Santiago e as hostes da raíña moura dona Ghurina (dona Godina?), do que saíu triunfante o de Compostela. Disque, os couces da súa alba cabalgadura zafrearon a fortaleza de rutilante seixo que, alicerzada en ambas as dúas vertentes da vaganta do Lérez, lle servía de gorida e celeiro á mouramia. Dos pormenores da lide falaremos nunha vindeira ocasión, mais, baseándonos nos vestixios que da colosal Torre dos Mouros fican na fondeira, a contenda non che debeu ser cousa de pouco. Naquela ocasión, o sangue en cachoeira debeu chegar ao río.

Amais do Sangal, aquelas lombas brindan o topónimo As Mámoas que, a semellanza do anterior, denomina unha porción imprecisa de terreo. Canda a forma xenérica As Mámoas, as específicas Coto de Mámoas, no planalto, e Cerrada das Mámoas, na aba sudoeste, acreditan que, remontándonos 5.000 ou 6.000 anos, os aborixes acordaron dispor naquel "altariu" un vasto e esparexido cemiterio. Xa o di o refrán: "Os santos e os farois, en por alto".

No Coto de Mámoas, por riba dos 500 m de altitude, téñense identificado 5 mámoas (3 túmulos xa figuraban en 2001 no inventario de Patrimonio). Na Cerrada das Mámoas, o achado dun fragmento de muíño castrexo viría corroborar a existencia naqueles predios dun poboado da Idade do Ferro, anterior á "villa" de Cerdedo.

Moito desexamos que a peza aludida permaneza a bo recado no Museo de Pontevedra, a diferenza doutro retallo de muíño prehistórico proveniente do veciño castro de Arén que, carente de realce, se arromba no chamado Museo da Pedra de Cerdedo. En ausencia dun carteliño informativo, os visitantes non ben saben se consideralo vulgar cachote ou forra para o carro.

Como xa informamos, enfilando polo camiño do Curro, a uns 500 m do rueiro cerdedense e a outros tantos da vella caseta forestal (sita no curuto), ao pé da encrucillada que desvía para a colchoeira, no medio da pista forestal, o pasado día 2, o colectivo Capitán Gosende deu cun novo gravado rupestre.

Feitas as pertinentes comprobacións, deducimos que o proxectado vertedoiro (V-11) ficaría agora encaixado entre o linde da área de cautela das mámoas do coto e o linde da área de cautela do gravado rupestre, bautizado co nome de Laxa do Sangal.

Á luz das evidencias, Capitán Gosende proseguirá escudriñando a zona afectada, pois, con certeza, nela se agochan moitas e agradabilísimas sorpresas e todiñas en inminente perigo de desaparición. Capitán Gosende reitera que soterrar baixo un metro de cascallo unha superficie de 50.000 ou 60.000 m2 no lugar coñecido por Coto de Mámoas é unha decisión arbitraria, insensíbel e absolutamente desacertada.

Aínda que, de agora en diante, o noso labor de busca sexa infrutuoso, o colectivo reivindica o monte de Cerdedo como montaña sagrada dos devanceiros. Daquela, aínda que só sexa polo respecto debido aos mortos, a redonda de Coto de Mámoas debe ser exonerada da prognosticada desfeita que consideramos, entre outros cualificativos, unha vil simonía.

O soporte do petroglifo da Laxa do Sangal é un laxote de gran groso deitado cara ao sudoeste. O motivo representado -ben seguro, parcial- é un curioso aliñamento de media ducia de coviñas (tamaños diversos) que, de primeiras, lembra a constelación do Carro (Ursa Maior) ou a do Carriño (Ursa Minor), tamén chamados setestrelos. A figura posúe unhas dimensións de 1'32 m x 52 cm.

Botamos en falla o sétimo elemento que se correspondería, se for O Carriño, coa Estrela Polar. No gravado rupestre, a suposta cabezalla do carro (e, polo tanto, a sétima cazoleta), oriéntase cara ao norte. Non se desbota que no subsolo do arredor se oculte un mapa do ceo da noite.

A intuída cazoleta púidose ter perdido, dado que, o lenzo da rocha mostra un notábel deterioro por mor da erosión natural e tamén pola acción directa da maquinaria agrícola e industrial. Cómpre salientar que o panel petroglífico se atopa no medio dun camiño transitado e que, só a apertura do vial, debeu someter o gravado á presión continuada e abrasiva das padexadoras.

Os membros de Capitán Gosende, desprazados o pasado domingo ao monte de Cerdedo, limitámonos a varrer a superficie da rocha, librándoa da fina capa de xabre que a ocultaba. Empregáronse para tal fin vasoiras, vasoiriñas e moqueiros. O desgaste do firme -acelerado coas arroiadas deste inverno- e mais unha providencial paseata obraron o rescate do petroglifo, para maior honra da galeguidade. O gravado rupestre da Laxa do Sangal é, agora, visíbel e doadamente recoñecíbel. Como todo é pouco, fixemos por arrodear a laxa, a xeito de baliza, cun provisional chouso de pedras, tentando evitar que ningún quad desbocado a asoballe. Cando haxa oportunidade, trasladaremos formalmente a nova ao Servizo de Patrimonio Cultural.

De calquera xeito, a autoridade cerdedense debera tomar cartas no asunto e sopesar o desvío da pista forestal, non sen antes tomar as debidas precaucións, posto que, como se comprobou, a devasa foi trazada enriba dun sitio arqueolóxico. Instalados no desacougo, engadiremos que, se ninguén lle pon remedio, aquel "sendeiro do monte Sangal" (baldía aspiración ecoloxista da Administración) será, probabelmente, empregado para a carrexa do entullo da obra do AVE cara ao seu depósito en Coto de Mámoas.

Este novo petroglifo fai o número 21 do tesouro inscultórico cerdedense que, na súa meirande parte, esmorece baixo a matogueira. As coviñas ou cazoletas están presentes en 13 dos 21 gravados rupestres do concello: Fonte Mosqueira e Laxa do Almanaque (Chamadoira), As Brañas (Lourido), Monte de Baixo I, II e IV (Limeres), Outeiro Aciveiro (Biduído), Outeiro Alto do Monte I e II (Deán), Outeiro do Coto (monte do Seixo), Laxa das Filloeiras (Pedre), Laxa do Sangal (Cerdedo) e Laxe da Veiga da Pedra (Tomonde). O gravado rupestre da Laxa da Veiga da Pedra, o único Ben de Interese Cultural de Cerdedo, leva tempo enclaustrado nun pendello.

Non quero rematar a xeira de hoxe sen enviar, en nome do colectivo Capitán Gosende, a nosa máis calorosa felicitación aos compañeiros María Peón e Joseph Ghanime pois, ao tempo que a sidérea Laxa do Sangal vía a luz, eles traían ao mundo unha belísima galeguiña. A nena chámase Aloia e o nome escolleito é sinónimo de porvir esperanzado e resistencia. Boa estrela a guíe!