Tadashi Yamamoto é un namorado da cultura galega. Ademais das súas investigacións antropolóxicas sobre eventos coma o Festival de Pardiñas, en Guitiriz, está traducindo ao xaponés unha das mellores obras da nosa literatura: Memorias dun neno labrego, do escritor cruceño Xosé Neira Vilas.

-Como naceu a idea de traducir Memorias dun neno labrego ao xaponés?

-Foi unha casualidade: eu non veño da literatura, son antropólogo, e hai dous anos, realizando un traballo de campo en Guitiriz, polo Festival de Música de Pardiñas, coñecín a Neira Vilas. El interesouse por min, como xaponés introducido na cultura galega. Eu, a dicir verdade, non sabía nada de Neira Vilas nin de Memorias, pero regaloume un exemplar, e retornando a Santiago e preguntándolles aos meus amigos de por aquí, ensináronme moito sobre esta obra. Logo Xosé preguntoume se quería traducir ao xaponés, e así empezou todo.

-Como está resultando esta tradución?

-Para min é a primeira experiencia, é moi diferente a tradución á antropoloxía. Así que primeiro pensei se tiña capacidade de cumprir ese traballo, e finalmente decidín, haberá cousa dun ano, poñerme con ela.

-E como se traslada a cultura rural do interior de Galicia, da comarca do Deza, á sociedade xaponesa?

-Hai moitas cousas para traducir culturalmente. Por exemplo, unha escena de entroido. Alá non temos ese costume, e teño que pensar como a traduzo, se a través dalgún costume parecido ou introducindo algunha explicación nunha nota. Hai varios xeitos, pero aínda non determinei cales. Outros costumes coma o loito ocupan un capítulo, coa morte do tío de Balbino. Así vou aprendendo cousas da sociedade e a cultura galegas.

- Lingüisticamente, estalle a resultar complicado?

-Hai que ter en conta que é un libro de hai medio século, e hai moitas palabras que non se atopan no Dicionario. Busquei no Dicionario de dicionarios, é unha ferramenta de traballo moi útil. É moi difícil, pero me gusta, está sendo interesante.

-Vai ser unha tradución literal ou vai introducir adaptacións culturais?

-Unha tradución literal sería moi estrita, teño que modificar cousas para que as entendan os meus paisanos. Quero facer un libro para ler, sobre todo.

-Que acollida pode ter esta novela na sociedade xaponesa?

-Esa obra ten dous puntos moi importantes: por unha banda, o valor literario, xa que trata temas universais, coma a vida, a morte, o amor e a sociedade. Os nenos xaponeses poden compartir os sentimentos de Balbino. - ademais , a obra ten valor etnográfico ou etnohistórico, de forma que os nenos poden coñecer unha cultura estranxeira. Paga a pena traducila.

-Vai seguir coa obra de Neira Vilas, como con Cartas a Lelo?

-Si me interesa, seguiría se Neira Vilas quere. Pero Memorias dun neno labrego é o traballo máis importante, preferente. Estou pensando se sigo coa tradución da súa obra ou volvo ao meu campo, que é a antropoloxía. Aínda non o decidín. Penso que despois desta tradución vou seguir co Festival de Pardiñas. Ata hai sete ou oito anos, eu dedicábame ao estudo antropolóxico en Latinoamérica. Son orixinariamente latinoamericanista. Teño moito interese polo tema de migracións, para estudos futuros.

-Memorias dun neno labrego está traducida a moitísimas linguas, esperanto incluído, e tivo moitas adaptacións culturais. Hai unha versión teatralizada, un monólogo de Cándido Pazó, incluso. Por que ten tanta repercusión?

-Como dixen, ten un valor literario importante, é unha novela que pode ser entendida universalmente, por xente de todo o mundo. O ano pasado escribín un artigo sobre a novela para un libro en Xapón, foi un pouco a primeira presentación , e saíu en xullo deste ano. Aí explico a importancia deste valor literario, e do etnográfico tamén.

-Que conta neste artigo?

-A primeira parte é unha presentación da biografía de Neira Vilas, e despois fago unha pequena introdución sobre a obra. É un resumo dos puntos que xa che expuxen: O interese literario e etnográfico. Introducín tamén datos bibliográficos e unha análise antropolóxica. Para ver este fenómeno antropoloxicamente, cómpre analizar a interacción entre a obra e os seus lectores.

-E a que conclusión chegou?

-Os lectores maiores xa coñecen o contexto da obra, pero os nenos de hoxe en día xa non coñecen nada, e a que se reflicte na novela é unha realidade moi diferente á que eles viven. Hai dous anos houbo unha serie de actividades culturais arredor do 50 aniversario de Balbino. Neira Vilas levoume a unha destas exposicións, onde puiden ver a obra de nenos que debuxaban unha escena da obra. Interésame o funcionamento que pode ter cos nenos de hoxe en día.

-E como poden entrar os nenos de hoxe en día do Xapón no coñecemento desta obra?

-Os nenos actuais poden entrar na obra, e á vez coñecer cousas novas. Por iso ten esta popularidade tan grande. É un clásico vivo. O ano pasado fixen unha pequena enquisa a través de internet, e os maiores todos leran a novela, pero a xente nova, sobre todo a de cidade, xa non tanto. Penso que xa non é lectura obrigatoria nos centros de ensino, agora cambiárona por outras. Non todos os nenos de hoxe leron a novela. Por outra parte, conta unha realidade moi diferente á que eles coñecen, sobre todo os de grande urbe.

-Que previsións tes con respecto á tradución de Memorias dun neno labrego?

-Estou cos primeiros capítulos, conto con rematala para o ano que vén. Logo está o reto de atopar algunha editorial á que lle interese. Pero conto que nun ano poida estar rematada.