Permítaseme parafrasear o título do coñecido filme de Vicente Aranda para dar conta do brazado de actividades desenvolvidas polo colectivo cerdedense Capitán Gosende nesta última semana, pois, de facer perna e aguilloar a autoridade vai o asunto.

A tropa dos Gosende ergueuse cedo o domingo 27 de outubro co aquel de acompañar un novo grupo de excursionistas polos camiños do Seixo. Nesta ocasión, foron os integrantes da compañía teatral pontevedresa "Avelaíña Teatro" os que, semanas atrás, expresaran o desexo de atinxir os cumes do monte do Seixo, tamén coñecido pola Montaña Máxica ou o santuario perdido dos celtas. Cos amigos de "Avelaíña Teatro" o contador de visitantes guiados polo Seixo reflicte a cifra de 2.401 persoas (súmese algún can tamén). - non se dará tregua até que a saúde pida papas ou a integridade dos santos lugares sexa restaurada.

A caravana automobilística saíu de Cerdedo a iso das 10 da mañá. A medida que gañabamos altura, a néboa foi pousando sobre os nosos ombreiros a súa albeira farrapada. Houbo que proverse de roupa de abrigo, pois, amais da mesta zarracina, unha airexa frescocha aterecía as mans e xostregaba as facianas. Alguén lembrou unha vella sentenza: "Dixo o monte do Seixo: Quen queira ser o meu amigo verdadeiro, véñame visitar de vrau e mais de inverno". A Montaña Máxica nunca nega os seus encantos, porén, sempre esixe o aboamento dunha portaxe. Poucas as grazas.

Como estaba programado, os camiñantes cubrimos a distancia que afasta a necrópole neolítica de Chan de Mamas da encrucillada de Portalén e o Marco do Vento (Roteiro 1). A seguir, dirixímonos cara ao Castro Grande (Roteiro 4), seguindo o trazado, oeste-leste, das Pedras Guiadas (aliñamento megalítico) deica a mámoa de Xestido. O neboeiro, como premio á nosa afouteza, permitiunos, cara ao remate da mañá, dexergar a illa de Tambo, no fondal da ría de Pontevedra.

Tras a paseata polo Alén, o eido dos mortos, procuramos reconciliarnos co mundo dos vivos, enviando ao bandullo unhas culleradas de sopa quente (ou fabas) e unhas contundentes racións de vitela (a saborosa e típica croca), servidas no comer polo restaurante "Florida" de Forcarei.

Os Gosende que participamos do xantar apenas tivemos tempo de mollar os beizos co café, posto que, ás 5 da tarde, ficaramos cos máis da tropa en Cerdedo, para dar remate ás tarefas de limpeza e acondicionamento da corredoira que, pola beira esquerda do río Lérez, une as aldeas de Vichocuntín e Pedre.

Estes labores tiñan como obxectivo deixar en perfecto estado de revista o último quilómetro da sección norte do itinerario cultural nomeado "Roteiro polo Pedre milenario", deseñado e promovido por Capitán Gosende.

Mentres houbo luz, a tropa dos Gosende afanouse en librar o agochado vieiro da vexetación espiñenta que o atravesaba, retirando, asemade, catro bolsas de lixo (mormente, envases de plástico, vidro e follalata), dous pneumáticos e un colchón. Abondan os comentarios. Os pneumáticos pousámolos á beira da antiga estrada de Ourense. O colchón deixámolo ben á vista, na beiraestrada da N-541 ao seu paso por Pedre. Prégaselle ao servizo de limpeza do Concello que localice os vultos e faga por trasladalos ao punto limpo de Deán.

Os traballos descritos revestían certa urxencia, posto que, para o día 30 de outubro, programárase unha camiñada pola parroquia de Pedre (Cerdedo), escenario escolleito para festexar o magosto canda os alumnos de Secundaria do colexio vigués onde exerzo o maxisterio. Non se podía ter feito mellor elección.

