Benigno Souto Fariñas ten 83 anos, pero non se lle botan para nada. Mantense tan activo como sempre, e ensina con orgullo a súa última afección: Os seus cadros.

-Como chegou á pintura?

-Nunca soñei coa pintura, e é o que máis tempo me rouba agora. A min, incluso tendo os meus problemas de saúde (son diabético e teño problemas de próstata, ademais de estar operado da vesícula e do colon), gústame estar activo. Hai quen chega a certa idade e encártase, pero eu non. Sempre digo que me pode quedar pouco tempo de vida, por iso teño que aproveitalo. Eu non vou afundir, eu floto para arriba.

-E como decidiu empezar a pintar?

-Eu cheguei moi tarde á pintura. Avisáronme do centro de maiores de Silleda de que se iniciaba un curso. Agora mesmo non estou indo, estou xa indo a outro mestre. Alí foron os meus primeiros pasos. Eu xubileime preto dos 70 anos, pero seguín traballando. Hai xubilados que se aburren e incluso se poñen mal dos nervios, pero eu non.

-Xubilouse tarde, e mais seguiu traballando?

-Si, eu deilles as granxas de porcino aos meus fillos, pero seguín traballando nelas e cobrando un soldo como calquera outro obreiro. Así botei uns cantos anos, ata que finalmente decidín que era hora de rematar. Aos rapaces ao comezo faltáballes coñecemento, experiencia, e demais, pero unha vez que os teñen xa puiden xubilarme. Efectivamente seguín traballando, non coa mesma intensidade, pero asesorándoos.

-Como foi a súa experiencia como empresario de granxas porcinas?

-Nós temos o ciclo completo, tamén porcas parideiras, engordamos o leitón... O dos partos e os celos é máis delicado,e non son dúas nin tres: Hoxe debemos ter dúas mil porcas, e mil porcos de cebo. Penso que xa teño dereito a desocuparme un pouco, e unha vez que deixei iso, púxenme a facer cousas. A min o que me falta é tempo para facer todo o que quero facer! Traballo na horta, traballo na casa, fago de carpinteiro, de ferreiro...

-Pero fai unha chea de actividades máis, non é?

-Empecei indo a clases de informática. Eu nunca manexara un ordenador, e pensaba que a vista non me ía responder, pero algo fun facendo: entrar en internet, ver cousas... Despois fun a pintura, a talleres de memoria. Vou a todo! Empecei a pintar haberá un par de anos. Eu son unha persoa que non ten cultura, fun á escola ata os 14 anos...

-Pero ten cultura da outra,a da vida!

-Eu son de entorno rural, fun á escola da parroquia, pero o día que fixen os 14 anos empecei a traballar, e xa non parei. Díxome un médico "ti fuches á Universidade máis grande que hai, que é a Universidade da vida!"

-Como foi a súa experiencia na emigración?

-Estiven só catro anos, despois de casar cando tiña 26. Eu entrei en Venezuela, pero Venezuela non entrou en min, por iso volvín tan pronto. Alí tivemos dous rapaces, e traballei nunha gasolineira, e no reparto da cervexa Heineken. Alí estaban en plena ditadura de Pérez Jiménez, e cando foi derrocado Venezuela converteuse nun gran problema. Tiñamos os negocios pechados para que non viñesen os revolucionarios saquearchos,e eu necesitaba leite para os pequenos. Pero sempre había algún amigo que cha traía agochada.

-E como foi a volta?

-Instalámonos aquí, fixemos esta casa e puxemos unha tenda de ultramariños. Conseguín unha licenza de taxi, e púxenme de taxista moito tempo. Logo empecei no negocio dos porcos, porque na casa da miña muller foron carniceiros toda a vida. Empecei a ter porcos para matar e vender na tenda. A carne tiña moito éxito, comprábannola de fóra moito, así que entrei por aí.