Coa chegada do mes dos santos -novembro - e o crecer das noites, aqueles que tiñan unha pregunta por lle facer aos seus devanceiros acudían ao afloramento pétreo de Portalén, no monte do Seixo. O ritual establece que quen quixera realizar unha consulta co alén debía cruzar a porta antropométrica deste conxunto granítico de norte a sur e cunha ofrenda coa que congraciarse cos falecidos. Un anaco de pan ou un vaso de viño cos que mitigar a fame e sede que padecen os antergos, ou mesmo unha simple candea que os ilumine. Unha vez traspasado o limiar da máxica porta, poderán enunciar aquela cuestión que remexe as súas entrañas. A resposta virá dada polo vento, nun murmurio que traducirá en palabras os sons de ultratumba. Satisfeita a inquedanza, deberá atravesar de novo o van en sentido contrario, de sur a norte, e nunca revelar o segredo. No caso contrario, quedará afónico para sempre.

"Cadrando co samaín celta existe a prerrogativa de falar cos mortos, un costume arraigado dentro do contexto cultural do magosto. Para a nosa cultura os falecidos non están presentes só no mes de santos, en novembro, senón todo o ano aínda que segundo me transmitiron os vellos das aldeas que rodean o monte Seixo, Portalén actívase nesta época", explica o estudoso da montaña Calros Solla.

Portalén é un impresionante conxunto pétreo situado na coroa do monte Seixo, na parte que pertence ao concello da Lama, e que data do primeiro megalitismo, hai cinco ou seis mil anos. Chama especialmente a atención a súa feitura, que divide aos que creen que é un capricho da naturaleza e os que opinan que a man humana interviu necesariamente.

A porta ao máis alá é unha das máis salientables estacións míticas -cerca de 30- que se atopan na montaña máxica do Seixo, definido por Solla como o santuario perdido dos celtas. "O Monte do Seixo debe de ser estudado desde tres perspectivas diferentes: como catapulta ao máis alá, como montaña oracularia e como lugar de fertilidade", expón o escritor. "Pola súa preminencia sobre o territorio é un lugar acaído para que as tribos deixasen os seus mortos. Alí está a necrópole de Chan de Mamas, cos tres túmulos de Xestido, ubicados á beira dunha antiquísima vía de comunicación, ao pé do camiño de Coto; como oráculo, a Portalén acudíase a recibir o consello dos antergos, e ao Outeiro do Coto ían as "viúvas dos vivos" - homes emigrados ás Américas- a mandar e recibir mensaxes trasatlánticas levadas polo vento; e por último como lugar de culto á fertilidade, con dous enclaves: o Outeiro da Cama, a onde acudían as parellas na procura da ansiada descendencia, e a Laxe Mosqueira, onde o gando recibe procrea grazas ao vento mareiro", continúa a súa explicación.

O Seixo, cumio da Serra do Cando que constitúe o teito da Terra de Montes con 1.015 metros de altitude, é un lugar sobranceiro que divide a actual Galicia marítima -a costa de Pontevedra- da interior -Ourense. Desde o seus puntos máis altos, o Outeiro do Coto e o Coto da Santa Mariña, nun día despexado o visitante pode deleitarse coas espectaculares vistas que abranguen a ría de Vigo, -coa ensenada de San Simón, a ponte de Rande e o arquipélago das Cíes- a ría de Pontevedra -co illote do Tambo e as illas Ons- e ata a ampla ría de Arousa.

“A ubicación do monte do Seixo, e polo tanto de Portalén, no corazón de Galicia pon este enclave na ruta que foi, para boa parte dos pobos europeos, o camiño das almas cara ao mundo dos mortos [...]. Gregos, romanos, celtas e vikingos crían que en poñente se atopaba a terra mítica onde vivían os defuntos, que se situaba indefectiblemente no lugar onde o sol se sumerxía no mar”, argumenta o xornalista Carlos Gabriel Fernández no seu libro "50 lugares máxicos de Galicia".

O Seixo é histórica e mitoloxicamente un punto limítrofe: entre o litoral e as terras do interior e entre a vida e a morte. Dese carácter definitorio destaca o Marco do Vento, un impresionante menhir de 30 metros cúbicos de pedra e 6 metros de altura nun antiquísimo cruce de camiños: o do Coto, de norte a sur, e o hoxe chamado camiño da feira de Doade, de leste a oeste. Este punto coñecíase como a Feira Vella, topónimo que revela a existencia de xuntanzas dos antigos moradores das ladeiras do Seixo. A lenda que rodea a este colosal penedo di que nel todos os ventos dan volta, destacando aínda máis o seu carácter fronteirizo.

Un santuario que esmorece

"Estou convencido de que cada tribo tiña a súa montaña sagrada, máis ou menos rechamante como o Pico Sacro, o Aloia, o Galiñeiro, a Groba, o Pindo… e tantos outros", sentenza Calros Solla. O que distingue a todos eses enclaves míticos do Seixo é o inmenso labor de recolleita de información, lendas e costumes que o literato e profesor realiza infatigablemente desde 2002.

Solla séntese especialmente vinculado a este monte ao que recorda subir por primeira vez con dez anos dan man da súa avoa. Unha impresionante paisaxe que fica na súa memoria e na das xentes do lugar, hoxe imposible de repetir debido ao establecemento dos parques eólicos da Serra do Cando e do Monte Seixo, que con preto de 100 aeroxenadores alteraron por completo a morfoloxía da montaña e arrasaron con varios dos seus xacementos arqueolóxicos, como as mámoas de Xestido.

O profesor sentiu a chamada de protexer o Seixo ante semellante desfeita, polo que comezou o seu traballo de defensa e recollida das súas tradicións, que ten publicado en diversas obras e ata nun documental. "Síntome afortunado por ter levantado o universo mitolóxico do Seixo, feito que debo agradecer á colaboración da xente, ás persoas que me confiaron esas lendas e a sabedoría popular", agradece con emoción Solla.

En 2005 iniciou uns roteiros para dar a coñecer a maxestuosidade do Seixo, nos que narra aos participantes as súas pescudas. Cita con precisión que ata o día de hoxe guiou pola montaña da súa nenez a 2.401 persoas. Grazas ao seu labor de difusión deste santuario celta, Portalén volve a conectar ambos mundos nun ritual case esquecido a causa do despoboamento rural: "ás veces atopamos candeas, pulseiras e outras ofrendas que deixa a xente cando vén". Lamentablemente, o vento xa non cantaruxa como antes os designios do máis alá. Enxordéceo o continuo zumbido dos aeroxeneradores que flanquean a porta máxica.

Pero estas rutas non chegan a Portalén no mes de novembro, cando noutras datas os camiñantes atravesan o seu limiar: "non por ser supersticioso, senón por respecto á tradición. Cruzar Portalén nunca foi unha romaría, é un acto íntimo na procura do consello do alén".