O día 30, mércores, tres autocares ateigados de rapaces partían de Vigo con dirección a Terra de Montes. Un flamante sol outonizo vaticinaba unha xornada propicia. Transcorrida unha hora e cuarto de viaxe (62 km), douscentos expedicionarios puñan o pé no enlousado da Eira Grande. Como exclamou un veciño: "Pedre nunca tal cousa vira!".

Ao pé dos canastros, fixemos o primeiro pouso interpretativo. As necesarias explicacións retomáronse baixo a Pontapedre, a carón do Xacente do Coto das Insuas, ao pé da capela do San Lourenzo (O Serrapio) e na aldea vella de Vichocuntín. Foron precisas catro horas para cubrir os 7 km da primeira etapa do roteiro. Esgotados e satisfeitos polo moito visto e andado, a interminábel fileira de estudantes acadou o lugar no que estacionara o convoi de buses. "Mestre, teño fame!!", escoitábase con insistencia. Daban as dúas e media.

Sen demora, os autocares partiron cara a Cerdedo. No restaurante "O Meu Lar" agardaban por nós cunha soberbia castañada. Saciadas fames e sedes, ás 4 da tarde, sen novidade, abandonamos a cerdedense rúa das Longas destino Vigo. Escuso dicir que a experiencia vivida na verdecente valiña do Lérez perdurará na memoria do noso alumnado urbanita. Mais, non acaba aquí o conto.

A noite do 31 de outubro, xoves, Capitán Gosende organizou a III edición do "Roteiro da Pantalla" que, cada ano, vai gañando máis e máis adeptos. Coa celebración da devandita actividade, o colectivo pretende, en Cerdedo, manter viva a vertente escatolóxica do magosto, festa enmarcada no mes de novembro, o mes de Santos, a época do ano na que se honra os defuntos, na que as fronteiras do Máis Alá descorren as caravillas.

Xa anoitecera cando un grupo de 70 persoas, provistas de lanternas e aparellos tradicionais de iluminación, se arremuiñaba á roda do cruceiro da Eira Grande de Pedre. Por segundo ano consecutivo, escollérase a congostra da Pontapedre para ritualizar a noiteva procesión de ánimas en pena. Moitos dos participantes decidiron caracterizarse consonte as esixencias do guión.

Solemne, silandeira, en escrupulosa fileira, a comitiva descendeu a escura corripa da Pontapedre, cruzou o Lérez pola ponte medieval, atravesou a amortuxada aldea do Serrapio, ascendeu o lúgubre cotarelo do San Lourenzo, visitou o Xacente do Coto das Insuas e volveu por onde viñera non sen dificultade. Xaora, unha poalla intermitente, a irregularidade do empedrado e a ausencia total de lúa espeliron o instinto de supervivencia dos concorrentes.

A iso das dez e media, ao abeiro da casa de turismo rural "A Florinda" e arredor dunha ampla e ben provista mesa, ceouse animadamente. Coa sobremesa, á luz das candeas, acompañando o café de pota e os licores variados, os comensais prodigáronse no relatorio dos contos de medo. Na lareira, bailaricaban as lapas.

Moi de madrugada, algúns abandonamos a aldea de Pedre, pensando xa na Pantalla do vindeiro ano. Outros, preferiron entregar o seu sono (e os seus soños) á confortabilidade da "Florinda".

Tres actividades exitosas en apenas unha semana, perto de 20 quilómetros percorridos, unhas trescentas persoas mobilizadas, tres establecementos hostaleiros favorecidos e agradecidos. O monte do Seixo, o Pedre milenario, a Pantalla..., malia os nosos escasos medios, malia a nosa falla de tempo.

Fai máis quen quere ca quen pode. Viva Capitán Gosende!! A nosa cabeza, unha perola de polbo a ferver. Na cabeciña das autoridades non entra o sal.