Hai un político, neste tempo en que a clase política está máis en entredito que as chamadas en tempos de Franco "xentes de mal vivir", que desprega un espírito de desprendemento que obriga a se reconciliar dalgún xeito coa política en abstracto e a pensar que algún día poderemos tamén reconciliarnos con políticos concretos.

É o presidente do Uruguay, José Alberto Mújica Cordano, nacido en Montevideo no ano 1935. Vive nunha parceliña nas aforas da capital. Dende alí, doa a fondos de axuda social o 90% do seu salario. Di que o resto, o 10%, lle chega ben para vivir e proclama que "me tiene que alcanzar, porque hay otros uruguayos que viven con mucho menos", dando mostra inequívoca de que para el si conta o que pensen os seus paisanos. Tamén propón doar as xubilacións presidenciais, a mesma que el cobrará algún día, aínda que xa ten 78 anos e segue ó pé do canón. Para se desprazar, ten un Volkswagen valorado en 1.495 dólares. Non ten contas bancarias e tampouco débedas. Di durmir tranquilo e só aspira a rematar o seu mandato democrático para descansar definitivamente na súa "chacra" de Rincón del Cerro. Estamos a falar do vivo exemplo do que os romanos chamaban o primus inter pares, é dicir, o primeiro entre iguais.

Facía referencia orixinalmente á figura do emperador nas primeiras fases do Imperio Romano. Atopamos casos de primus inter pares na Antiga Grecia (protos metaxey ison) ou nas tribos xermánicas, que deixarían a súa impronta na posterior formación do feudalismo durante a Alta Idade Media europea, en concreto durante a monarquía visigoda na península ibérica. Posteriormente, o termo comezaría a ser usado para indicar que unha persoa é o maior ou o máis importante dentro dun grupo de xente que comparte o mesmo nivel ou responsabilidade. O concepto soe utilizarse en referencia a un título específico, pode indicar que a persoa así descrita é técnicamente igual, pero mirada como autoridade ou con importancia especial polos seus pares.

Pero, mentres na antigüidade era usada como unha forma de disimular o aspecto de ditadura do seu goberno, sobre todo durante a etapa inicial do Imperio para calmar aos que desexaban o retorno á vella República, se hoxe lla aplicamos a alguén coma o presidente do Uruguay e porque non ten volta de folla nin obedece a disimulo ningún, senón que alude a quen representa a honestidade de vivir francamente e non de cara á galería.

¿Cando poderemos dicir dalgúns políticos españois que doan a labores sociais xa non digo o 90% do seu salario, senón tan só o 5% e, sobre todo, non enganan sobre os seus ingresos ou, aínda peor, non ocultan sobresoldos ou dietas mal devengadas? Ese día quizais nos reconciliemos todos un pouco máis coa política, por fin.

*Escritor e presidente de Foro Forcarei